Ictus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Ictus
Clasificación e recursos externos

RMN de cranio mostrando hemorraxia intracerebral profunda (cerebelo): zona escura, 30 horas logo do inicio da enfermidade actual.
ICD-10 I61-I64
ICD-9 434.91
OMIM 601367
DiseasesDB 2247
MedlinePlus 000726
eMedicine neuro/9 emerg/558 emerg/557 pmr/187

O ictus[1][2] é unha patoloxía vascular do sistema nervioso central. Produce un déficit neurolóxico focal, de presentación brusca, debido a unha alteración vascular. O 80% dos ictus son obstrutivos ou isquémicos, mentres que o 20% restante son hemorráxicos, por ruptura dun vaso sanguíneo. Moitos ictus non producen ningún tipo de sintomatoloxía, e fanse patentes nas probas de imaxe a posteriori, como pode ser un TAC ou unha radiografía. Este tipo de ictus adoitan producirse máis naqueles cuxa causa é un émbolo cardíaco, a arterioesclerose, ou doenzas como a amiloidose ou a síndrome de Sneddon. O ictus cerebral é, até o de agora, o proceso médico que máis estadías no hospital, invalidez e mortalidade causa.[3]


Clasificación[editar | editar a fonte]

Accidente vascular cerebral causado por unha perda de rego sanguíneo asociada á arteria cerebral.

O cadro clínico é variado e depende do área encefálica afectada.O cadro clínico é variado e depende do área encefálica afectada. Os ictus pódense clasificar en dúas categorías principais: isquémicos e hemorráxicos.[4][2] Os ictus isquémicos son os causados pola interrupción da subministración do sangue, mentres que os ictus hemorráxicos son os que resultan da ruptura dun vaso sanguíneo ou unha estrutura vascular anormal. Ao redor do 87% dos ictus son causados pola isquemia, e o resto por hemorraxia. Algunhas hemorraxias desenvólvense dentro das zonas de isquemia ("transformación hemorráxica"). Non se sabe como moitas hemorraxias en realidade empezan como un accidente cerebrovascular isquémico. O cadro clínico é variado e depende do área encefálica afectada.

Ictus isquémico[editar | editar a fonte]

Un accidente cerebrovascular isquémico ou accidente cerebrovascular oclusivo, tamén chamado infarto cerebral, preséntase cando a estrutura perde a irrigación sanguínea debido á interrupción súbita e inmediata do fluxo sanguíneo, o que xera a aparición dunha zona infartada e é nese momento no cal ocorre o verdadeiro "infarto cerebral" e débese só á oclusión dalgunha das arterias que irrigan a masa encefálica, xa sexa por acumulación de fibrina ou de calcio ou por algunha anormalidade nos eritrocitos, pero xeralmente é por arteriosclerose ou ben por unha embolia (embolia cerebral) que procede doutra localización, fundamentalmente o corazón ou outras arterias (como a bifurcación das carótidas ou do arco aórtico). A isquemia das células cerebrais pode producirse polos seguintes mecanismos e procesos:

  1. De orixe vascular ou hemodinámico: Estenose das arterias (vasoconstricción) reactiva a multitude de procesos ("vasoespasmo cerebral"). Con frecuencia débese a unha disminución do gasto cardiaco ou da tensión arterial grave e mantida, producindo unha estenose e o seu consecuente baixo fluxo cerebral.
  2. De orixe intravascular:
    1. Trombótico ou aterotrómbico: Fórmase un coágulo nunha das arterias que irrigan o cerebro (trombo), provocando a isquemia. Este fenómeno vese favorecido pola presenza de placas de aterosclerose nas arterias cerebrais.
    2. Embólico: Consecuencia dun coágulo formado nunha vea doutra parte do corpo (embolia) e que, tras desprenderse total ou parcialmente, viaxa cara ao cerebro a través do torrente sanguíneo, ou ben outro material chegado ao torrente circulatorio por diferentes motivos: normalmente coágulo formado no corazón e tamén fracturas (embolismo graxo), tumores (embolismo metastásico), fármacos ou ata unha burbulla de aire. Ao chegar ás pequenas arterias cerebrais o émbolo queda encallado cando o seu tamaño supera o calibre das mesmas, dando lugar ao fenómeno isquémico.
  3. De orixe extravascular:
    1. Estenose por fenómenos compresivos sobre a parede vascular: Abscesos, quistes, tumores, etc...

Ictus hemorráxico[editar | editar a fonte]

Débense á rotura dun vaso sanguíneo encefálico debido a un pico hipertensivo ou a un aneurisma conxénito. Poden clasificarse en: intraparenquimatosos e hemorraxia subaracnoidea.

A hemorraxia conduce ao ictus por dous mecanismos. Por unha banda, priva de rego ao área cerebral dependente desa arteria, pero por outra banda o sangue extravasada exerce compresión sobre as estruturas cerebrais, incluídos outros vasos sanguíneos, o que aumenta a área afectada. Ulteriormente, debido ás diferenzas de presión osmótica, o hematoma producido atrae líquido plasmático co que aumenta novamente o efecto compresivo local. É por este mecanismo polo que a valoración da gravidade e o prognóstico médico dunha hemorraxia cerebral demórase 24 a 48 horas ata a total definición do área afectada. As causas máis frecuentes de hemorraxia cerebral son a hipertensión arterial e os aneurismas cerebrais

Factores de risco[editar | editar a fonte]

Os ictus son unha das principais causas de incapacidade na idade adulta. Case a metade dos doentes que sobreviven a un ictus teñen algún tipo de discapacidade residual, ben sexa unha parálise, un deterioramento cognitivo ou outro tipo de incapacidade. Dentro dos factores de risco para padecer ictus, existen uns que son modificábeis, isto é, que poden corrixirse mudando hábitos de vida ou costumes; e outros que non son modificábeis, e polo tanto, non hai ningunha actitude médica para a súa prevención. O factor de risco máis decisivo á hora de padecer un ictus é a elevada tensión arterial.

Idade e sexo[editar | editar a fonte]

A incidencia de ictus aumenta coa idade. É un factor independente e non modificábel. O número de episodios de ictus é do doble por cada década dos 55 anos en diante.[5] En canto ao sexo, os homes adoitan sufrir un terzo máis de ictus que as mulleres. Así, para todas as doenzas vasculares cerebrais agás a hemorraxia subaracnoidea, ser home proporciona un risco máis alto que no caso das mulleres.

Xenética[editar | editar a fonte]

Existen evidencias de que os accidentes vasculares cerebrais sofren unha certa asociación familiar, en parte polo compartillamento de factores de risco nun mesmo seno familiar. Porén, esta asociación xenética faise máis evidente aínda cando o ictus se da en pacientes novos. Neste tipo de doentes xoves, o alelo e4 da apoliproteína E (que infúe tamén noutras doenzas coma o Alzheimer), é un factor de risco para padecer ictus.

Raza[editar | editar a fonte]

As diferenzas epidemiolóxicas entre as diferentes razas do planeta no ictus está intimamente relacionada coas diferenzas nos hábitos de vida, e polo tanto dos factores de risco. Así, nas sociedades occidentais, e polo tanto na raza caucásica, as enfermidades vasculares cerebrais adoitan estar máis asociadas a presenza de ateromatose nas arterias carotídeas. Na raza africana é característica a anemia falciforme, doenza que pode predispor a padecer ictus isquémicos.[6]

Diabetes[editar | editar a fonte]

Os doentes diabéticos homes duplican o risco de padecer ictus, mentres que no caso das mulleres este risco pode triplicarse.[7] Dentro dos diferentes tipos de diabetes, os enfermos de diabetes tipo II ou non-insulinodependente teñen máis risco que os que padecen diabetes tipo I. Ademais, a diabetes favorece a formación de placas de ateroma, que de por si é un factor de risco de doenza vascular cerebral.

Hipertensión arterial[editar | editar a fonte]

A hipertensión arterial é, con diferenza, o factor de risco máis decisivo á hora de padecer un ictus. Independentemente da idade ou do sexo, o risco de accidente vascular cerebral aumenta co aumento da presión arterial, tanto sistólica coma diastólica. Estímase que o é o dobre por cada 7,5 mmHg que aumenta a presión diastólica.[8]. En case 7 de cada 10 doentes que sufriron ictus estaba presente a hipertensión arterial.

Dislipemia[editar | editar a fonte]

O aumento de colesterol e outras graxas facilita a formación de placas de ateroma, polo que favorece a isquemia tanto coronaria coma carotídea. Niveis baixos de colesterol LDL e altos de HDL constitúen unha redución do risco de ictus.

Alcol[editar | editar a fonte]

A relación entre o consumo de alcol e os ictus segue un modelo en "J". Isto é, pacientes abstemios teñen un risco baixo de ictus, pacientes que beben alcol en baixas dosis e regularmente semella que reduce o risco, e grandes bebedores teñen un incremento do risco de padecer ictus. Isto débese a que o consumo de alcol en grandes cantidades é quen de provocar hipertensión arterial, alteracións da coagulación, arritmias cardíacas e diminución do fluxo sanguíneo cerebral.[9]

Tabaquismo[editar | editar a fonte]

O mecanismo polo que o tabaco constitúe un factor de risco é, igual que outros factores, a formación de placas de ateroma.

Anticonceptivos orais[editar | editar a fonte]

Moitos anticonceptivos provocan unha alteración do fibrinóxeno e das proteínas C e S, causando un desequilibrio nos factores de coagulación. O aumento do risco é pequeno, agás nos casos nos que a muller sexa tamén hipertensa ou fumadora.[10]

Outros[editar | editar a fonte]

O fibrinóxeno, a homocisteína, as drogas, e certas doenzas cardíacas predispoñen tamén a padecer ictus. O sedentarismo, a obesidade, e a síndrome de apnea-hipoapnea obstructiva do sono tamén constitúen un incremento do risco.

Causas de obstrución[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conceptos básicos en las enfermedades cerebrovasculares. Dr. Jose Mª Ramírez Moreno. Hospital Universitario Infanta Cristina. Badajoz. (PPT).
  2. 2,0 2,1 ¿Qué es el ictus?, ¿Cuáles son sus causas?, Grupo de Estudio de Enfermedades Cerebrovasculares de la SEN.
  3. JJ Zarranz; Neuroloxía. Ed Esselvier, 4º edición. Capítulo 16: Doenzas vasculares cerebrais.
  4. "Brain Basics: Preventing Stroke" (en inglés). National Institute of Neurological Disorders and Stroke. http://www.ninds.nih.gov/disorders/stroke/preventing_stroke.htm. Consultado o 2009-10-24.
  5. Brown RD, Whisnant JP, Sicks JD, O'Fallon WM, Wiebers DO. Stroke incidence, prevalence and survival. Secular trends in Rochester, Minnesota, through 1989. Stroke 1996; 27: 373-380.
  6. JJ Zarranz; Neuroloxía. Ed Esselvier, 4º edición. Capítulo 16: Doenzas vasculares cerebrais.
  7. E Martínez-Vila, P Irimia. Factores de riesgo de ictus. Departamento de Neuroloxía e Neurociruxía. Clínica Universitaria. Facultad de Medicina. Universidad de Navarra. Dispoñíbel aquí.
  8. Collins R, McMahon S. Blood pressure, antihypertensive drug treatment and risks of stroke and of coronary heart disease. Br Med Bull 1994; 50: 272-298
  9. European Stroke Initiative. Stroke prevention by the practitioner. Cerebrovasc Dis 1999; 9 (Suppl 4): 1-61.
  10. E Martínez-Vila, P Irimia. Factores de riesgo de ictus. Departamento de Neuroloxía e Neurociruxía. Clínica Universitaria. Facultad de Medicina. Universidad de Navarra. Dispoñíbel aquí.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ictus

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns de interese[editar | editar a fonte]