Medo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O medo é unha emoción caracterizada por un intenso sentimento, habitualmente desagradable, provocado pola percepción dun perigo, real ou imaxinario, presente ou futuro. É unha emoción primaria que se deriva da aversión natural ó risco ou á ameaza, e maniféstase tanto nos animais como no ser humano. O presente artigo trata fundamentalmente do medo en humanos.

Enfoques sobre o medo[editar | editar a fonte]

Dende o punto de vista biolóxico, o medo é un esquema adaptativo, e constitúe un mecanismo de supervivencia xurdido para permitir ao individuo responder ante situacións adversas con rapidez e eficacia. Nese sentido, é normal e beneficioso para o individuo e para a súa especie.

Dende o punto de vista neurolóxico é unha forma común de organización do cerebro primario dos seres vivos, e esencialmente consiste na activación da amígdala, situada no lobo temporal.

Dende o punto de vista psicolóxico, social e cultural, o medo pode formar parte do carácter da persoa ou da organización social. Pódese, por tanto, aprender a temer obxectos ou contextos, e tamén se pode aprender a non temelos. Relaciónase de maneira complexa con outros sentimentos (medo ao medo, medo ao amor, medo á morte) e garda unha estreita relación cos distintos elementos da cultura.