Concilio Vaticano Segundo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Second Vatican Council by Lothar Wolleh 007.jpg
Paulo VI no Concilio.
Paulo VI, papa que pechou o Concilio.

O Concilio Vaticano Segundo ou Segundo Concilio Ecuménico do Vaticano foi un Concilio ecuménico da Igrexa Católica, comezado baixo o papado de Xoán XXIII (1962) e finalizado con Paulo VI en 1965.

Situación previa[editar | editar a fonte]

A época previa á convocatoria do Concilio Vaticano II caracterizárase pola existencia de grandes cambios dentro do seo da Igrexa Católica. Por un lado, xurdiran novas correntes teolóxicas; teólogos católicos como Karl Rahner, Joseph Ratzinger, Yves Congar ou Hans Urs von Balthasar abriran novos camiños ao pensamento cristián; por outro, os bispos tiñan que afrontar unha nova situación política, económica, social e técnica. Ademais, o inconcluso Concilio Vaticano Primeiro, case un século antes, deixara moitas cuestións dogmáticas sen fixar.

O Papa Xoán XXIII anunciou a súa vontade de convoca-lo concilio apenas tres meses após ter sucedido a Pío XII. O seu obxectivo facéndoo era, segundo el mesmo, "Abri-las fiestras da Igrexa para que poidamos mirar cara a fóra e a xente poida mirar cara dentro". De feito, non só invitou a tódolos bispos da Igrexa ó concilio, senón tamén a representantes dos protestantes e ortodoxos.

Sesións[editar | editar a fonte]

Primeira sesión (outono de 1962)[editar | editar a fonte]

O Papa abriu o concilio o día 11 de outubro de 1962 nunha sesión pública na que figuraban representantes eclesiásticos e políticos. Despois dunha misa, o Papa leu un discurso titulado Gaudet Mater Ecclesia (A Madre Igrexa alégrase), no que cargou contra aqueles que vaticinaban a fin da Igrexa e salientou a súa dimensión pastoral.

Os temas tratados nesta primeira época do Concilio incluían a liturxia, a misa, as igrexas orientais que recoñecían o Papa e a natureza da revelación.

Estas conversacións remataron o 8 de decembro dese mesmo ano, e non puideron volver a comezar ata un ano máis tarde debido á morte do Papa Xoán XXIII o 3 de xuño de 1963.

Segunda sesión (outono de 1963)[editar | editar a fonte]

Tras ser elixido como Papa, Paulo VI continuou co labor conciliar do seu predecesor. O 29 de setembro facía público un documento no que establecía claramente os catro obxectivos do Concilio:

  • Definir mellor a natureza da Igrexa e o papel do bispo.
  • Renova-la Igrexa.
  • Reunificar tódalas confesións cristiás.
  • Comezar a dialogar co mundo actual.

Neste segundo período, os bispos aprobaron a constitución Sacrosantum Concilium (relativa á liturxia) e o documento Inter Mirifica (referente á presenza da Igrexa nos medios de "comunicación social"). O 4 de decembro pechouse a segunda sesión.

Terceira sesión (outono de 1964)[editar | editar a fonte]

Empezada o 14 de setembro de 1964, baseouse en numerosos asuntos da Igrexa. Aprobáronse tres documentos: Unitatis Redintegratio (sobre o ecumenismo ou reunificación dos cristiáns), Orientalium Ecclesiarum (sobre as Igrexas orientais) e Lumen Gentium (sobre a mesma Igrexa Católica).

Tras numerosas controversias, a sesión rematou o 21 de novembro dese mesmo ano.

Cuarta sesión (outono de 1965)[editar | editar a fonte]

A cuarta e última sesión do concilio, e a terceira presidida por Paulo VI, abriuse o 14 de setembro de 1965. Aprobáronse catro documentos:

  • Dignitatis Humanae (que foi aprobado malia o rexeitamento de 224 dos bispos), co que a Igrexa recoñecía a liberdade de relixión.
  • Gaudium et Spes, que supuxo unha renovación do papel da Igrexa na sociedade actual.
  • Ad Gentes, referido ós misioneiros.
  • Presbyterorum Ordinis, que regulamentou o sacerdocio.

Outros documentos, que foran tratados en sesións anteriores, foron definitivamente aprobados neste período. Neste grupo inclúese Christus Dominus (sobre os bispos), Perfectae Caritatis (sobre as ordes relixiosas), Optatam Totius (sobre a educación dos sacerdotes), Gravissimum Educationis (sobre a educación cristiá) e Apostolicam Actuositatem (sobre o papel dos laicos).

Coa aprobación de Nostra Aetate, a Igrexa deixou claro que os xudeus de hoxe en día teñen tanta culpa sobre a morte de Cristo coma os propios cristiáns.

Un dos momentos máis salientables do período conciliar foi o encontro de Paulo VI e o Patriarca Atenágoras, ortodoxo, símbolo do achegamento das dúas igrexas.

O 8 de decembro de 1965, o Concilio quedou formalmente pechado.

Asuntos[editar | editar a fonte]

A Igrexa[editar | editar a fonte]

Se cadra, a constitución máis importante de todo o Concilio Vaticano II foi Lumen Gentium.

No seu primeiro capítulo, establécese claramente que "a única Igrexa de Cristo" é a Igrexa Católica, fundada por Cristo na persoa de San Pedro. Malia todo, engade o documento, "moitos elementos de santificación e de verdade poden atoparse fóra dos seus límites".

No segundo capítulo, ensínase que o desexo de Deus é salvar á humanidade en conxunto. Por iso, tódolos pobos do mundo están invitados á Igrexa; e incluso aqueles que non pertencen a ela poden estar, dalgunha forma, "ligados a ela", co que se suxire que os protestantes, os ortodoxos e, incluso, os xudeus e musulmáns, poden atopa-la salvación dentro das súas propias crenzas.

O terceiro capítulo esténdese sobre a figura do Papa como líder da Igrexa e mailos seus cardeais e bispos. Nos seguintes capítulos, menciónanse numerosos aspectos da Igrexa, algúns deles moi controvertidos, como o referente á Virxe María.

Liturxia[editar | editar a fonte]

O efecto máis inmediato do Concilio Vaticano II foi o establecemento dunha liturxia máis achegada ó pobo, que incluía a substitución do latín polas linguas propias de cada lugar, para facilita-la comprensión dos fieis e que en Galicia foi liderada por Quiroga Palacios.

Algo semellante ocorreu cos textos sagrados (a Igrexa comprometeuse a traducilos ás linguas de cada lugar).

Documentos Conciliares[editar | editar a fonte]

Ademais dunha serie de mensaxes finais do Concilio.

Críticas ao Concilio[editar | editar a fonte]

Algúns católicos especialmente conservadores manteñen que o Concilio Vaticano II afastou á Igrexa dos seus principios. Defenden que:

  • A Igrexa debería considerarse o único e excluínte camiño á salvación de Cristo.
  • Non debería permitirse a liberdade de culto.
  • Debería mencionarse o Xuízo trala morte e a existencia do Ceo e do Inferno.
  • A crenza da infalibilidade da Biblia debería ter sido afirmada.
  • O latín debería seguir sendo a lingua litúrxica.

Así e todo, estes grupos son moi reducidos e a Igrexa Católica en xeral aceptou o contido do Concilio.