Paspallás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paspallás
Coturnix coturnix (Warsaw zoo)-1.JPG
Estado de conservación
Risco baixo (LC)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Perdicinae
Xénero: 'Coturnix'
Especie: ''C. coturnix''
Nome binomial
''Coturnix coturnix''
(Linnaeus, 1758)
Ovos de paspallás

O paspallás (Coturnix coturnix) é unha galiforme migratoria de pequeno tamaño.

Descrición[editar | editar a fonte]

Miden entre 18 e 20 cm, cunha envergadura de alas de ata uns 30 cm, e pesan entre 150 e 250 gramos. O peteiro é curto e curvado, de cor agrisada. A plumaxe de base dos machos é castaña alaranxada, con estrías transversais e lonxitudinais na parte superior, máis escuras no lombo, cun debuxo variable de faixas claras e escuras na cabeza. A gorxa é negra e teñen unha faixa branca no pescozo.

As femias son semellantes, pero o debuxo da cabeza é menos marcado e a cor de fondo da plumaxe é do ton da area. Toda a súa coloración é máis esvaída.

A súa voz característica, que se oe principalmente ó lusco-fusco, é un reclamo trisílabo que lle valeu o seu nome vulgar. Viven ata tres anos na natureza e ata cinco en catividade.

Distribución[editar | editar a fonte]

Crían en zonas de clima temperado de Europa, Asia e o norte de África. Pasan o inverno en África e nos países do sur de Asia.

A súa migración amosa aspectos característicos que a diferencian da doutras aves. Algúns exemplares atópanse xa, por exemplo, en Exipto a finais de agosto. A estes únense un número meirande de aves en setembro, mentres que outros exemplares están aínda a críar no centro de Europa. O corpo principal dos migradores parte en setembro, pero a viaxe prosegue en outubro e certos individuos agardan mesmo a novembro antes de marcharen cara ó sur. Non se reagrupan para comeza-la viaxe. Os bandos vanse formando polo camiño, e as grandes agrupacións fórmanse cando van emprender as grandes travesías marítimas. No regreso ó norte non sempre seguen o mesmo camiño da ida.

O seu hábitat preferido na época de cría son as chairas cultivadas. En xeral, evitan zonas moi montañosas, pantanosas ou moi húmidas.

Macho e femia no niño. do libro Naturgeschichte der Vögel Mitteleuropas (Gera, 1897. tomo 6, táboa 14)

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O número de razas catalogadas varía segundo os ornitólogos entre 4 e 8.

Conduta[editar | editar a fonte]

O seu voo é rapido, e, fóra da viaxe migratoria, baixo e pouco prolongado. Aliméntanse de sementes e insectos. Os machos loitan entre eles para conseguir unha femia. Fan un niño nunha pequena depresión do chan no que adoitan poñer entre 8 e 13 ovos. Os polos rompen a casca despois duns 17 días de incubación, e permanecen coa nai entre 11 e 19 días.

O home e o paspallás[editar | editar a fonte]

Xeroglífico exipcio representando un paspallás (Museo do Louvre, Pаrís).

A carne do paspallás fixoo obxecto de caza masiva dende tempos remotos, o que xunto coa perda dos seus hábitats e o uso masivo de pesticidas, causou unha forte diminución das súas poboacións. En moitas zonas é tradicional cazalo durante o voo de migración.

Como ave de granxa utilízase pola súa carne e os seus ovos. Sobre todo en Francia e no Xapón críase en grandes cantidades e os produtos derivados son comúns nos supermercados. Nalgúns países, ademais do seu uso como ave de granxa, úsase como ave de gaiola, curiosamente polo seu canto. Nalgunhas áreas de Asia central ten uso como ave de loita. Afaise ben á domesticidade, e pode chegar a ser confiado cando se lle amosa a atención necesaria.

No antigo Exipto usábase a súa imaxe nos xeroglíficos para representar os sons v e u.

Imaxes[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Paspallás