Lino, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Linus2.jpg

Lino de Volterra, chamado logo San Lino, nado en Volterra, na Toscana, e falecido en Roma no ano 79, foi o segundo papa. Foi o primeiro sucesor de Pedro como bispo de Roma entre os anos 67-79[1]. Naquela altura, o título de papa aínda non fora creado.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe de Lino de Volterra e do seu pontificado. A maioría das fontes clásicas sinálano como segundo dos bispos de Roma, se ben nas datas existen fondas diverxencias. O Liber pontificalis dátao entre o ano 56 e o 67, durante o imperio de Nerón, Xerome de Estridón lévao ata 67-78, e Eusebio ata o segundo ano do goberno de Tito (80).

Ireneo de Lión, un autor de finais do século II, identifícao co Lino que menciona Paulo de Tarso na súa segunda carta a Timoteo, e que foi nomeado papa á morte de Pedro, polo tanto no ano 67. O Liber pontificalis (catálogo do século VI) sinala que era orixinario de Volterra, pero non identifica as fontes desa aseveración.

Aínda que como a todos os papas anteriores ao Edicto de Milán a tradición cristiá o considera un santo e mártir (a súa santidade celébrase o 23 de setembro), non existen probas de que fose en verdade asasinado polas súas crenzas.

Parroquias galegas[editar | editar a fonte]

Non hai ningunha parroquia galega baixo a avogación de San Lino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Donald Attwater. A Dictionary of the Popes. The Catholic Book Club, Londres, 1939.