Borja, Zaragoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo do Concello de Borja.

Borja é unha cidade e un concello español da comarca do Campo de Borja, localizado no oeste da provincia de Zaragoza, na comunidade autónoma de Aragón. Está localizada a uns 62 km da cidade de Zaragoza. O concello esténdese por unha área de 154 km2, e tiña en 2008 unha poboación de 4.868 habitantes.

Do seu patrimonio histórico destacan os edificios do Pazo do Concello, a Igrexa de Santa María, a de San Miguel e mais o convento da Concepción.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da cidade remóntanse ao século V a.C. cando era habitada polos celtiberos. O nome prerromano da localidade era Bursau, cuxos restos fican no actual castelo. Logo da conquista romana, no século I a.C. constituíuse como unha importante zona de poboamento, acadando o seu máximo esplendor coa chegada dos musulmáns.

No século XII foi reconquistada polo rei aragonés e no século XV transformouse nunha fortaleza militar contra as invasións castelás, o cal lle valeu o título cidade, outorgado por Afonso o Magnánimo en 1438. Durante o reinado dos Reis Católicos foi expulsada a importante comunidade xudía que vivía nesta cidade. Os séculos XV e XVI foron tempos de gran auxe económico para a localidade. En troques, os séculos XVII e XVIII foron períodos de recesión, enfermidades e secas. Durante o século XIX a cidade comezou a se recuperar economicamente mercé a liña férrea Borja-Cortes de Navarra.

Durante o século XX a actividade agraria, sobre a que se baseaba a economía de Borja, foi perdendo peso específico, mais Borja non deu adquirido relevancia industrial, o que derivou nun declive da cidade, de xeito que parte da súa poboación tivo que emigrar cara a centros industriais.

Praza do Mercado.

Nos últimos anos do século XX, Borja consolidou a súa economía tradicional a través da tecnificación da agricultura e da DO Campo de Borja para os seus viños. Estabeleceuse un polígono industrial, denominado "Barbablanca", que confire novas oportunidades. O sector servizos desenvolveuse e modernizouse tamén.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Borja