Carroucha veluda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carroucha veluda
Erica ciliaris
Erica ciliaris
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Subfamilia: Ericoideae
Tribo: Ericeae
Xénero: 'Erica'
Especie: ''E. ciliaris''
Nome binomial
''Erica ciliaris''
Loefl. ex L.

A carroucha veluda ou queiroga veluda[1] (Erica ciliaris) é un arbusto (unha urce) da familia das ericáceas común en Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

Arbusto de até 70 cm de altura, coas pólas novas de cor parda densamente cubertas de vilosidade (de aí o nome). Follas miudiñas, de cor verde pola face e brancas polo envés cunha liña verde, estreitas e lineais, que crecen en verticilos de 3 ou 4 dispostas en verticilos de 3 ou 4, lanceoladas ou ovadas, con pelos nas súas marxes, podéndose ver parte do envés de cor abrancazada. Flores hermafroditas tetrámeras ( 4 sépalos, 4 pétalos soldados formando unha corola acampanada de 8 a 11 mm, 8 estames), agrupadas en acios terminais, con pedicelos vilosos, corola de cor rosa forte, con todos os estames incluídos no seu interior ou só sobresaíndo da mesma os ápices das súas anteras. Froito seco tipo cápsula que se abre en valvas para ceibar as sementes. Florea polo verán e polo outono (de maio a setembro).[2]


Hábitat[editar | editar a fonte]

Sobre arenitas con solos asolagados ou moi húmidos. En uceiras e matogueiras atlánticas, con toxos sobre solos acedos e algo húmidos, dende o nivel do mar até uns 1.800 m de altitude. En Galiza aparece sobre solos acedos (silíceos) con certo grao de humidade entre o nivel do mar e os 800 m.

Distribución[editar | editar a fonte]

Europa atlántica e noroeste de África, común en Galiza[3] .

Nas Illas Británicas só aparece nos condados do sur, principalmente en Dorset, Devon e Cornualles onde medra en uceiras húmidas[4].

Ecoloxía e ameazas[editar | editar a fonte]

As ameazas pasan pola redución especialmente en Galiza dos ecosistemas costeiros e especialmente pola substitución das uceiras, carroucheiras e toxeiras por plantacións forestais de eucaliptos e piñeiros. Outros problemas son a utilización de fertilizantes artificiais, a desaparición da gandaría rústica extensiva, a creación de vías forestais, a instalacións de enerxía eólica, ou a minaría. A desaparición das toxeiras e carroucheiras ten un efecto moi negativo na recuperación da vexetación e do solo.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A orixe do nome vulgar galego carroucha non está claro. Podería derivar, igual que outras denominacións coma carrasca, carqueixa e queiruga, do latín carex -icis, etimoloxía xeralmente aceptada polos filólogos para carrizo, pero tamén podería ter unha orixe común ás palabras con carba: carballo ou carpaza, cuxa orixe probábel é unha raíz prerromana preindoeuropea car- ou k-ar-, que significa rocha, cousa de constitución dura, planta de monte, áspera e dura. Outra posibilidade, xunto coa orixe da palabra carpaza, é que derive do latín carpere, que significa rañar e, outra posibilidade máis é que estea relacionada coa palabra carapaccia, étimo que suxestiona para o castelán calabaza[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomes vulgares galegos preferidos en Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004
  2. Coca Pérez, M. (2001). Árboles, arbustos y matas del Parque Natural Los Alcornocales (Cádiz-Málaga). ISBN 84-607-3404-3.
  3. López, Ginés (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares (3ª ed.). ISBN 10: 84-8476-312-9.
  4. "Dorset heath (Erica ciliaris)". County Flowers. Plantlife. http://www.plantlife.org.uk/wild_plants/plant_species/dorset_heath/. Consultado o 28 de xullo de 2011.
  5. Atlas Xeobotánico de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Atlas Xeobotánico de Galicia

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carroucha veluda
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Carroucha veluda