Calisto III, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XIV ó século XV
Papas do século XV
Papa do século XV ó século XVI
Antipapa/s


Calisto III

Calisto III, nado co nome de Alfonso de Borja y Cavanilles en Torreta de Canals (actual barrio de Canals), no Reino de Valencia, o 31 de decembro de 1378 e finado en Roma o 6 de agosto de 1458, foi o Papa n.º 209 da Igrexa Católica, desde 1455 a 1458.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Bos pascens ('o boi que pace'), facendo referencia ao escudo de armas da súa familia, os Borgia, no que aparece un boi dourado pacendo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Procedía da nobre familia dos Borja, procedentes da vila aragonesa de de Borja, instalados no reino de València tras participar na súa conquista xunto a Xaime I.

Logo de estudar leis en Zaragoza foi profesor de Dereito na universidade de Lleida, onde chamou a atención do antipapa Bieito XIII, que o atraeu á súa causa no enfrontamento que o Cisma de Occidente provocara na Igrexa. O seu apoio ao antipapa convirteuno tamén en protexido do valenciano San Vicente Ferrer, e valeulle ser nomeado canónigo da catedral de Lleida e entrar ao servizo de Afonso V de Aragón como xurista e diplomático.

Trala morte de Bieito XIII en 1423, tres dos seus cardeais reuníronse en conclave e elixiron como sucesor a Clemente VIII que instalou a súa sé en Peñíscola.

En 1429 Afonso V, que apoiara a Bieito XIII, deseoso dun achegamento a Roma, enviou a Alonso de Borja como legado a Peñíscola coa misión de lograr que o antipapa Clemente VIII renunciase e se sometese ao papa Martiño V. O éxito da súa negociación, que supuxo a fin do cisma que dividira a Igrexa desde 1378, supúxolle a Alonso o nomeamento como bispo de València. Nesta cidade permaneceu tres anos, marchando en 1432 para acompañar a Afonso V como vicechanceler e conselleiro real na campaña que remataría en 1442 coa conquista do reino de Nápoles.

O 2 de maio de 1444 foi nomeado cardeal por Uxío IV e comezou cunha práctica que definiría o seu pontificado: o nepotismo, ofrecendo aos seus dous sobriños dos que era titor, Luis Juan de Borja e Rodrigo de Borja, importantes cargos e beneficios eclesiásticos.

Papado[editar | editar a fonte]

Conselleiro do papa Nicolao V, trala súa morte en 1455 foi elixido pontífice, adoptando o nome de Calisto III. A súa elección estivo influenciada polo rei Afonso V.

Tras ocupar o seu posto, chamou aos seus dous sobriños, dándolles categoría de príncipes e nomeando notario apostólico a Rodrigo e outorgando o goberno de Bologna a Luis Juan. Ao ano seguinte nomeounos cardeais.

A súa atención como pontífice centrouse na reconquista de Constantinopla que caera en mans do Imperio Otomán en 1453. Intentou organizar unha cruzada enviando delegacións a Inglaterra, Francia, Alemaña, Hungría, Portugal e Aragón. Aínda que nun principio recibiu o apoio de húngaros, portugueses e xenoveses, só a flota húngara partiu cara a Belgrado, que se encontraba sitiada polo exército do sultán turco, Mahomet II. A vitoria conseguida o 14 de xullo de 1456 non evitou que a cruzada fose un fracaso.

Tamén en 1456 estableceu unha comisión que anulou o xuízo que, en 1431, condenara a Xoana de Arco, declarándoa inocente dos cargos de bruxería polos que fora queimada na fogueira. Ese mesmo ano promulgou a bula Inter Caetera, pola que garantía ao reino de Portugal a exclusividade da navegación ao longo da costa africana. Un ano antes, en 1455, canonizou a San Vicente Ferrer.

En 1458, xa cara ao final do seu pontificado, enemizouse coa coroa de Aragón, pois trala morte do que fora o seu grande aliado, Afonso V, negouse a recoñecer ao seu fillo, Ferrante I, como rei de Nápoles ao considerar que dito reino pertencía á Igrexa.

Segundo unha versión coñecida por vez primeira nunha biografía póstuma, embelecida e popularizada no século XVIII polo matemático francés Pierre-Simon Laplace, Calisto III excomulgou ao cometa Halley en 1456, con ocasión da súa aparición sobre Europa, debido á tradicional crenza nos cometas como símbolo de mal agoiro, en particular naquela época contra os defensores cristiáns da cidade de Belgrado, sitiada polos otománs. Con todo, esta versión carece de sustento histórico firme. A bula de Calisto III do 29 de xuño de 1456, onde solicita as oracións dos fieis para o triunfo da cruzada, nin sequera menciona o cometa. O 6 de agosto de 1456, cando o sitio da cidade foi roto polos defensores, facía varias semanas que o cometa deixara de ser visible.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Calisto III, papa