Dionisio, papa
Dionisio, (nado en Grecia e falecido en Roma o 26 de decembro de 268) foi Papa da Igrexa católica entre o 259 e o 268.
Trala morte de Sisto II a sé papal permaneceu vacante durante case un ano debido ás persecucións levadas a cabo polo emperador Valeriano contra os cristiáns.
Foi un sacerdote de gran reputación na Igrexa de Oriente, e trasladouse a Roma como presbítero durante o pontificado de Estevo I, destacando nesa etapa na controversia que vivía a Igrexa pola cuestión dos lapsi, aqueles cristiáns que por medo ó martirio apostataran da súa fe en Cristo.
Combateu o modalismo, doutrina que, seguindo as ensinanzas de Sabelio, propuña que as tres persoas da Trindade eran só unha cuestión de nomes, distintos modos de nomear a un único Deus. Tamén se enfrontou ós subordinacionistas, que presentaban ó Fillo como un ser creador.
Pero o feito máis relevante do seu pontificado foi o seu enfrontamento co seu homónimo, o bispo de Alexandría, Dionisio, ó que esixiu que aclarase a súa posición sobre a acusación que pesaba contra el de ter feito unhas declaracións heréticas respecto á doutrina trinitaria ó defender o triteísmo, doutrina que propugnaba a separación das tres persoas da Trindade en tres deidades distintas. Este enfrontamento, coñecido como "a controversia dos dous Dionisios", deu lugar a un intercambio de correspondencia entre Roma e Alexandría na que Dionisio de Alexandría escribiu Apoloxía e Refutación, defendendo a ortodoxia das súas ideas ó reducir o problema a unha simple cuestión semántica entre os cristiáns orientais que usaban como lingua litúrxica o grego, e os cristiáns occidentais que usaban o latín.
Dionisio reorganizou as parroquias romanas e obtivo de Galieno liberdade para os cristiáns.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
|
||||||||||||||