Adelphopoiesis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
De acordo a John Boswell, os mártires cristiáns do século IV Serxio e Baco uníronse baixo o ritual da adelphopoiesis

A adelphopoiesis, fraternitas iurata ou ordo ad fratres faciendum é unha cerimonia practicada por varias igrexas cristiás durante a Idade Media e inicios da Idade Moderna en Europa para unir a dúas persoas do mesmo sexo (habitualmente homes).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo adelphopoiesis (literalmente ‘facer irmáns’) provén do grego ἀδελφός (adelphós): ‘irmán’, e ποιῶ (poió): ‘eu fago’.

O rito da adelphopoiesis[editar | editar a fonte]

A primeira noticia moderna que se ten do rito da adelphopoiesis (en eslavo pobratimstwo) é de 1914, cando Pável Florenski[1] cita os elementos clave da liturxia do rito:

  1. os irmáns, que están colocados na igrexa diante do atril, no cal se atopa a cruz e as escrituras; o maior dos dous colócase á dereita, mentres que o máis novo colócase á esquerda;
  2. realízanse oracións e ladaíñas que piden que os dous sexan unidos no amor e lémbraselles exemplos de amizade da historia da Igrexa;
  3. os dous son atados cun cinto, as súas mans colocadas nos evanxeos e unha candea ardendo é entregada a cada un;
  4. os versos de Primeira carta aos corintios 12:27 a 13:8 (Paulo de Tarso sobre o amor) e Evanxeo de san Xoán 17:18-26 (Xesús de Nazaret sobre a unidade) son lidos;
  5. lense máis oracións e ladaíñas como as indicadas no punto 2;
  6. lese o Noso Pai;
  7. os futuros irmáns reciben os agasallos santificados dunha copa común;
  8. condúceselles ao redor do atril mentres se dan a man e cántase o seguinte troparion: «Señor, mira dende o ceo e ve»;
  9. intercambian bicos; e
  10. os presentes cantan: «Oh, que bo, que doce habitar os irmáns todos xuntos!» (Salmos 133:1).

Unha das oracións, que se recitan durante a cerimonia, é a seguinte:

Deus todopoderoso, que fuches antes que o tempo e serás por todos os tempos, que se rebaixou a visitar os homes a través do seo da Nai de Deus e Virxe María, envía o teu santo anxo a estes os teus servidores [nome] e [nome], que se amen o un ao outro, así como os teus santos apóstolos Pedro e Paulo amábanse e Andrés e Xacobe, Xoán e Tomé, Xacobe, Filipe, Mateu, Simón, Tadeu, Matías e os santos mártires Serxio e Baco, así como Cosme e Damián, non por amor carnal, senón pola fe e o amor do Espírito Santo, que todos os días da súa vida permanezan no amor. Por Xesús Cristo, o noso señor. Amén

Adelphopoiesis na igrexa occidental[editar | editar a fonte]

Na Igrexa Católica, os sacerdotes de cando en cando participaban nos matrimonios até ben entrada a Época Moderna, xa que non foi introducida até o Concilio de Trento e a execución efectiva foi moito máis tardía nalgúns países. Isto e algúns outros feitos falan en contra de que o rito da adelphopoiesis, en latín ordo ad fratres faciendum, tivese unha grande implantación en Occidente. Con todo practícase, en parte, aínda na antiga Igrexa Católica.

Se non era no marco dunha misa e ante un sacerdote, os «irmáns» xuraban de todos os xeitos sobre un altar e anunciábano á comunidade na porta da igrexa. Pero máis que o xuramento, era o soterramento común o que daba unha vertente relixiosa ao «parentesco artificial». Da extensión desta práctica son testemuña os cemiterios ingleses e irlandeses, nos que se poden atopar numerosos enterramentos cos nomes de dous homes.[2] As inscricións son a miúdo unha mostra do agarimo que se tiñan: «O amor uniunos na vida. Que a terra os una na morte».

Unha das fontes máis temperás que describe o rito no occidente latino é o escrito de propaganda anti irlandesa Topographica Hibernica de Giraldus Cambrensis (cara a 1146-1223).[3] Trátase dunha esaxeración satírica que trata de imputarlles aos irlandeses a perversión do rito cristián con elementos pagáns:

Entre os moitos enganos da súa hostil maneira de ser, unha é especialmente instructiva. Baixo a pretensión de relixión e paz, reúnense co home co que se queren irmandar nun lugar sacro. Primeiro realizan unha alianza espiritual [compaternitatis foedera]. Logo, transpórtanse o un ao outro tres veces ao redor da igrexa e ante o altar, en presenza das reliquias dos santos, realízanse moitas promesas. Finalmente, úneselles indivisiblemente coa celebración dunha misa e os rezos de sacerdotes, coma se se tratase dunha voda.
Pero ao final, para asentar máis a súa amizade e para finalizar as cousas, cada un bebe o sangue do outro: isto copiárono do rito dos pagáns, que empregan o sangue para pechar un xuramento. Que a miúdo, nese intre da voda, eses violentos e falsos homes verquen sangue de forma tan maliciosa e hostil, que o un ou o outro fican sen sangue ningunha! Que a miúdo segue os esposorios unha separación sanguenta nesa hora inesperada, adiántaselle ou a interrompe en forma inaudita.

Douscentos anos despois da polémica de Geraldus sobre os ritos de irmandamento irlandeses, atópase o seguinte texto nunha crónica oficial dos anos da guerra civil sobre o primeiro encontro de Eduardo II de Inglaterra e Piers Gaveston:

Cando o fillo do rei viuno, sentiu tanto amor que realizou un irmandamento con el e decidiuse resolutamente ante todos os mortais a entrelazar unha liga indisoluble de amor con el.[Cómpre referencia]

Ese tipo de descricións tiñan un modelo na Biblia, concretamente en David e o seu «irmán» Ionatán:

Apenas David terminou de falar con Saúl, Ionatán encariñouse con el e chegou a querelo como a si mesmo. Saúl fíxoo quedar con el aquel día e non o deixou volver á casa do seu pai. E Ionatán fixo un pacto con David, porque o amaba como a si mesmo.

Tamén a literatura mundana elevou o amor entre dous irmáns de sangue ao ideal romántico. Isto demóstrano innumerables obras, que, en parte, contiñan relatos populares, como a historia de Horn e o seu irmán xurado Ayol, Adam Bell, o romance entre Floris e Blancheflour, Guy of Warwick ou a balada de Bewick e Graham.

Outro exemplo é a versión de Amys e Amylion realizada por un sacerdote en latín antes do século XIV. Amys e Amylion, sendo unha mestura de literatura relixiosa e secular, é unha saga popular que se atopou en diversas culturas dende a India até o Atlántico. Na súa versión cristianizada trata de dous irmáns de sangue que loitaron para Carlomagno e que tras a súa morte foron soterrados por separado. Pero no transcurso da noite os cadáveres movéronse cara ao outro e á mañá seguinte foron atopados deitados un á beira do outro. De forma semellante á inscrición funeraria mencionada enriba, a historia comenta «Así como Deus uníraos na vida a través da harmonía e o amor, así non quixo que estivesen separados na morte».

Debido á relativa uniformidade coa que foi empregada a fórmula, pódese supor que se trata dunha referencia ao Evanxeo de Mateu, onde Xesús Cristo funda a indivisibilidade do matrimonio coas palabras: «Pois ben, o que Deus uniu non o separe o home» (Evanxeo de san Mateu, capítulo 19).

Adelphoiesis en Galicia[editar | editar a fonte]

O documento máis antigo que acredita este tipo de unión en Galicia data de 1061. Este foi atopado no Tombo de Celanova, e actualmente atópase no Arquivo Histórico Nacional de Madrid. Neste documento estipúlase o irmandamento de Pedro Díaz e Muño Vandilaz, veciños da parroquia de Ordes (Rairiz de Veiga).[4]

Interpretación moderna[editar | editar a fonte]

O rito do irmandamento ou adelphopoiesis gañou en relevancia entre os historiadores que se ocupan da historia da homosexualidade nos últimos anos, xa que modificou a imaxe que se tiña da Idade Media e o inicio da Idade Moderna. John Boswell tomou a institución como demostración de que o cristianismo non sempre foi homófobo no seu libro Same-sex unions in premodern Europe (unións homosexuais na Europa premoderna), tamén publicada como The marriage of likeness (O matrimonio de semellanza). Boswell dá o texto e a tradución dunha serie de versións desta cerimonia en grego e a tradución para unha serie de versións en eslavónico. Con todo, Boswell presupón unha acepción moderna da homosexualidade, que na Idade Media non tiña ningún sentido: a consideración do homosexual como unha tipoloxía de persoa.

O non menos coñecido historiador Alan Bray estudou a adelphopoiesis con máis detalle, tomando como base as fontes inglesas. Na súa obra póstuma The friend tenta reconstruír a institución desde o punto de vista e a sociedade medieval. Relacións de parentesco «artificiais», das que o irmandamento parece non ser máis que unha variante, tiñan unha función central no apontoamento horizontal da familia nos fogares premodernos. Non só se defendían coas armas o un ao outro, o que na sociedade feudal era un aspecto que non se pode sobrevalorar, senón que os irmandamentos unían familias completas, polo que tales amizades eran a miúdo fomentadas polos pais. Así, se un dos irmáns casaba máis tarde e tiña fillos, o irmandamento servía de elemento de seguridade: se un dos irmáns morría, o outro estaba obrigado a apoiar a familia do seu irmán de sangue cos medios que tivese dispoñibles. Semellante era a institución da compaternitas (padriño), pola que a responsabilidade dos fillos -que durante a súa mocidade vivían a miúdo en varios fogares- colectivizábase até certo punto.

Debe destacarse que a institución non foi concibida como alternativa ao matrimonio. O irmandamento non debe verse como unha institución exclusivamente romántica, senón que debe considerarse baixo os aspectos de seguridade material e persoal, a pesar do marco literario e litúrxico que resaltan o amor e a fidelidade.

Os teólogos cristiáns interésanse a miúdo pola cuestión de se tales unións foron «castas», sobre todo como consecuencia do traballo de Boswell, que interpretan a miúdo como un ataque ás súas doutrinas.[5][6] A pregunta non se pode contestar de forma xeneralizada coas fontes existentes. Alan Bray dio da seguinte maneira:

Unha segunda dificultade molesta é a demostración da opinión de Boswell de que as irmandades de sangue implicasen (ou puidesen implicar) a relación sexual entre homes ou mulleres. A crónica do mosteiro cisterciense de Meaux (en Yorkshire), unha obra de enorme erudición do século XIV, comenta que Eduardo II de Inglaterra «in vitio sodomitico nimium delectábat» (no vicio sodomítico especialmente deleitábase) e o biógrafo moderno de Gaveston conclúe, de forma comprensible, que non hai dúbida de que a relación de Eduardo e Graveston era de natureza sexual. Isto naturalmente non era apoiado polo dereito canónico, pero é pouco probable que Eduardo e Graveston fosen únicos neste senso. Tamén existe unha ambivalencia sexual semellante en canto ás demais formas de parentesco ritual, que evoca a exposición de Giraldus. Os tribunais eclesiásticos rexeitaban as relacións sexuais antes do matrimonio eclesiástico e non secundaban as relacións sexuais dos parentes espirituais da compaternitas, os commatres e compatres; con todo a condena das relacións sexuais tras o matrimonio era desatendida, e o pracer especial das relacións sexuais con commatres e compatres era unha boa fonte de chistes durante toda a Idade Media.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. JAS (2003). "Adelphopoiesis". The Stephanos Project (en inglés). Archived from the original on 15 de febreiro de 2005. Consultado o 15 de xuño de 2010. 
  2. Vitoria Combe (2001). "Church 'has long blessed gays'". Telegraph.co.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2008. Consultado o 15 de xuño de 2010. 
  3. Alan Bray (1999). "Boswell and the Latin West and the debate over the blessing of friendship today" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2011. Consultado o 15 de xuño de 2010. 
  4. "Máis que amigos", artigo en Vieiros, 6 de decembro de 2008. Consultado o 15 de xuño de 2010
  5. Paul Halsall (1995). "Reviewing Boswell" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2012. Consultado o 15 de xuño de 2010. 
  6. Robin Darling Young (1994). "Gay Marriage: Reimagining Church History". Leadership Ou (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2010. 
  7. Bray, Alan (2003). The friend. Chicago, Londres.  páx. 38 e sig.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boswell, John (1994). Same-Sex Unions in Premodern Europa. Nova York.
  • Bray, Alan (2003). The friend. Chicago e Londres.
  • Callón, Carlos (2011). Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. ISBN 978-84-7824-614-4. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]