Apéndice vermiforme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apéndice colgando do cego coas arterias.
Situación do apéndice no aparato dixestivo.
Válvula íleocecal e apéndice vermiforme.
Corte transversal do apéndice con Enterobius (vermes nematodos) con tinguidura de hematoxilina-eosina.
Apéndice vermiforme.

O apéndice vermiforme (ou apéndice cecal) é unha estrutura con forma de tubo pechado no extremo conectado ao intestino groso na zona do cego, a partir do cal se desenvolve embrioloxicamente. O apéndice está localizado preto da unión entre o intestino delgado e o groso.

O termo "vermiforme" significa "con forma de verme".

O apéndice é unha estrutura presente nos animais do grupo dos Euarchontoglires e evolucionou independentemente nos marsupiais diprotodontos e é moi variado en tamaño e forma. [1]

Tamaño e localización nos humanos[editar | editar a fonte]

Como media o apéndice humano mide uns 11 cm de lonxitude pero pode variar entre os 2 e os 20 cm. O diámetro do apéndice é xeralmente de entre 7 e 8 mm. Está localizado no cadrante inferior dereito do abdome, preto da fosa ilíaca.[2] Aínda que a posición no abdome da súa base é bastante constante, a uns 2 cm por debaixo da válvula ileocecal, [2] a localización do seu extremo pode variar desde estar situada por detrás do cego (retrocecal, 74% dos caos) [2] a estar na pelve ou ser extraperitoneal.

A parede do apéndice ten todas as capas típicas do intestino. Está engrosada pola gran cantidade de tecido linfoide que contén. A luz é angulosa. Carece de villi, pero ten criptas de Lieberkühn irregulares con algunhas células de Paneth e enteroendócrinas [3].

O apéndice como órgano vestixial[editar | editar a fonte]

O apéndice humano considérase xeralmente unha estrutura vestixial. Unha estrutura vestixial é unha estrutura que perdeu todas ou moitas das súas funcións orixinais ao longo do proceso da evolución, aínda que puido adquirir outras funcións. O apéndice vermiforme considérase o resto reducido do gran cego que se encontraba nos antepasados remotos dos humanos. O apéndice existe nos humanos e outros simios hominoideos e en diversos graos de desenvolvemento en varias especies de monos do Vello e Novo Mundo, pero non en todas. [4] No cego, que se encontra nos tractos dixestivos de moitos herbívoros actuais, viven bacterias mutualistas que axudan aos animais a dixerir as moléculas de celulosa dos seus alimentos vexetais. [5] Como o ser humano non ten unha cantidade significativa desas bacterias no seu cego e practicamente non pode dixerir a celulosa, [6] o apéndice humano considérase unha estrutura vestixial. Iso non quere dicir que non adquirira outras funcións distintas da orixinal, como pode ser a inmunitaria, xa que contén tecido linfoide. Os órganos vestixiais evolucionan a miúdo para realizar unha nova función, que antes era inexistente ou secundaria, cando se perde a función básica orixinal. [7] Nas seccións seguintes explícanse as funcións que se cre pode desempeñar o apéndice humano.

Posibles funcións[editar | editar a fonte]

Tecido linfoide con función inmunitaria[editar | editar a fonte]

Nos adultos o apéndice actúa como un dos tecidos linfoides do sistema linfático, concretamente do chamado GALT. Está comprobado que o apéndice é rico en células linfoides que loitan contra as infeccións, polo que colabora na función inmunitaria. [8] De todos modos, esta función non é esencial, xa que a extirpación do apéndice non produce unha perda da función inmunitaria nin efectos secundarios significativos [9]. En realidade, o apéndice simplemente colabora coa súa cota correspondente á función do sistrema linfático no seu conxunto, igual que o fan o resto dos tecidos linfáticos. A presenza de tecido linfoide nas estruturas cecais considérase un carácter ancestral.

Secreción endócrina[editar | editar a fonte]

O apéndice adulto, igual que outras partes do intestino, contén algunhas células enteroendócrinas. Tamén se suxeriu que o apéndice ten unha función endócrina nos fetos. [10] Nos apéndices de fetos de 11 semanas atópanse células endócrinas que poderían contribuír a mecanismos de control biolóxico (homeostáticos) durante o desenvolvemento prenatal.

Mantemento da flora intestinal[editar | editar a fonte]

Algúns científicos propuxeron recentemente que o apéndice pode conter colonias de bacterias protectoras que son beneficiosas para a función do colon humano. [11]

William Parker, Randy Bollinger, e colegas da Universidade de Duke propuxeron que o apéndice serve como refuxio para as bacterias beneficiosas da flora normal intestinal cando certas enfermidades eliminan ditas bacterias do resto do intestino. [11][12] Esta proposta baséase nunha nova comprensión de como o sistema inmunitario axuda ao crecemento da flora bacteriana beneficiosa, [13][14] en combinación con moitas características do apéndice, como a súa arquitectura, locaclización xusto debaixo da válvula por onde flúen os residuos e xermes procedentes do intestino delgado, e a súa asociación con grandes cantidades de tecido linfoide. Aínda que investigacións realizadas no Winthrop University-Hospital mostraron que os individuos co apéndice extirpado tiñan unha probabilidade catro veces maior de sufrir recorrencia de infección por Clostridium difficile, [15] outras investigacións mostraron que hai un grao significativamente maior de infección por C. difficile entre a xente con apéndice, e máis do 80% das infeccións teñen lugar en pacientes cun apéndice intacto [16].

Esta función de refuxio para as bacterias da flora intestinal pode ser útil en países sen unha sanidade moderna, onde a diarrea é prevalente. [12] A diarrea é unha causa importante de morte nos países en desenvolvemento económico, e puido ter sido unha importante presión evolutiva nas poboacións humanas no pasado.

Enfermidades[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Apendicite.

As enfermidades máis comúns do apéndice humano son a apendicite e os tumores cancerosos. [17] O cáncer de apéndice supón 1 de cada 200 casos de tumores malignos gastrointestinais. En raros casos están presentes tamén adenomas. [18]

A apendicite é unha inflamación do apéndice. Produce dor no centro do abdome pouco localizado. [19] Consonte progresa a inflamación, a dor empeza a localizarse máis claramente no cadrante inferior dereito, e o peritoneo empeza a inflamarse, orixinando peritonite. Aparece unha dor no chamado punto de McBurney, situado a 1/3 do camiño ao longo dunha liña que vaia desde a espiña ilíaca superior anterior ao embigo. A febre e a resposta inmunitaria caracterizan tamén á apendicite. [19]

O tratamento habitual da apendicite require a extirpación do apéndice inflamado ou apendicectomía por laparotomía ou laparoscopia. Se non e trata pode romper orixinando peritonite, seguida de shock e, se non se trata rapidamente, a morte.[19] [20].

Outros usos[editar | editar a fonte]

O apéndice utilízase para a construción dun conduto urinario eferente nunha operación cirúrxica denominada procedemento de Mitrofanoff, [21] que se realiza a pacientes con vexiga neuroxénica.

O apéndice utilízase tamén como un medio para acceder ao colon en nenos con intestinos paralizados ou problemas importantes no esfínter rectal. O apéndice sácase pola superficie da pel e aplícase un catéter e unha disolución para baleirar o colon. Ver http://www.healthpoint.co.nz/default,169125.sm;jsessionid=1CD66A058B10550C51041E477C8E7075

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Smith, H. F., Fisher, R. E., Everett, M. L., Thomas, A. D., Randal Bollinger, R., Parker, W. (2009), Comparative anatomy and phylogenetic distribution of the mammalian cecal appendix. Journal of Evolutionary Biology, 22: 1984–1999. doi 10.1111/j.1420-9101.2009.01809.x [1]
  2. 2,0 2,1 2,2 Paterson-Brown, S. (2007). "15. The acute abdomen and intestinal obstruction". Principles and practice of surgery (5th ed.). Edinburgh: Churchill Livingstone. ISBN 0-443-10157-4.
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 664-665. ISBN 84-7605-361-4.
  4. Fisher, RE. The primate appendix: a reassessment. Anat Rec. 2000 Dec 15;261(6):228-36. PMID 11135184 [2]
  5. "Animal Structure & Function". Sci.waikato.ac.nz. http://sci.waikato.ac.nz/farm/content/animalstructure.html. Consultado o 2011-10-03.
  6. Slavin, JL; Brauer, PM. Marlett, JA. (Feb 1981). "Neutral detergent fiber, hemicellulose and cellulose digestibility in human subjects.". Journal of Nutrition 111 (2): 287–97.
  7. McCabe, Joseph (1912). The Story of Evolution. London: Hutchinson & Co. http://onlinebooks.library.upenn.edu/webbin/gutbook/lookup?num=1043.
  8. Zahid, A. (April 2004). "The vermiform appendix: not a useless organ". J Coll Physicians Surg Pak 14 (4): 256–8. PMID 15228837.
  9. Kumar, Vinay; Robbins, Stanley L.; Cotran, Ramzi S. (1989). Robbins' pathologic basis of disease (4th ed.). Philadelphia: Saunders. pp. 902–3. ISBN 0-7216-2302-6.
  10. "What is the function of the human appendix? Did it once have a purpose that has since been lost?". Scientific American. 1999-10-21. http://www.sciam.com/article.cfm?id=what-is-the-function-of-t. Consultado o 2008-07-01.
  11. 11,0 11,1 Associated Press. "Scientists may have found appendix's purpose". MSNBC, 5 October 2007. Accessed 17 March 2009.
  12. 12,0 12,1 Bollinger, R.R.; Barbas, A.S.; Bush, E.L.; Lin, S.S. & Parker. W. (21 December 2007). "Biofilms in the large bowel suggest an apparent function of the human vermiform appendix". Journal of Theoretical Biology 249 (4): 826–831. DOI:10.1016/j.jtbi.2007.08.032. ISSN 0022-5193. PMID 17936308. http://www.sciencedirect.com/science?_ob=ArticleURL&_udi=B6WMD-4PKXBXY-2&_user=10&_coverDate=12%2F21%2F2007&_alid=994927353&_rdoc=1&_fmt=high&_orig=search&_cdi=6932&_sort=r&_docanchor=&view=c&_ct=1&_acct=C000050221&_version=1&_urlVersion=0&_userid=10&md5=037821a4aac437b2fc1706b2347f313e.
  13. Sonnenburg J.L., Angenent L.T., Gordon J.I. (June 2004). "Getting a grip on things: how do communities of bacterial symbionts become established in our intestine?". Nat. Immunol. 5 (6): 569–73. DOI:10.1038/ni1079. PMID 15164016.
  14. Everett M.L., Palestrant D., Miller S.E., Bollinger R.R., Parker W. (2004). "Immune exclusion and immune inclusion: a new model of host-bacterial interactions in the gut". Clinical and Applied Immunology Reviews 5: 321–32.
  15. http://blogs.scientificamerican.com/guest-blog/2012/01/02/your-appendix-could-save-your-life/
  16. Merchant, R.; Mower, W.R.; Ourian, A.; Abrahamian, M.F.; Moran G.J.; Krishnadasan, A.; Talan, D.A.. (17 January 2012). "Association Between Appendectomy and Clostridium difficile Infection". J Clin Med Res 4 (1): 17–19. DOI:10.4021/jocmr770w. PMC 3279496. PMID 22383922. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=3279496.
  17. "Appendix disorders Symptoms, Diagnosis, Treatments and Causes". Wrongdiagnosis.com. http://www.wrongdiagnosis.com/a/appendix_disorders/intro.htm. Consultado o 2010-05-19.
  18. "Statistics about Appendix disorder". Wrongdiagnosis.com. http://www.wrongdiagnosis.com/a/appendix_disorders/stats.htm. Consultado o 2010-05-19.
  19. 19,0 19,1 19,2 Miller R., Kenneth , Levine, Joseph (2002). Biology. Prentice Hall. pp. 92–98. ISBN 0-13-050730-X.
  20. "appendicectomy - definition of appendicectomy". Farlex Incorporation.
  21. Mingin G.C., Baskin L.S. (2003). "Surgical management of the neurogenic bladder and bowel". Int Braz J Urol 29 (1): 53–61. DOI:10.1590/S1677-55382003000100012. PMID 15745470. http://www.brazjurol.com.br/january_february_2003/Baskin_ing_53_61.htm.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Outras lecturas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • SUNYAnatomyLabs|37|12|01|02 [3]—"Abdominal Cavity: The Cecum and the Vermiform Appendix"