Urbano I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santo Urbano

Urbano I, chamado logo santo Urbano, nado probablemente en Roma[1] e morto seguramente na mesma cidade o 23 de maio de 230, foi bispo cristián desa cidade entre o 222 e o 230.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vida e pontificado[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe da vida de Urbano I, fóra de que durante o seu pontificado continuou a herexía de Hipólito, pero o clima de paz nos tempos do emperador Alexandre Severo fixo aumentar as cifras de fieis, o que se percibe no medre de extensión das catacumbas. Conforme o Liber pontificalis Urbano I estableceu que os vasos sagrados fosen de prata e que as esmolas recibidas pola Igrexa se destinasen exclusivamente aos pobres e ao culto.

Morte e santidade[editar | editar a fonte]

Como todos os papas anteriores ao edicto de Milán, foi considerado santo. Tamén se ten sinalado que foi mártir, se ben non está demostrado en absoluto. A súa festa é o 25 de maio. No 862, Nicolao I enviou parte das reliquias a Carlos II de Francia, a Auxerre, onde foi venerado como patrón das viñas. Durante tempo foi considerado avogoso contra as treboadas, a gota e a embriaguez.

Parroquias en Galicia[editar | editar a fonte]

Non hai ningunha parroquia galega baixo a avogación de santo Urbano.

Iconografía[editar | editar a fonte]

A miúdo, Urbano I é representado sentado, coa tiara papal e cunha espada apuntada cara ao chan. Noutros casos leva unha mitra bispal, unha biblia e un acio de uvas na man, como lle corresponde por ser nalgunhas zonas de Europa central patrón das viñas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Donald Attwater. A Dictionary of the Popes. The Catholic Book Club. Londres. 1939, páxina 15