Calisto I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Calisto

Calisto I, chamado logo san Calisto, nado probablemente en Ravenna[1] e morto seguramente en Roma en 222, foi bispo cristián de Roma entre o 217 e o 222.

Vida[editar | editar a fonte]

Debido fundamentalmente ao seu rival Hipólito e á súa obra os Philosophymena, sábense algúns datos da vida de Calisto I antes de ser papa, se ben esas informacións merecen a cautela de proviren dunha fonte moi parcial. Segundo este, Calisto, que procedía dunha familia grega fora un escravo encargado de custodiar unha importante cantidade de diñeiro do seu amo, o oficial do goberno Carpóforo e doutros socios cristiáns del, e que, sen que se conten as razóns, perdeu eses cartos. Fuxiu a Roma, foi apreixado en Ostia e condenado á tortura do muíño. Absolto por petición das súas vítimas, foi detido logo dunha liorta nunha sinagoga, supostamente tamén por motivos económicos. Condenado a traballar nas minas de Sardeña, foi liberado pola amnistía cristiá de Cómodo.

Cando Ceferino accede ao pontificado, noméao axudante e conselleiro, e encárgao das obras das catacumbas da vía Apia, chamadas logo o camposanto de Calisto, e onde foron soterrados a maior parte dos papas dende o seu predecesor Ceferino ata Eutiquiano. Probablemente estas terras foron o primeiro patrimonio inmoble da Igrexa[2]. Ceferino ademais nomeouno diácono.

Pontificado[editar | editar a fonte]

Como continuación do papado de Ceferino, o feito máis destacado do labor de Calisto foi o conflito con Hipólito, o primeiro teólogo que desafiou abertamente e con todas as consecuencias a autoridade do bispo de Roma. As disputas orixináronse por discrepancias na interpretación da Trindade (mentres Hipólito consideraba que as tres persoas eran divinas, Ceferino e Calisto I estimaban que só era deus a primeira delas), pero estendéronse durante o papado de Calisto a unha cuestión social: o perdón dos pecados. Calisto I decidiu que os pecados de asasinato, adulterio e fornicación fosen perdoábeis tantas veces como fose necesario, mentres que Hipólito era partidario de manter a tradición de que eses pecados só se disculpaban unha vez na vida e logo dun acto de contrición públicas (os reincidentes eran excomungados). No marco desta polémica é doado entender por que Hipólito relata con precisión os delitos cometidos por Calisto I antes de ser papa.

Ademais, Calisto I permitiu, en contra de Hipólito, que os cregos e bispos casasen de segundas e recoñeceu o matrimonio entre mulleres patricias e homes plebeos ou escravos como lexítimos, así como decidiu que os bispos non debían perder o seu cargo por cometeren pecado mortal. Hipólito cualificou a Calisto de herexe e excomungouno, e Calisto fixo o propio con Hipólito, que se coroou como bispo de Roma (e a quen a historia considera como primeiro antipapa).

Calisto I tamén tivo que enfrontar o montanismo de Tertuliano, principalmente en África.

Morte e santidade[editar | editar a fonte]

Como todos os papas anteriores ao edicto de Milán, foi considerado santo. Tamén se ten sinalado que foi mártir, e aínda que non está demostrado, parece probable que o fose logo dun levantamento popular: foi recollido como mártir dende os primeiros textos (a diferenza dos papas anteriores, agás Pedro), e na súa tumba, atopada na vía Aurelia en 1960 e supostamente construída por Xulio I, descríbese con texto e imaxes o seu martirio: morto a mocazos, botárono a un pozo onde logo se construíu a igrexa de Santa María de Trastevere. A súa festa é o 14 de outubro.

Parroquias en Galicia[editar | editar a fonte]

Non hai ningunha parroquia galega baixo a avogación de san Calisto.

Iconografía[editar | editar a fonte]

San Calisto represéntase habitualmente cunha túnica vermella e unha tiara; tamén cando o guindan a un pozo ou preto dunha fonte.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Donald Attwater. A Dictionary of the Popes. The Catholic Book Club. Londres. 1939, páxina 13
  2. Donald Attwater. A Dictionary of the Popes. The Catholic Book Club. Londres. 1939, páxina 14