Baixa Limia - Serra do Xurés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parque Natural Baixa Limia

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés é un parque natural que abrangue tres concellos galegos denominado como tal en 1993, con 20.920 hectáreas e que en maio de 2009 foi declarado conxuntamente co parque limítrofe portugués Reserva da Biosfera pola UNESCO [1]. Está situado no Sur da provincia de Ourense, e estende a súa zona de actuación ás montañas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, ata a fronteira con Portugal, limitando co Parque Nacional de Peneda-Gerês. Trátase dunha zona de montaña, na que o material xeológico predominante é o granito. Dentro dos seus límites están os circos glaciares situados a menor altitude da Península.

Flora[editar | editar a fonte]

A flora do parque caracterízase polas amplas matogueiras e o bosque caducifolio, con cerquiño (Quercus pyrenaica), bidueiros (como Betula celtibérica), e elementos mediterráneos coma sobreiras, aparecendo o érbedo e o acivro en alturas máis elevadas. Existen varios endemismos vexetais, entre os que podemos citar o acereiro (Prunus lusitanica), especie que coloniza barrancos e outras áreas de gran humidade ou o lirio de monte ou lirio do Xurés.

Fauna[editar | editar a fonte]

Entre os anfibios e réptiles podemos citar á pínteaga rabilarga, a lagarta ibérica e, a culebra viperina. Os dous encoros situados no Parque son o hábitat de importantes poboacións de aves: mergullón pequeno, lavanco e tartaraña cincenta son algunhas delas. Tamén se observa a presenza de aguia real, falcón pequeno, azor, tartaraña, gabián, aguia cobreira, lagarteiro, cuco, peto real e cirrio común. Ademais de especies cinexéticas como xabarín, corzo, paspallás, lebre ou coello, os mamíferos están representados polo lobo, musgaño común, tourón, londra, xeneta, gato montés e donicela. Nos cursos de auga aparece a troita.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]