Mica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mica
Mica-in-rock-from-alstead.jpg
Mineral de mica
Fórmula química: Diferente segundo a variedade
Clase: Silicatos
Subclase: Filosilicatos
Sistema cristalino: Monoclínico
Cor: Diferente segundo a variedade
Brillo: Nacarado
Dureza: 2-3
Fractura: Irregular
Exfoliación: Perfecta, en láminas
Raia: Branca
Densidade: Diferente segundo a variedade

As micas son un grupo de minerais constituídos por silicatos de potasio, aluminio, magnesio e ferro. Son uns minerais exfoliables en láminas moi delgadas e flexibles, dunha dureza moi baixa e moi brillantes. As variedades principais da mica pola súa abundancia son a biotita e a moscovita.

As micas figuran entre os minerais máis abundantes da natureza. En total constitúen aproximadamente o 3.8% do peso da codia terrestre, encontrándose, fundamentalmente, en rochas intrusivas ácidas e xistos micáceos cristalinos. Encóntranse na natureza canda outros minerais (cuarzo, feldespato) formando vetas dentro de rochas, xeralmente, duras. É necesario realizar voaduras das rocas para despois eliminar os minerais estraños e obter así a mica en bruto. O rendemento desta explotación é moi baixo. A mica en bruto é posteriormente exfoliada, recortada e exfoliada de novo para pasar a ser clasificada de acordo co tamaño dos cadrados obtidos. Posteriormente, é clasificada de novo atendendo á transparencia, contido de minerais estraños, lisura da superficie, etc.

No 2005, India tiña os maiores depósitos de mica no mundo. China era o maior produtor de mica con case un terzo de participación global seguida polos Estados Unidos, Corea do Sur e o Canada, segundo a British Geological Survey.

Aspecto[editar | editar a fonte]

As micas acostuman aparecer en forma de cristais tabulares hexagonais.

Variedades da mica[editar | editar a fonte]

Segundo sexa a súa composición química as micas presentan diferentes variedades distinguibles de forma simple pola súa cor:

  • Biotita, de cor negra ou parda, ou negra escura, e en ocasión pode ser de cor marela pálida. Contén potasio, magnesio, ferro e aluminio e ten un forte brillo.
  • Flogopita, de cor parda marela, verde ou branca. É transparente en capas delgadas e perladas ou vítreas en bloques grandes.
  • Lepidolita, de cor violácea ou rosa a branca grisácea. Contén litio e aluminio. O seu brillo é perlado e é translúcido. A súa composición depende das súas cantidades relativas de Al e Li en coordinación octaédrica. Caracterízase por ser insolúbel en ácidos, a súa exfoliación micácea. Para distinguila da moscovita, realizase un ensaio de chama, pois a lepidolita da lugar a unha chama de cor carmesí (debido ao litio)
  • Moscovita, de cor branca, grisácea, verdosa, amarela ou vermella clara. Contén potasio e aluminio. Está presente en rochas ígneas ou metamórficas como o gneis e os xistos. A mica moscovita, polas súas propiedades, é mellor que a flogopita. Presenta mellores propiedades eléctricas, máis resistencia mecánica, é máis dura, flexíbel e elástica.
  • Margarita, de cor rosada, branca ou gris. Contén calcio e aluminio. Presenta brillo vítreo a perlado e é translúcida. Unha pequena cantidade de sodio pode reemprazar ao calcio. A estrutura dioctaédrica é similar á da moscovita, mais diferéncianse en que a margarita ten unha maior cantidade de aluminio.

Lugares onde se atopa[editar | editar a fonte]

É frecuente a presenza de mica en granitos, pegmatitas, lousas, gneis, xistos micáceos e en todo tipo de rochas ricas en silicio.

Usos[editar | editar a fonte]

As particulares características de elasticidade, flexibilidade e resistencia á calor das láminas de mica fan que constitúan un bo material para a industria debido as súas propiedades como illante eléctrico e térmico. A mica utilízase en aplicacións de alta responsabilidade como illamento de máquinas de alta tensión e gran potencia, turboxeneradores, motores eléctricos, e algúns tipos de condensadores. Debido a que a mica mantén as súas propiedades eléctricas cando se quenta até varios centenares de grados, considérase un material da clase térmica alta. A temperaturas moi altas, a mica perde a auga que contén e perde transparencia, o seu espesor aumenta e as súas propiedades mecánicas e eléctricas empeoran. A temperatura á que la mica comeza a perder a auga oscila entre 500 - 600 °C para a mica flogopita e 800 - 900 °C na mica moscovita. A mica funde a 1.145 - 1.400 °C.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mica