Ponciano, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponciano

Ponciano (nado en Roma e falecido en Sardeña o 19 de novembro de 235) foi o 18º Papa da Igrexa católica entre 230 e 235.

Foi o primeiro pontífice da historia da Igrexa que non permaneceu na cadeira de San Pedro ata o seu falecemento, xa que abdicou o 28 de setembro de 235, data que ademais constitúe a primeira da historia papal totalmente confirmada por documentos históricos.

Procedeu a confirmar a condena que Demetrio de Alexandría lanzara sobre os textos de Oríxenes sobre a Resurrección, e ordenou o canto dos Salmos nas igrexas e a recitación do "Confiteor" antes de morrer, así como o uso do saúdo Dominus vobiscum ('O Señor estea convosco').

Ó igual que os seus antecesores, enfrontouse ó antipapa Hipólito, que mantivo o cisma que iniciara ó negarse a recoñecer a Ponciano como papa. Porén, a subida ó trono do imperio de Maximino o Tracio, que reactivou as persecucións contra os cristiáns, supuxo que tanto Ponciano como Hipólito fosen deportados ás minas de sal de Sardeña, onde lograron reconciliar as súas posturas, poñendo fin ó primeiro cisma que sufrira a Igrexa ó abdicar ambos a favor de Antero.

Pouco despois da abdicación Ponciano e Hipólito foron martirizados ó seren azoutados ata a morte, tralo que os seus corpos foron trasladados a Roma, onde foron inhumados nas catacumbas de San Calisto.

No seu tempo sitúase a lenda da virxe e mártir santa Cecilia, patroa da música. Baixo o pontificado de Ponciano, Valeriano (que se identifica como o mesmo Valeriano esposo de santa Cecilia) converteuse ó cristianismo e foi martirizado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]