Xoán XV, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século X
Antipapas

Pope John XV.jpg

Xoán XV[1], nado en Roma e finado en abril de 996, foi o Papa n.º 137 da Igrexa Católica de 985 a 996.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Transcorridos quince días desde a morte do antipapa Bonifacio VII e un ano da do papa Xoán XIV, é elixido como sucesor, e por imposición de Crescencio II, un presbítero romano, fillo dun sacerdote chamado León, que tomará o nome de Xoán XV.

Durante o seu pontificado, de máis de once anos de duración, produciuse en Francia un feito de transcendental importancia ao substituír a dinastía dos Capetos á dinastía carolinxia no trono. A nova dinastía permanecería no trono francés durante os seguintes oito séculos.

En efecto, en 987, o arcebispo de Reims, Adalbero, apoiou e coroou como rei de Francia a Hugo Capeto fronte a Carlos de Lorena o irmán do falecido Lotario que xunto ao seu fillo, o tamén falecido Luís V foron os últimos reis de ascendencia carolinxia.

O novo rei nun intentou illar a Carlos e os seus partidarios carolinxios fixo elixir, en 989, a un sobriño deste, Arnulfo, como novo arcebispo de Reims. Con todo Arnulfo traizoou a Hugo e pasouse ao bando do seu tío Carlos co apoio do Papa, que se negou a depolo ao considerar que tanto a investidura como a deposición dos bispos era unha prerrogativa que lle incumbía unicamente a el.

Hugo reaccionou tomando prisioneiros a Carlos e a Arnulfo e obrigando a este a renunciar ao seu bispado nun concilio celebrado en Reims, no ano 991, onde foi elixido para substituílo o abade Xeberto, futuro papa Silvestre II.

Xoán XV tentou entón anular a destitución de Arnulfo convocando en 993 un concilio que, celebrado en Chelles, resultou contrario ás pretensións papais e confirmou a derrogación. Iguais resultados tiveron un segundo e terceiro concilios convocados en Aquisgrán e Roma ata que un novo concilio celebrado o 2 de xuño de 995 declarou ilegal a destitución de Arnulfo que no entanto permaneceu encarcerado ata que tras a morte de Hugo, o 23 de outubro de 996, foi liberado e restaurado na súa dignidade arcebispal.

Nun sínodo celebrado na a basílica romana de Letrán o 31 de xaneiro de 993 converteuse no primeiro papa da historia en emitir formalmente un decreto de canonización ao elevar aos altares ao bispo Ulrico de Augsburgo.

Xoán XV non logrou nunca ser apreciado polos romanos que o acusaban de venal e de prácticas nepóticas o que o levaron ao final do seu pontificado a fuxir a Toscana cando Crescencio II aproveitou a súa impopularidade para expulsalo.

O seu exilio durou pouco xa que pediu apoio ao emperador Otón III a cambio da coroación imperial. Crescencio II, que de ningún modo quería a Otón preto de Roma, reconciliouse co Papa polo que este puido volver para falecer a principios de abril de 996.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Existe unha tradición que afirma que con anterioridade ao pontificado de Xoán XV foi elixido papa outro Xoán que reinou durante catro meses. Isto provocou que nalgúns catálogos papais se incluíse este personaxe ficticio co nome de Xoán XV e que o histórico Xoán XV pasase a ser rexistrado como Xoán XVI.