Acereiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acereiro

Follaxe e froitos inmaturos
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Spiraeoideae
Tribo: Amygdaleae
Xénero: Prunus
Subxénero: Cerasus
Sección: Laurocerasus
Especie: P. lusitanica
Nome binomial
Prunus lusitanica
L.
Vista da planta.
Ilustración.
Inflorescencia.
Detalle da flor.

O acereiro,[1] Prunus lusitanica, é unha planta leñosa arbórea do xénero Prunus, nativa do suroeste de Francia, España, Portugal, Marrocos, Macaronesia os Azores, as illas Canarias e a illa de Madeira).[2][3] É unha arboriña de ribeira bastante rara en Galiza, considerándose unha reliquia do terciario, e sobrevivindo en moi contados lugares, frescos e acedos. É o único Prunus (xénero ao que pertencen a ameixeira e a cerdeira, entre outros) de folla perenne natural de Galiza. Atopamos exemplares na serra do Xurés, no canón do río Arnoia (Sande e Cartelle) e na desembocadura ao Miño do río Deva, en Pontevedra, entre outros lugares.

Descrición[editar | editar a fonte]

Trátase dunha arboriña ou arbusto que adoita medir arredor de 4 ou 5 m de altura, mais pode acadar 15 m de altura dependendo moito do lugar. Superficialmente posúe o aspecto dun loureiro (Laurus nobilis). O tronco é curto, groso e flexuoso, coa casca cinsenta ou parda con tendencia a negrexar. A copa é baixa, bastante ovoide. Dependendo da estación, en flor non é difícil a súa identificación, xa que a flor vén en acios da lonxitude das follas bastante vistosos. As pólas e xemas son de cor avermellada. As follas son son simples e alternas, ovais, lanceoladas, duns 12 cm de longo e 3–5 cm de ancho, co ápice agudo, finamente serradas, algo coriáceas. A face é verde verde escura brillante e o envés máis pálido e glauco. O pecíolo é vermello e mide arredor de 2 cm. é tamén algo coriáceo. As flores son miúdas (8–15 mm de diámetro) con cinco pétalos brancos pequenos; dispostas en acios de 8–25 cm que se desenvolven entre os meses de maio e xullo. Son moi recendentes. Os froitos é unha drupa de 1 cm. aproximadamente, primeiramente verde e despois vermellos. A carabuña é lisa. Finalmente os froitos se tornan negros.ao maduraren no verán. As sementes son espalladas polas aves (papuxas, merlas e tordos).[4][5] Reprodúcese tanto sexualmente como clonalmente mediante rebentos de cepa e de raíz e por porbaixas, chegando a conformar cepas de ducias de individuos conectados polo mesmo sistema radical e/ou pólas que nun momento dado tocan o chan e desenvolven raíces.[5]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Aparece preferentemente en estacións de media montaña mediterránea con influencia atlántica. Tamén ten predilección polas paisaxes montañosas e con relevo accidentado, entre os 180 e os 1 150 metros de altitude. En canto a requirimentos de solo, a maioría destas poboacións atópanse en substratos moi pouco evolucionados ou litosolos (nalgúns casos, incluso en canchais), polo que se pode considerar pouco esixente neste sentido, aínda que tamén aparece en solos desenvolvidos. Xeralmente atópase en substratos de pH acedo (granitos, cuarcitas, lousas, arenitas…), malia que tamén é capaz de prosperar sobre rochas calcarias, polo que non se pode considerar unha especie estritamente silicícola. O acereiro gusta dos climas suaves, medrando a unha altitude entre os 600-700 metros sobre o nivel do mar. Acostuma aparecer nos bosques de ribeira aínda que non par da auga. En Galiza dáse en canóns, valgadas, regatos, e solos acedos, rochosos, húmidos, vizosos e frescos, mellor se son silíceos, aparecen en chairas de clima suave con frecuentes choivas e néboas que reducen ao mínimo a época de seca. En Galiza non forma bosques, pero si noutros lugares como en Estremadura, onde lle chaman "loreras". Tolera ambientes sombrizos mais medra e florea con maior intensidade en áreas iluminadas.

Distribución[editar | editar a fonte]

A distribución actual da especie é dispersa e, xeralmente, ligada a ambientes de temperaturas relativamente suaves e choivas ou brétemas frecuentes, que minimicen o período de seca.

É bastante raro en Galiza, de feito situábase unicamente no Xurés. Nun artigo da revista "Quercus" de xullo do 2002, nun artigo sobre "El cañón del Arnoia: una fraga olvidada" afirman que o acereiro aparece tamén no río Arnoia[6] No Arnoia o acereiro mestúrase con sobreiras, carballos, amieiros e salgueiros, nun ecosistema moi rico e en serio perigo polas centrais hidroeléctricas maiormente. Téñense localizado exemplares norío Deva, en Pontevedra, concretamente na zona da desembocadura no río Miño.

A nivel ibérico é unha planta tamén escasa, estimándose a súa poboación en algo máis de 31 000 exemplares[5]. Está considerado, logo, coma unha reliquia dos bosques do tipo laurisilva que na Península tiveron grande importancia durante o Terciario. Aparece nas de Las Villuercas (7000 - 8000 exemplares), Montes de Toledo (500), varios barrancos da vertente meridional de Gredos (600 - 700) e do Macizo del Montseny (1200). Tamén hai poboacións illadas en León (800-900), Galiza (100-200), Asturias (<50), Cantabria (<50), País Vasco (<100) e Navarra (100-150)[5] Nas Illas Canarias está presente nos bosques de laurisilva. En España e en Francia está catalogada como especie vulnerábel.[7][8]

Foi introducida e localmente naturalizada en zonas temperadas do norte de Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Nova Zelandia e o oeste dos EUA: California, Oregón e Washington.

Cultivo e usos[editar | editar a fonte]

O pau é louro; emprégase na fabricación de mobles macizos, elementos estruturais de calidade. Tamén para talla e escultura, torneados. E en xeral as mesma aplicacións que a madeira de cerdeira. A madeira é moi apreciada en ebanistería, porén a escaseza da especie non permite a súa talla. Ten tamén un uso ornamental pola fermosura das súas flores e para formar sebes. O froito é amargo e só comestíbel para as aves, aínda que non se constatou que sexa tóxico.[9]

Comunidades vexetais asociadas aos acereiros peninsulares[editar | editar a fonte]

En xeral, falando de condicións máis mediterráneas que as que atopamos en Galiza, pódese dicir que na súa contorna abunda arbustos de folla perenne e lauroide, como érbedos, acivros, loureiros e vivurnos, xunto a árbores esixentes en humidade, caducifolias e, especialmente, subesclerófilas, coma amieiros, cerquiños, caxigos, castiñeiros, freixos, capudres e pradairos. Tamén abundan uces coma a uz branca (Erica arborea), a uz das vasoiras (Erica scoparia) e a uz lusitana Erica lusitanica. Porén no sotobosque das formacións de acereiros máis mestas o número de fanerógamas herbáceas e pequenas leñosas é escaso, pola ausencia de luz: Teucrium scorodonia , Carex elata , Cistus psilosepalus (raro) e a xibarda Ruscus aculeatus . É característica, pola contra, a presenza de elementos lianoides (hedra, herba salgueira, Lonicera etrusca , boudaña (Brionia dioica ) e multitude de fentos, coma o fento común (Pteridium aquilinum), o dentabrún (Osmunda regalis), fento fero ou fenta (Blechnum spicant), Athyrium filix-foemina, Dryopteris filix-mas e outros. A respecto da súa bioloxía reprodutiva, trátase dunha especie monoica, que florea a mediados de maio ou xuño e cuxa polinización pode ser entomófila ou non, mais en calquera dos casos predomina a autofecundación. Os froitos maduran a finais do verán ou comezos do outono e son espallados, en parte, polos paxaros , especialmente por papuxas e merlas. Coma contrapunto ao escaso recrutamento por vía sexual, dáse unha intensa reprodución asexual, xa que, como se mencionou antes, os individuos presentan un potencial vexetativo enorme e son capaces de regromaren de cepa tras o ramalleo, a talla, ou incluso despois dun lume forestal. Así, gran parte das poboacións están formadas por exemplares clónicos producidos por porbaixa ou por rebentos de cepa.[10]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Prunus lusitanica foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 473, no ano 1753.[11]. O seu restritivo específico lusitanica, refírese a Lusitania, o nome romano para parte da actual área onde se sitúa Portugal. O nome galego acereiro (en portugués azereiro)viría do latín serodio cereseum, este do lat. cerăsus, e este do grego. κερασός, o mesmo que o termo cerdeira ou cereixa; pola súa semellanza con esta especie, e non deixar de ser un Prunus subxénero Cerasaus, que produce unha especie de cereixas.

Variedades

Acéptanse tres subespecies en función de caracteres morfolóxicos que cómpre revisar:[12]

  • Prunus lusitanica subesp. lusitanica. Europa continental e Marrocos.
  • Prunus lusitanica subesp. azorica (Mouill.) Franco. Illas dos Azores.
  • Prunus lusitanica subesp. hixa (Willd.) Franco. Illas Canarias e Illa de Madeira.
Sinonimia
  • Cerasus lusitanica (L.) Dum. Cours.
  • Laurocerasus lusitanica subsp. hixa (Willd.) Kunk.
  • Laurocerasus lusitanica (L.) M. Roem.
  • Padus eglandulosa Moench
  • Padus lusitanica (L.) Mill.
  • Prunus hixa Willd
  • Prunus sempervirens Salisb.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego preferido en Termos Esenciais de Botánica, entrada número 10, da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002.
  2. Euro+Med Plantbase Project: Prunus lusitanica Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
  3. Germplasm Resources Information Network: Prunus lusitanica Arquivado 02 de decembro de 2013 en Wayback Machine.
  4. Rushforth, K. (1999). Trees of Britain and Europe. Collins ISBN 0-00-220013-9.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Calleja, J. A. (2006). Geobotánica, Estructura Demográfica, Conservación y Biología Predispersiva de Prunus lusitanica L. (loro) en la Penínusla Ibérica. Tesis Doctoral. Departamento de Biología. Facultad de Ciencias, Universidad Autonoma de Madrid.
  6. Na web rios-galego.com
  7. Bañares, Á., G. Blanca, J. Güemes, Moreno, J. C. & S. Ortiz. (2004) Atlas y Libro Rojo de la flora vascular amenazada de España, 2ª edn. Ministerio de Medio Ambiente, Madrid.
  8. Olivier, L., Galland, J. P. & Maurin. (1995) Livre rouge de la flore menacée de France, Tomo I: espèces prioritaires, edn. MNHN SPN, Paris.
  9. Plants for a Future: Prunus lusitanica
  10. De flora amenazada en La Rioja Arquivado 12 de xuño de 2013 en Wayback Machine.
  11. Acereiro en Trópicos
  12. Franco, J. A. (1964) O azereiro e as ginjeiras bravas. Boletim da Sociedade Portuguesa de Ciências Naturais, 10, 66-90.
  13. Acereiro en PlantList/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]