Complexo Intermareal Umia-O Grove
O Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira é un conxunto de estruturas terrestres e marítimas catalogado como Espazo Natural de Galicia desde 1995. Está situado na ría de Arousa e esténdese polos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia e a Illa de Arousa, cunha extensión total de 7.490 hectáreas. Como espazo comprendido dentro da Rede Natura 2000, inclúe tamén as illas Ons e Onza.
Índice |
[editar] Descrición xeográfica
Os límites do Complexo Intermareal Umia-O Grove varían segundo a figura de protección que se teña presente, pero no seu conxunto comprende cinco espazos con características propias:
- A enseada do Umia: formada pola desembocadura do río Umia na ría de Arousa, ata o istmo que une O Grove con Sanxenxo.
- As dunas e praia da Lanzada: istmo areoso que se abre á ría de Arousa ó leste e ó mar aberto ó oeste. Está formado por dunas sedimentarias fixadas pola vexetación sobre un fondo de arxila.
- Os cantís da costa de San Vicente do Grove: a costa oeste da península do Grove presenta formacións xeolóxicas con grandes cons, furnas, cantís e algunhas praias.
- A punta Carreirón, no sur da Illa de Arousa. Por proximidade xeográfica inclúense aquí os illotes de Rúa, Guidoiro Areoso e Guidoiro Pedregoso.
- A lagoa Bodeira: única lagoa litoral de auga doce da provincia de Pontevedra, á beira da praia da Mexilloeira.
[editar] Valores ecolóxicos
Os valores que lle fixeron merecedor de protección e catalogación como Espazo Natural consisten na peculiar flora e fauna da marisma e, especialmente, na abundante e variada poboación de aves acuáticas invernantes que veñen descansar na marisma durante os pasos migratorios. Durante o período invernal poden contabilizarse ata 13.000 aves acuáticas.
[editar] Outras figuras de protección
O complexo Umia-O Grove, ou partes del, tamén é obxecto doutras figuras de protección medioambiental:
- Refuxio de caza desde 1982.
- Zona húmida de Importancia Internacional, dentro do convenio Ramsar, desde 1989 (BOE de 8.05.1990).
- Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) desde 1989.
- Espazo Protexido desde 1990, por Orde do 9 de abril.
- Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), desde 2001.
- Espazo integrado na Rede Natura 2000.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Leiro, Adela; Daporta, Mon; e Caamaño Rivas, Victor M.: Espazos naturais. Provincia de Pontevedra. A Nosa Terra, Vigo 2003.
- La Voz de Galicia: “O Salnés amplía su ámbito de protección con la Red Natura 2000”, en La Voz de Galicia 3.03.2002.
- Varios: A enseada do Umia-O Grove. Asociación de Ensinantes do Salnés, 1991.
- Varios: “Complexo Ons-O Grove”, en O Bugallo nº 23, agosto 2002.
[editar] Ligazóns externas
- Decreto 157/1995, do 3 de xuño, polo que se inclúen as zonas denominadas Umia-O Grove, A Lanzada, lagoa Bodeira e punta Carreirón; ría de Ortigueira; lagoa e areal de Valdoviño e ría do Eo no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia (DOG nº 106, de 5.06.1995)
- Ficha do Complexo Ons-O Grove (Xunta de Galicia)
|
||||||||||||||||||||