Aguaneiro
| Aguaneiro | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | |||||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||||||
| ''Galemys pyrenaicus'' (É. Geoffroy, 1811) |
|||||||||||||||||||
|
Distribución Galemys pirenaicus
|
|||||||||||||||||||
O aguaneiro ou aguaneira tamén chamado rato do almiscre, toupa de río e toupeira da auga, (Galemys pyrenaicus) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae que habita nas zonas montañosas do norte da Península Ibérica e sur de Francia. É un insectívoro semiacuático que habita as proximidades de regatos e torrentes, de hábitos principalmente nocturnos, cuxa signo de identidade máis característico é o seu fociño con forma de trompeta.
Índice |
[editar] Características
A aguaneira aseméllase anatomicamente a outros animais como a rata, a toupa ou o furafollas. De alí aos sobrenomes de rata de auga, toupa de auga etc.
As patas traseiras lembran ás da rata; son robustas e áxiles, úsaas para moverse axiña pola auga. A parte dianteira do corpo é semellante á dunha toupa; as patas dianteiras están adaptadas para escarvar buracos e facer madrigueiras onde cría á súa prole e ponse a salvo dos seus predadores. O fociño é semellante ao do furafollas, cunha trompa moi desenvolvida que lle serve para atopar as larvas das que se alimenta; é un órgano moi perfeccionado, indispensable para a súa supervivencia. Posúe unha glándula de almiscre no arranque caudal.
[editar] Historia natural
É un animal moi discreto, polo non é doado de ver. Nútrese principalmente de larvas acuáticas sensibles á polución (larvas de tricópteros, plecópteros e efemerópteros) e de crustáceos. Por esta razón é considerado como un indicador da limpeza e a saúde das augas nas que habita. É unha das 79 especies catalogadas como vulnerables pola World Conservation Monitoring Centre.[1][2]
[editar] Distribución
A toupa de río vive en regatos e lagos do norte da Península Ibérica; norte de Portugal, Galicia, Montes Cantábricos, Pireneos e en determinadas zonas do Sistema Central. Habita tamén nos Pireneos franceses.[1]
[editar] Comportamento
Son animais bastante territoriais, que forman parellas estables que controlan territorios de entre 200 e 400 metros de canle. Para obter as súas presas suxéitanse ao fondo do curso acuático coas fortes unllas de pés e mans, mentres escarva co fociño entre os pelouros do fondo do río.[3] O seu período de celo dáse entre os meses de novembro e maio, e as femias paren dúas veces ao ano, con camadas de 1 a 5 crías por parto.[4]
[editar] Ameazas
O hábitat do aguaneiro é moi vulnerable; as principais ameazas son a contaminación da auga e a fragmentación do seu hábitat debido á construción de centrais hidroeléctricas e encoros, e a extracción de auga. Nalgunhas zonas é perseguido pola errónea crenza de que é daniño para a pesca. A introdución dos visóns americanos (Neovison vison) en Galicia influíu negativamente nas súas poboacións.[1]
[editar] Subespecies
Coñécense dúas subespecies de toupa de río.[5]
- Galemys pyrenaicus pyrenaicus: É máis pequena, e habita na franxa cantábrica.
- Galemys pyrenaicus rufulus: Habita nos Pironeos.
[editar] Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 IUCN - Galemys pyrenaicus
- ↑ Desmán de los Pirineos en Vertebrados Ibéricos
- ↑ Mamíferos de España, de Fco. J. Purroy y Juan M. Varela, Pág. 26. ISBN:84-87334-97-0
- ↑ Galemys pyrenaicus en Fauna Ibérica
- ↑ Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).