Bieito XIII, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XVII ó século XVIII
Papas do século XVIII
Papa do século XVIII ó século XIX
Antipapa/s
  • Ningún
Bieito XIII

Bieito XIII, nado co nome de Pietro Francesco Orsini en Gravina (reino de Nápoles) en 1649 e finado en Roma o 21 de febreiro de 1730, foi Papa da Igrexa Católica entre 1724 e 1730.

Non debe confundirse co antipapa Bieito XIII (o famoso "Papa Luna") que reinou entre 1394 e 1423.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era o fillo primoxénito de Fernando III Orsini, Duque de Gravina in Puglia (Bieito pertencía á familia Orsini de Roma e foi o terceiro e último da mesma en ocupar o Solio Pontificio), e da súa esposa, Giovanna Frangipane della Tolfa del Tufo, da casa ducal de Grumo. Con nove anos, e por falecemento do seu pai, herdou os títulos de Duque de Gravina, Príncipe de Solofra, Príncipe de Vallata, Conde de Muro Lucano e patricio de Nápoles.

En 1667, en Venecia e contra a vontade da súa família que en vano apelara ó papa Clemente IX, ingresou na Orde de Predicadores (Dominicos). Profesou o 13 de febreiro de 1668, substituíndo o seu nome de bautismo polo de Vincenzo Maria. Graduouse en filosofía e teoloxía nas universidades de Nápoles, Bolonia e Venecia, e o 24 de febreiro de 1671 foi ordenado sacerdote polo Papa Clemente X.

En 1672 ese mesmo papa fíxoo cardeal do título de San Sisto, e tres anos despois consagrouno arcebispo de Manfredonia. En 1680 foi nomeado bispo de Cesena, mantendo o grao de arcebispo ad personam. En 1686 foi trasladado á sede metropolitana de Benevento, arcebispado que retivo ata a súa morte malia ser elixido sucesivamente Cardeal-bispo de Frascati (1701), cardeal-bispo de Porto-Santa Rufina (1715) e Papa. Debido ó seu prolongado cardealado, tomou parte nos conclaves de 1689, 1691, 1700, 1721 e 1724, resultando elixido sumo pontífice neste último.

Foi elixido o 29 de maio de 1724, logo de dous meses de conclave. Manifestou tomar o nome de Bieito en honra do Papa Bieito XI, un frade dominico como el. Cinco días despois foi coroado polo Cardeal Benedetto Pamphilii, protodiácono de Santa Maria in Via Lata. Só por unhas semanas utilizou o ordinal Bieito XIV, que cambiou polo de XIII ó ser advertido de que o anterior desa numeración fora un antipapa.

Durante o seu pontificado opúxoseo tenazmente ó iansenismo, que condenou mediante a nova bula Unigenitus (1726), homónima e en idéntico sentido da promulgada por Clemente XI en 1713. Con todo, o maior problema tívoo co movemento dos "católicos vellos": desautorizou en 1725 a consagración do seu fundador, Cornelius Steenhoven, como arcebispo de Utrecht, o que provocou un cisma dentro da Igrexa que aínda hoxe persiste.

Estableceu a Congregación de Seminarios en 1725 para regular e uniformizar os estudos eclesiásticos. En 1728 publicou en tres volumes diversos escritos pastorais, e ese mesmo ano, a instancias do concilio da provincia eclesiástica Tarraconense, accedeu por primeira vez a que se puidese traballar en determinadas festas consideradas "de precepto".

Descuidou a administración da curia romana. Fiel á regla da Orde de Predicadores, levou unha vida austera e de moral extrema. Quitou a lotaría de Roma, pero non se abstivo de repartir profusamente beneficios e prebendas, e se despreocupou das actividades dos seus subordinados. O certo é que á súa morte a tesorería papal estaba exhausta. Dise del que gustaba de almorzar ovos guisados segundo unha receta persoal, que sigue a ser coñecida en Italia, como ovos bieitinos en honra deste papa.

Canonizou en 1726 a San Juan de la Cruz, a San Luis Gonzaga, que fora o modelo da súa mocidade; a San Juan Nepomuceno, a San Gregorio VII, a San Estanislao de Kostka e ó mártir San Wenceslao.

Faleceu en Roma e foi sepultado na Patriarcal Basílica Vaticana. Tres anos despois, os seus restos foron transladados á capela de San Domingo da basílica de Santa Maria sopra Minerva, tamén en Roma.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Miles in bello (O soldado na guerra), cita que ó parecer fai referencia a que participou no asedio de Aviñón.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Breve reseña pola Conferencia Episcopal Española (en castelán)

Predecesor:
Inocencio XIII
Papa
1724 - 1730
Sucesor:
Clemente XII