Poliamor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación a prol do poliamor en San Francisco.

O poliamor é unha relación análoga á de parella que involucra a varias persoas, co seu pleno coñecemento e consentimento. Esta relación ten unha duración suficiente para que non poida ser considerada efémera.

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

O termo é un neoloxismo procedente do inglés polyamory, do grego poli, moitos, e do latín amor.

Ten a súa orixe na década de 1960, se ben hai moitos exemplos anteriores desta práctica, como William Moulton Marston na década de 1920 ou ao longo da historia en diversas etnias e culturas[Cómpre referencia]. O termo foi popularizado a partir da década de 1990. En 1990 Morning Glory animaba á popularización do termo no seu artigo "A bouquet of Lovers". En 1992 Jennifer Wesp creou un grupo de noticias na internet co nome de alt.polyamory.

Morning Glory, baixo petición do editor do Dicionario Inglés Oxford para incluír este termo, definiu a palabra deste modo:

A práctica, estado ou habilidade para ter máis dunha relación amorosa, sexual, simultánea, co pleno coñecemento e consentimento de todos os amores involucrados.

O esencial do poliamor é que máis de dúas persoas estean nun mesmo tempo relacionadas amorosamente e involucradas nas súas vidas e coidado mutuo, en múltiples dimensións. Por tanto, o termo non é aplicable a meras relacións sexuais sen compromiso, sexo grupal, prostitución, monogamia seriada ou outras formas de intercambio de parella. O termo pretende ser incluínte, referíndose a todas as orientacións sexuais (hetero, homo e bisexuais), sen excluír particularmente a quen practica o intercambio de parellas. Se ben o intercambio de parellas non implica necesariamente infidelidade, tampouco implica namoramento coas súas relacións externas, a diferenza do poliamor.

Variedades[editar | editar a fonte]

A polifidelidade involucra múltiples relacións amorosas onde o contacto sexual está restrinxido aos membros específicos do grupo. As relacións xerárquicas distinguen entre relación primaria e secundaria, como por exemplo os matrimonios abertos.

Na poligamia unha persoa casa con varios homes (poliandria) ou varias mulleres (polixinia), os cales poden manter ou non relacións entre si.

Na relación ou matrimonio grupal todos os membros están igualmente asociados uns entre outros. O termo foi popularizado por novelistas como Robert Heinlein, en Stranger in a strange land ou The moon is a harsh mistress, Robert Rimmer e Valentine Starhawk.

A relación aberta é diferente do poliamor. Unha relación aberta denota unha relación (usualmente entre dúas persoas) onde os participantes son libres de ter outros amores; cando as persoas están casadas, denomínase matrimonio aberto. Algunhas relacións poñen restricións estritas para os seus membros (por exemplo: a polifidelidade); tales relacións son poliamorosas, pero non abertas. Outras relacións permiten sexo fóra da relación primaria, pero non amor ou romance; estas relacións son abertas pero non poliamorosas. Con todo, algunhas persoas poliamorosas non ven dicotomías entre "relacionados" e "non relacionados", entre "amores" e "non amores", de xeito que perde sentido clasificar as relacións como abertas ou pechadas.

Nas redes de relacións conexas cada persoa pode ter varias relacións, en diversos graos de importancia, con varias persoas. As relacións mono-poliamorosas inclúen unha persoa monógama que acepta que a outra sosteña relacións externas. Os arranxos xeométricos aparecen descritos polo número de persoas involucradas e a súa relación de conexión, por exemplo, o trío. A tribo ou clan acolle relacións de amizade, amor e sexualidade con redes complexas entre os membros, mantendo entre todos unha identidade e coidado común.

Valores[editar | editar a fonte]

Fidelidade[editar | editar a fonte]

A maioría das persoas monógamas definen a exclusividade sexual, comunmente chamada fidelidade, como o compromiso cun só amor exclusivo, acordando non ter relacións sexuais ou amorosas con outras persoas durante dito compromiso. Pola súa parte, a maioría das persoas poliamorosas definen a fidelidade como a honestidade cos seus amores respecto ás súas relacións, adheríndose aos compromisos establecidos con cada un deles.

Honestidade e respecto[editar | editar a fonte]

A maioría das persoas poliamorosas resalta a importancia do respecto e a comunicación con todos os seus amores. Ocultar información parécelles algo enganoso, xa que a persoa dificilmente pode gañarse a confianza dos seus amores. O amor debe aceptarse como parte principal da vida da persoa, máis que como algo secundario.

Comunicación e negociación[editar | editar a fonte]

Xa que, pola súa propia esencia, non existe un "modelo estándar" de relación poliamorosa, os participantes de cada relación establecen libremente como debe funcionar a súa relación. É importante que se defina entre todos os membros implicados, porque se non as expectativas falidas poden ser daniñas para a relación. A diferenza doutras formas de relacións negociadas, como o acordo prenupcial, os poliamorosos adoitan tomar a negociación coma un proceso continuo ao longo da relación.

En relacións convencionais, os participantes poden establecer un conxunto de expectativas comúns sen ter que negocialas conscientemente, simplemente seguen estándares sociais (por exemplo, un esposo e esposa esperan apoio financeiro un do outro). Xa que as relacións poliamorosas non se basean en estándares sociais como punto de partida, dentro da relación é necesario acordar moito máis por medio da comunicación, o mutuo respecto e a comprensión.

Desapego[editar | editar a fonte]

As persoas en relacións convencionais adoitan acordan non buscar outras relacións en ningunha circunstancia, xa que porían en perigo a relación primaria, xa fose diluíndoa ou substituíndoa. As persoas poliamorosas cren que estas restricións non son de feito o mellor nunha relación, xa que tende a substituír a confianza por prohibicións posesivas, e poñen as relacións nun marco de propiedade e control ("ti es meu"). Isto reflicte suposicións culturais onde as restricións parecen necesarias para frear "deslices" da parella, ou onde a outra relación próxima puidese ser unha seria ameaza á dilución do vencello.

As persoas poliamorosas perciben o amor da parella coma un enriquecemento da vida da parella máis ca unha ameaza para a relación, polo que se acostuma entender a visión posesiva das relaciones como algo a evitar, o que require un bo labor de confianza. Se ben o desapego é unha parte importante de moitas relacións poliamorosas, non é tan universal como os outros valores mencionados. Algunhas alternativas inclúen acordos nos que unha relación primaria posesiva é combinada con relacións secundarias desapegadas (común no matrimonio aberto), e relacións asimétricas nas que a "posesión" só se aplica nun sentido.

Grupos e conceptos relacionados[editar | editar a fonte]

Existe unha certa superposición entre as definicións de poligamia e poliamor: calquera relación amorosa polígama podería ser considerada tamén como poliamorosa, e moitas persoas poliamorosas considéranse casadas con máis dunha persoa. Con todo, na práctica o uso distingue os termos: a palabra poligamia é máis comunmente usada para referirse a unha forma codificada de matrimonio ou unión múltiple (especialmente aqueles que teñen unha base relixiosa ou tradicional), mentres que o termo poliamor implica unha relación definida por acordos entre os membros, máis ca unha norma cultural.

Así, se ben poligamia e poliamor son decote tratados por neófitos como conceptos similares, os dous están baseados en diferentes filosofías e ideais, e existe pouca interacción entre os que se consideran polígamos e os poliamorosos. Pola contra, o poliamor está ligado a grupos e ideoloxías que favorecen a liberdade e preferencia individual en asuntos sexuais, como as persoas homosexuais. Os valores poliamorosos de respecto, honestidade, comunicación e negociación son afíns con estes grupos, e moitos dos problemas encontrados nas relacións poliamorosas teñen paralelos, e poden encontrar solución por métodos ou ideas similares, nun mutuo enriquecemento.

Porén, as actitudes individuais varían amplamente; dentro de cada un destes grupos, algúns membros encontran outros grupos obxectables.

Críticas[editar | editar a fonte]

Obxección relixiosa[editar | editar a fonte]

A maioría das relixións conciben as relacións amorosas como relacións de parella. Mesmo as que permiten relacións polígamas, adoitan limitala a unha forma ríxida definida de matrimonio, xeralmente polixinia. Os líderes relixiosos non adoitan expresar a súa opinión sobre o poliamor, posiblemente polo pouco interese que desperta en comparación con outros temas éticos ou de relación como a homosexualidade, e porque o poliamor non se coñece nin se identifica claramente como unha forma distinta de vida.

División do amor[editar | editar a fonte]

Unha crítica común ao poliamor baséase na crenza de que, ao dividir o amor entre varias parellas, ese amor se reduce. Porén, o poliamor defende que o amor non diminúe coa división. Un argumento usualmente sostido é que unha persoa que ten dous fillos non ama menos a ningún deles pola existencia do outro. A visión sistémica encontra que o amor que xorde no grupo poliamoroso pode ser algo inalcanzable por unha persoa ou parella no particular.

Aqueles que valoran a monogamia adoitan sinalar a forza e confianza que se pode construír en parellas duradeiras por estaren enfocados un ao outro, ao non teren outras relacións. Un punto de vista intermedio defende que manter unha relación require tempo e enerxía, e ningún destes recursos é infinito; así, mentres é posible amar varias persoas tanto coma unha, hai un punto no que as relacións poderían empezar a sufrir.

Índice de fracaso[editar | editar a fonte]

As relacións poliamorosas decote son criticadas porque non duran. É difícil chegar a números precisos sobre a lonxevidade das relacións poliamorosas en comparación coas monógamas por varias razóns. Ao igual que moitos grupos de relacións non-tradicionais, os poliamorosos non publicitan o seu status, e en moitos casos só aquelas relacións que fracasan en público se chegan a percibir. O criterio de éxito dos participantes non sempre coincide co da convención monógama. O poliamor é moito máis fluído có matrimonio tradicional, así as relacións poliamorosas cambian ou terminan na medida en que os seus participantes consideran conveniente. Unha relación que enriquece as vidas dos seus participantes usualmente é considerada exitosa, mesmo cando chega ó seu fin.

Xa que o sexo e a sexualidade están ligados a aspectos emocionais, é difícil valorar os parámetros de éxito das relacións poliamorosas cando se avalían sobre evidencias escollidas segundo os diferentes puntos de vista. Non existen estudos académicos encol comparando relacións monógamas con poliamorosas, xa en función de duración (na medida daquelas relacións que fan un compromiso de "vida"), ou en función de satisfacer as expectativas dos que participan.

Persoas poliamorosas de sona[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]