Gregorio I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gregorio I

O Papa Gregorio I, San Gregorio Magno, nado arredor do ano 540 en Roma e finado o 12 de marzo de 604. De sobrenome Magno ou Grande, foi o 64º papa da Igrexa católica, e un dos catro Padres da Igrexa latina (xunto con san Xerome de Estridón, santo Agostiño de Hipona e santo Ambrosio de Milán). Proclamado Doutor da Igrexa o 20 de setembro de 1295 por Bonifacio VIII, foi tamén o primeiro frade en chegar ao pontificado, e probablemente a figura definitoria da posición medieval do papado como poder separado do Imperio romano. Home profundamente místico, con el a Igrexa de Roma adquiriu gran prestigio en todo Occidente; tras el, os papas intituláronse, segundo o seu exemplo, «servo dos servos de Deus» (servus servorum Dei).

Dunha familia patricia romana, chegou a ser prefecto da cidade, pero renunciou á súa carreira política e aos seus bens para facerse monxe. A súa sona fíxoo secretario de Paio II, e máis tarde foi elixido Papa contra a súa vontade. Nese momento, Roma estaba abandonada á súa sorte a mercé das invasións bárbaras e marxinada polo exarcado de Ravenna, dependente de Constantinopla.

Político[editar | editar a fonte]

Consonte o modelo de Agostiño de Hipona na súa obra Civitate Dei, buscou construír unha república cristiá onde o poder temporal estivese sometido ao espiritual buscando a xustiza e o ben común dos cidadáns. Tivo que convencer aos longobardos para que respectasen a cidade chegando a un acordo de reparto territorial con eles, nun momento en que os romanos non tiñan outra autoridade á que acudir.

Pastor[editar | editar a fonte]

Papas do século VI
Antipapas

Monxe admirador de Bieito de Nursia, fundou varios mosteiros consonte á regra deste santo, e divulgou na cristiandade o espírito beneditino de oración, estudo, traballo manual e hospitalidade.

Emprendeu unha extratexia misioneira frutífera, enviando evanxelizadores a lugares afastados como Inglaterra, dando instrucións pioneiras de respecto pola cultura indíxena dos pobos evanxelizados: non derrubar os templos paganos, adaptar os costumes aceptables, transformar as festas paganas en celebracións con significación cristiá. O monxe Agostiño de Canterbury bautizou ao rei de Kent Etelberto, casado con Berta unha princesa cristiá merovinxia. Seguidamente fundou un bispado en Canterbury. Pouco despois novos misioneiros establecerían unha autoridade metropolitana en York e en Londres.

Administrador[editar | editar a fonte]

De cualidades organizadoras notables, soubo ao redor de Roma estruturar o chamado Patrimonio de Pedro, buscando a protección dos caudillos bárbaros e poñéndoo ao servizo dos marxinados e desamparados. Porén, reivindicou a primacía fronte a Constantinopla, e o seu labor administrativo puxo os alicerces do poder temporal dos Papas e a raíz da súa decadencia espiritual.

Mestre[editar | editar a fonte]

Preocupado pola formación secular e relixiosa do pobo, impulsou tamén o coidado da liturxia e o chamado canto gregoriano

Considerado como un dos Pais da Igrexa occidental, escribiu unha regra pastoral que será guía pastoral e relixiosa dos bispos medievais, uns Diálogos sobre a vida edificante dos santos, en particular Bieito de Nursia, e a célebre Moralia in Job e varias coleccións de Homilías. A el débese o concepto de pecado capital como raíz do resto dos vicios. Tendo a súa orixe no orgullo, os pecados capitais son sete: soberbia, envexa, ira, avaricia, preguiza, gula e luxuria. Encadean ao home de xeito que este debe contar para vencelos cos dons da graza que o Espírito lle outorga, en especial a fe, a esperanza e máis o amor.