Uxío III, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XII
Antipapas

B Eugen III.jpg

Beato Uxío III O.Císt., nado co nome de Bernardo Paganelli di Montemagno en Pisa e finado en Tívoli o 8 de xullo de 1153, foi o papa da Igrexa Católica de 1145 a 1153.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Montemagno, preto de Pisa, no seo dunha familia cristiá, rica e da nobreza italiana. Foi ordenado sacerdote na cidade de Pisa. Segundo os rexistros da época, era intelixente, mais reservado e moi ponderado. En 1135, ingresou na Orde cisterciense. Foi designado polo seus superiores para abrir outro mosteiro da Orde na cidade de Farfa, diocese de Viterbo, de onde foi nomeado abade polo Papa Inocencio II.

Foi elixido papa o 15 de febreiro de 1145 e consagrado tres días despois, cando era abade do mosteiro cisterciense de Tre Fontane e, polo tanto, alleo ao Colexio cardinalicio.

Trala súa entronización, e debido ao enfrontamento, iniciado polo seu antecesor, co Senado romano que lle esixía a renuncia ao poder temporal, viuse obrigado a abandonar Roma para instalarse en Viterbo, cidade na que, en 1145, se reúne con Arnaldo de Bercia chegando a un acordo precario polo que se mantén o Senado, mais recoñecendo a superioridade pontificia, o que permite o regreso de Uxío a Roma.

O acordo crébase de inmediato e o papa vese obrigado, no 1146, a abandonar novamente Roma e exiliarse en Francia, dende onde organiza a Segunda Cruzada, ordenando a súa predicación ao seu mestre Bernardo de Claraval que logrou o apoio do rei francés Luis VII e do emperador xermano Conrado III e que remataría en fracaso ao non culminar coa conquista do Condade de Edesa.

No 1148 excomunga por cismático a Arnaldo de Brescia, pero non logra que o Senado romano llo entregue, polo que o papa intenta a solución militar mediante unha alianza co rei Roger II de Sicilia, coa que conseguiu retornar uns días a Roma no 1149. Foxe novamente ao perder o apoio do rei siciliano, o que o leva a buscar a unión, a cambio da coroación imperial, con Conrado III, pero o pasamento deste en 1152 impide novamente o obxectivo papal. Finalmente, en 1153, Uxío chega a un acordo co sucesor de Conrado, Federico I Barbarroxa, que lle permitiría volver a Roma onde falecería poucos días despois o 8 de xullo dese mesmo ano, despois de gobernar a Igrexa por oito anos e cinco meses, nun período histórico moi complicado e violento.

Foi beatificado en 1872 polo papa Pío IX.

As profecías de San Malaquías, refírense a este papa como Ex magnitudine montis (Da grandeza do monte), cita que fai referencia ao seu apelido, Montemangno, e ao seu lugar de nacemento, o castelo de Grammonte.