Sultán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sultán (do árabe ﺳﻠﻂﺎﻥ sulṭān, e este de سلطة sulṭa: «poder») é un título utilizado nalgúns países islámicos equivalente ao de rei ou monarca (aínda que non se traduce, xa que un rei propiamente dito é en árabe un malik). Literalmente viría significar «o que detenta o poder», e na súa orixe foi un modo de referirse aos xefes militares, xeralmente turcos, que detentaban o poder de facto en territorios nominalmente gobernados polo califa. Máis adiante converteuse en título.

O primeiro en levar oficialmente o título foi Mahmud de Gazna, da dinastía dos gaznauís ou gaznavidas (998 - 1030), que gobernou desde a actual cidade afgá de Gazni uns dominios que ían desde o Ganxes a Mesopotamia. Despois converteuse no título dos turcos selxúcidas e otománs, así como da dinastía dos ayyubís (a de Saladino) e a dos mamelucos que gobernaron Exipto. Tamén foron sultáns os monarcas magrebís: almorábides, almohades e outras dinastías, así como os reis de taifas de Al-Ándalus. Marrocos foi un sultanato ata 1955, momento en que o sultán Mohammed Ben Yusef (Mohammed V) cambiou o seu título polo máis moderno de rei (malik).

Na actualidade o título lévano os monarcas de Omán e Brunei, e de modo honorífico algúns gobernantes locais de Filipinas, Xava ou Malaisia.

O goberno dun sultán recibe o nome de sultanato.

Sultán utilízase tamén ocasionalmente como nome propio de home.