Homosexualidade
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A homosexualidade é, dende unha perspectiva psicolóxica ou sociolóxica, unha orientación sexual e, dende unha perspectiva conductual ou empírica, a interacción ou atracción sexual, emocional, sentimental e afectiva entre individuos do mesmo sexo.[1] Actualmente enténdese como parte integral do imdividuo, necesaria para comprender a bioloxía, a psicoloxía, a política, a historia e as variacións culturais das identidades e prácticas sexuais dos seres humanos e dos seus grupos sociais.
Varios estudos amosaron que a homosexualidade existiu dende os comezos da humanidade, en todas as razas, en ambos sexos, en calquera nivel social. A homosexualidade tense confirmado en moitas especies animais, incluídos os primates superiores.
En 1973 a comunidade científica internacional deixóu de considerar á homosexualidade unha enfermidade ou doenza, despóis de que a American Psichiatric Association a retirara da lista de doenzas psiquiátricas que figuraban no seu Manual Diagnóstico e Estatístico, nunha polémica decisión. En 1990 a Organización Mundial da Saúde retiróu a homosexualidade da súa lista de doenzas mentáis.
Índice |
[editar] Estudo académico da homosexualidade
O termo homosexualidade é a tradución da palabra alemá Homosexualität, creada unindo o termo grego "omoios", que quere dicir "similar", e o latino "sexus", que quere dicir "sexo". Empregouno por primeira vez o escritor alemán Karl-Maria Kertbeny en 1869[2][3], e o libro Psychopathia Sexualis de Richard Freiherr von Krafft-Ebing popularizou o concepto en 1886.[3]. Dela derivan as traducións a todas as outras linguas. Emprégase para referirse a unha relación sexual e/ou afectiva entre persoas do mesmo sexo.[4]
Dende tempos de Kertbeny a homosexualidade converteuse en obxecto de estudo e debate. Inicialmente catalogouse como unha enfermidade, trastorno ou patoloxía que había que curar. Maís tarde Sigmund Freud consideróu patolóxicas tanto as prácticas como a mesma condición homosexual. A xuizo de Freud, a homosexualidade era unha manifestación de falta de desenvolvemento sexual e psicolóxico que se traducía nunha fixación previa á "madurez heterosexual". Porén, Freud chegaría a reconsiderar a súa posición co tempo, ata afirmar que a homosexualidade "non é un vicio, nin un signo de dexeneración, e non pode clasificarse como unha doenza".
Psicoanalistas como Alfred Adler e Carl Gustav Jung pronunciáronse máis estrictamente. Psicoanalistas posteriores non só non modificaron estes xuizos, sinon que os acentuaron á vez que aplicaban a terapia reparativa. Xa nos anos sesenta Irving Bieber e outros psiquiatras, partindo da análise derivada da experiencia, afirmaron que a homosexualidade era un trastorno psicolóxico derivado de relacións familiares patolóxicas durante o período edípico. Nesa mesma década, Charles Socarides defendía, pola contra, a tese de que a homosexualidade se orixinaba nunha época pre-edípica e que, polo tanto, resultaba moito máis patolóxica do que se pensara ata entón. A posterior relativización e negación deses xuizos médicos procedeu de científicos como o doctor Alfred C. Kinsey, que enuncióu teses severamente criticadas poa ciencia psiquiátrica daquela época.
[editar] Terminoloxía
Actualmente, os termos gay e lesbiana empréganse para referirse a individuos homosexuais en xeral, varóns ou femias respectivamente, e en particular a aqueles que teñen asumido a súa orientación sexual e desenvolven a súa vida conforme a ela. Tamén son empregados como eufemismo, en sustitución de termos malsoantes ou ofensivos de uso máis común. Moitos dos conceptos relativos á orientación sexual (heterosexualidade, homosexualidade, bisexualidade, etc.) confúndense ás veces entre si, sobre todo pola falta de información e polo exceso de prexuizos.
A homosexualidade feminina chámase tamén lesbianismo ou lesbianidade (calidade de lesbiana). Este termo provén do nome da poetisa Safo de Lesbos, a quen os seus poemas apaixoados adicados ás súas amigas lle valeron a reputación de homosexual. Máis raramente, ao lesbianismo chámaselle tamén tribadismo, palabra que probablemente derive do verbo grego τρίβω (tríbō), que significa "frotar". Na Grecia antiga unha muller que penetraba mediante o uso dalgún aparello era chamada tríbas (τρίβας).
A terminación "-ismo" vese ás veces como pexorativa, tal como sucede coa palabra "homosexualismo". O sufixo -ismo ten múltiples definicións, que van dende "partidario de" ata "enfermidade de", como no caso do xigantismo. Por iso, o seu uso definiría a idea de que o colectivo homosexual tende á promoción das súas condutas, ou ata de que a condición homosexual debese entender como unha deficiencia mental. Ao irse apartando a sociedade destas crenzas, foise impoñendo o termo homosexualidade, xa que a terminación -idade só implica "calidade de", ainda que no referente ao lesbianismo a terminación -ismo permanece.[5] Actualmente, o diccionario da Real Academia Galega só recolle homosexualidade.
Aínda que hoxe emprégase de forma xeralizada, cómpre reseñar que a existencia da categoría homosexual en si mesma, aplicada a persoas, é obxecto de contestación dende diferentes puntos ideolóxicos. As correntes integristas, entre elas a maioría das Igrexas cristiás e, en xeral, as confesións de raigame semita, negan a existencia de persoas homosexuais, á vez que admiten a existencia da práctica homosexual como "desviación" da conduta, e por tanto punible.
[editar] Lexislación
A situación legal e social das persoas homosexuais varía moito dun país a outro e adoita ser obxecto de polémicas.
En 1960, en Francia, a lei do 25 novembro de 1960 dobra a pena mínima por ultraxe publica ao pudor cando se trata de relacións homosexuais. Esta lei será derogada pola lei do 23 de decembro de 1980. En 1982, a lei do 4 de agosto de 1982 despenaliza definitivamente a homosexualidadeté en Francia, incluíndo aos menores de idade. A sodomía foi descriminalizada en 1962 en Illinois, en 1967 no Reino Unido, en 1969, en Alemaña Occidental e, en 1977 en Canadá. En 1977 a Carta dos dereitos e liberdades da persona de Québec foi enmendada para prohibir a discriminación por razón da orientación sexual. Trátase da primeira lei do mundo que prohibe este tipo de discriminación, aparte de algunhas vilas e condados dos Estados Unidos. En 1995 Canada fixo anticonstitucional a discriminación contra os homosexuais. En 1993 a homosexualidade foi oficialmente despenalizada en Rusia. En 1994 o parágrafo 175 foi abolido en Alemaña. No 2003 a Corte Suprema dos Estados Unidos aboliu as leis ainda en vigor contra as práticas homosexuais.
Hoxe, na maioría dos países desenvolvidos, as relacións homosexuais son aceptadas polo corpus xurídico e as persoas que as practican teñen protección legal. Algúns estados estableceron estruturas formais para confirmar as relacións legais, denominadas unión civil, sociedade ou simplemente matrimonio. Non obstante en moitos países as relacións homosexuais non se aceptan socialmente por razóns culturais ou relixiosas, e mesmo existen leis de sodomía que prohiben a actividade homosexual con diversas penas. Así está penada con pena de morte en Arabia Saudí, Emiratos Árabes Unidos, Iemen, Irán, Mauritania, Sudán e algunhas rexións de Nixeria e Somalia, e con cadea perpetua en Barbados, Bangladesh, Güiana, India, Maldivas, Myanmar, Paquistán, Qatar, Serra Leoa, Tanzania e Uganda.
Os Países Baixos foron o primeiro estado en recoñecer o matrimonio homosexual. Seguíronlle Bélxica, Canadá, España, Sudáfrica e algúns estados de Norteamérica (Connecticut, Iowa, Maine, Massachusetts, New Hampshire, Nova York e Vermont), ainda que non sempre en igualdade de dereitos cos matrimonios heterosexuais.
A unión civil entre parellas do mesmo sexo rexe en Alemaña, Andorra, Chequia, Colombia, Croacia, Dinamarca, Eslovenia, Finlandia, Francia, Hungría, Islandia, Israel, Luxemburgo, Noruega, Nova Celandia, Portugal, Reino Unido, Suecia, Suíza e o Uruguai. Tamén nalgunhas rexións da Arxentina, Australia, Brasil, os Estados Unidos e México.
[editar] Referencias
- ↑ APA Help Center - Health & Emotional Wellness - "Sexual Orientation and Homosexuality"
- ↑ Feray, Jean-Claude; Herzer, Manfred (1990). "Homosexual studies and politics in the 19th century: Karl Maria Kertbeny". Journal of Homosexuality, 19(1).
- ↑ 3,0 3,1 story in depth: Karl Maria Kertbeny
- ↑ University of Waterloo
- ↑ http://www.sigla.org.ar/nombres_de_la_homosexualidad.htm Nomes da homosexualidade
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
|
|
|
|---|---|
| Identidades do xénero | Macho · Femia · Andróxino · Boi · Genderfuck · Interxénero · Intersexual · Panxénero · Transxénero · Womyn |
| Terceiro xénero | Eunuco · Fa'afafine · Fakaleiti · Hijra · Kathoey · Khanith · Mahu · Mukhannathun · Muxe · Virxe xuramentada · Bissu · Dous espíritos |
| Identidades sexuais | Asexual · Bisexual · Ex gai · Heterosexual · Homosexual · Pansexual · Pomosexual · Gai · Lesbiana · Queer · Non heterosexual |
| Véxase tamén | Estudos de xénero · Poliamor · Orientación sexual |