Clemente IV, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XII ó século XIII
Papas do século XIII
Papa do século XIII ó século XIV
Antipapa/s
  • Ningún


Tour Ferrande - Clément IV.JPG

Clemente IV, nado en Saint-Gilles-du-Gard en 1202 e finado en Viterbo o 29 de novembro de 1268, foi o Papa nº 183 da Igrexa católica de 1265 a 1268.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Guido le Gros Foulques naceu en 1202 na localidade francesa de Saint-Gilles. Eminente xurista e conselleiro do rei Luís IX de Francia, foi ordenado sacerdote cara a 1256, tras falecer a súa esposa. Foi nomeado, sucesivamente, bispo de Le Puy (1257), arcebispo de Narbona (1259) e cardeal (1261). En 1265, resultou elixido papa in absentia, pois se atopaba nunha misión diplomática en Inglaterra. Do mesmo xeito que os seus antecesores, rivalizou coa familia Hohenstaufen (liñaxe xermánica unida, desde 1138, ao trono do Sacro Imperio Romano) e, en 1266, nomeou rei de Nápoles e Sicilia (co nome de Carlos I) a Carlos de Anjou. A cambio, este axudoulle a derrotar a Conradino (Conrado V), aliado dos xibelinos, a quen mandou executar (extinguíndose así a dinastía Hohenstaufen).

Carreira eclesiástica[editar | editar a fonte]

Á morte da súa esposa, ingresou nun mosteiro franciscano de onde, en 1256, foi reclamado para ocupar o bispado de Puy, cargo que ocupou ata que en 1259 foi nomeado arcebispo de Narbona para, finalmente, converterse, en 1261, no primeiro cardeal nomeado polo papa Urbano IV.

Papado[editar | editar a fonte]

Á morte de Urbano IV, o conclave cardinalicio reunido en Perugia, reclama a presenza do futuro Clemente IV que se atopaba en terras francesas tras o seu regreso dunha misión desenvolvida en Inglaterra como legado papal. Ao chegar ao conclave infórmano que foi elixido, por unanimidade, papa, sendo consagrado o 15 de febreiro de 1265.

O feito máis significativo durante o seu pontificado foi o enfrontamento que desencadeou a desaparición da dinastía dos Hohenstaufen, casa que fornecera os emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico desde 1138.

En efecto, seguindo a política dos seus predecesores ao obxecto de frear a Manfredo, fillo do falecido emperador Federico II, mantivo o ofrecemento da coroa de Sicilia a Carlos de Anjou, irmán do rei francés Luís IX.

Clemente IV comezou entón a predicación dunha Cruzada siciliana que culminou coa organización dun exército que derrotou e deu morte a Manfredo na Batalla de Benevento (1266). Só quedaba un membro da dinastía, Conradino de Suabia, sobriño de Manfredo e fillo de Conrado IV quen tentando recuperar a coroa de Sicilia enfrontouse en 1268 a Carlos de Anjou na Batalla de Tagliacozzo sendo feito prisioneiro e executado en Nápoles.

As profecías de San Malaquías refírense a este papa como Draco depresus (O dragón perdido ou vencido), cita que fai referencia ao feito de que no seu escudo de armas aparece unha aguia aprisionando entre as súas garras un dragón.

Á súa morte, os graves enfrontamentos no seo do colexio cardinalicio, deixaron sumida á Igrexa nun período de interregno de case tres anos. Finalmente, foi elixido sucesor seu Gregorio X.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clemente IV, papa