Clemente I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aparición da Trindade ao papa Clemente, cadro do Tiepolo.

Clemente I, logo coñecido como San Clemente, nado quizais en Roma e falecido tal vez en Galípoli no ano 99, foi o cuarto papa da historia. Estivo de bispo de Roma dende o ano 91 ata a súa morte.

Vida[editar | editar a fonte]

Moi pouco se sabe da súa vida. Chamado Clemente Romano, hai fontes que sitúan o seu nacemento en Roma, pero non é seguro. Se facemos caso de Ireneo de Lión debeu coñecer a Pedro e a Paulo, Tertuliano di que foi o propio Pedro quen o coroou bispo, e hai quen sinala que foi escollido papa logo da morte de Pedro, mais que renunciou, deixándolle o bispado romano primeiro a Lino e a Anacleto despois. Oríxenes di[1] que el é o Clemente que aparece como camarada de Paulo na epístola deste aos filipenses[2].

Hai algúns indicios de que era xudeu. A súa morte ten diferentes interpretacións: hai quen di[quen?] que morreu naturalmente en Roma ou en Grecia, e quen apunta, e esa é a teoría oficial apoiada pola Igrexa Católica, que foi martirizado. Pero tampouco neste suposto coinciden as datas nin os lugares, e unhas apuntan a Galípoli, na costa anatolia, onde fora exiliado por Traxano, e outras fontes o localizan en Quersonesos, en Crimea. Este martirio, que supostamente se produciu cando o botaron ao mar cunha áncora ao pescozo, ben puido ser o do cónsul romano Flavio Clemente. E aínda que Cirilo levou as súas supostas reliquias a Roma no ano 868 para a fundación da basílica de San Clemente, no Mosteiro das Covas de Kiev reivindican que as súas reliquias (entre elas, a cabeza) as teñen gardadas eles.

Pontificado[editar | editar a fonte]

StClement1.jpg

Durante o seu pontificado producíronse revoltas contra os presbíteros en Corinto, o que probablemente fose o primeiro desacordo grave no seo da Igrexa. O papa Clemente escribiulles unha carta chamándoos á obediencia aos seis pastores e evocando a lembranza de Paulo e de Pedro, e conseguiu calmar o movemento. O que non conseguiu frear foron as primeiras discrepancias de fe, logo recoñecidas como herexías, dos gnósticos e dos ebionís, nin a represión contra os cristiáns dos emperadores Domiciano primeiro e Traxano despois.

Incluíu a palabra amén nos ritos, e reforzou, para frear a crise de Corinto, a estrutura xerárquica da Igrexa, establecendo a primacía para o bispado de Roma.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa obra máis importante, e quizais a única auténtica, é a Epístola aos corintios, que está considerado como o primeiro texto cristián logo do Novo Testamento, e que sitúa a Clemente Romano como o primeiro dos pais apostólicos. A obra está dividida en dúas partes: na primeira exhorta ao cumprimento das virtudes, e particularmente da obediencia e da humildade, e na segunda centra estes consellos xerais na resolución do conflito interno da comunidade cristiá de Corinto.

A principal achega da obra son os aspectos organizativos: dálles nome aos bispos, aos diáconos e aos presbíteros e establece que son nomeados polos apóstolos en nome de Cristo, e que polo tanto teñen que ser obedecidos plenamente polos fieis. Tamén son interesantes os testemuños sobre a vida de Pedro e Paulo, e os capítulos dedicados á resurrección dos mortos, punto teolóxico combatido polos pagáns, e onde inclúe referencias á ave fénix como símbolo da resurrección.

Ademais, atribuíronselle a el diversas obras, todas posteriores á súa morte.

  • A Segunda epístola de Clemente, importante non tanto pola autoría, que é falsa (século II, senón porque é a primeira homilía que se conserva.
  • As Dúas epístolas ás virxes, onde aborda o tema da virxindade e a cohabitación dos fieis devotos de ambos sexos.
  • Os Escritos pseudoclementinos, que é unha escolma de aventuras que podería configurar unha novela no sentido clásico, e onde o protagonista é o propio papa Clemente, que percorre distintas escolas filosóficas ata que coincide con Pedro e descobre a verdade.

Santidade[editar | editar a fonte]

Como todos os papas anteriores ao Edicto de Milán foi considerado santo, e ademais mártir. A súa festividade, tanto no rito occidental coma no oriental, é o 23 de novembro.

Clemente é representado tradicionalmente cunha áncora ou cun peixe, en referencia ao seu martirio.

Parroquias galegas[editar | editar a fonte]

En Galicia hai seis parroquias con advocación a San Clemente:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Donald Attwater. The Dictionary of Popes. The Catholic Book Club. Londres, 1939
  2. Novo Testamento. Epístola aos Filipenses, IV, 3