Monte Aloia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vistas dende un mirador no Monte Aloia

O Monte Aloia é un cumio situado na serra do Galiñeiro, declarado parque natural o 4 de decembro de 1978. Está situado no concello de Tui (Pontevedra) e ten unha extensión de 746 hectáreas[1]. A súa vexetación está caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal. Posúe restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

Índice

[editar] Orografía e xeoloxía

Penedo cunha forma curiosa, no Monte Aloia.

O Monte Aloia presenta un relevo accidentado con cotas que oscilan entre os 80 e os 629 metros do Alto de San Xiao, desde onde se domina un amplo tramo do río Louro e do río Miño ata a súa desembocadura. Os seus solos son ácidos, de escasa ou media profundidade sobre substrato granítico que aflora con frecuencia orixinando laxas e rochedos, elemento característico na paisaxe da comarca do Baixo Miño.

[editar] Hidrografía

Está cruzado por varios regueiros entre os que destacan o regueiro das Cabanas, o Deique e o das Tabernas.

[editar] Vexetación

É abundante a vexetación arbustiva do toxo, queiruga (Calluna vulgaris), xesta e carpazas. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono como carballeiras de carballo común (Quercus robur, árbore dominante antes das repoboacións do século XX), sobreirais (Quercus suber, que indica certa mediterraneidade no clima) e vexetación de ribeira composta por, entre outras, amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). Tamén é frecuente a presenza de sanguiño (Frangula alnus), bidueiro (Betula alba), castiñeiro (Castanea sativa), acivro (Ilex aquifolium), érbedo (Arbutus unedo), estripeiro (Crataegus monogyna), abruñeiro (Prunus spinosa), pereira brava (Pyrus cordata) e abeleira (Corylus avellana).

En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeirosdo país (Pinus pinaster), silvestre (Pinus sylvestris) e radiata (Pinus radiata)— e establecéronse masas de árbores exóticas dando lugar a un arboreto de grande interese. O eucalipto (Eucalyptus globulus) tamén foi intoducido en grandes cantidades, constituíndo canda o piñeiro a base arbórea do monte.

Existe unha "senda botánica" que amosa ó visitante os elementos forestais salientables do Baixo Miño en xeral e do Parque Natural en particular.

[editar] Fauna

A máis abondosa é a típica de monte interior:

[editar] Historia

Nel atopáronse restos de Citania, un poboado castrexo anterior á romanización. Apareceron restos prehistóricos como machadas, muíños de man, ou cerámica. Tamén hai unha interesante muralla ciclópea[2], de 1250 metros de lonxitude, que circunda a meseta superior. Hai quen atribúe o nome de monte Aloia á presenza da lexión romana V Alaudae.

Xa na época histórica hai constancia do uso que varias xeracións de tudenses fixeron do monte Aloia como refuxio[3] contra sucesivas invasións de romanos (asóciase co monte Medulio de autores latinos), árabes, normandos, franceses e portugueses.

[editar] Monumentos e construcións

  • Capela de San Xiao, reconstruída no 1713 sobre un templo románico. Ocupa o centro dun grande adro do que parte por unha banda unha escalinata de pedra ata a fonte do santo e pola outra, un Vía Crucis que culmina na Gran Cruz (1910).
  • Casa forestal (1921) de curioso deseño realizado polo enxeñeiro de montes Rafael Areses.
  • Monumento ó enxeñeiro Areses.
  • Nova casa forestal e sede da Xunta Reitora.
  • Miradoiros.
  • Muralla ciclópea.
  • Restos do poboado protohistórico, no Alto dos Cubos.

[editar] Tradicións e lendas

O primeiro domingo de xullo celébrase o xubileo, unha romaría de grande afluencia, dedicada á Virxe das Angustias, na ermida de San Xiao (Pazos de Reis). Rogativas: a imaxe de San Xiao é obxecto de devoción na comarca polas súas virtudes taumatúrxicas (obtención de colleitas, curación de enfermidades etc).

O primeiro domingo de agosto celébrase a romaría de San Fíns (Rebordáns).

Hai moitas lendas referidas ó monte: dise que as eguas do Aloia son fecundadas polo vento, e que na cama de San Xiao non medra a herba. Todas elas dan unha idea do carácter mítico que sempre tivo para os tudenses o monte Aloia, perdéndose o rastro da súa orixe na noite dos tempos.

[editar] Parque natural

Zona habilitada para comer no Monte Aloia

Estableceuse como Sitio Natural de Interese Nacional pola Orde Ministerial do 5 de xuño de 1935. O Real Decreto 3160 do 4 de decembro de 1978 declarouno como Parque Natural.

Os terreos pertencen á entidade local menor de Pazos de Reis e á Comunidade Veciñal de Montes en mancomún de Rebordáns.

[editar] Notas

  1. ¡Vive ao natural! Programa de divulgación das áreas naturais protexidas de Galicia (Galego). Xunta de Galicia - Consellería de Medio Ambiente. Consultado o 28 de febreiro de 2009.
  2. O Monte Aloia: un enigma amurado de 30 hectáreas, Capítulo 0.
  3. Aloia, a nova cidade xurdida do medo, Capítulo 0.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Bosques monumentales de España. Global Edition & Contents SA, 2005. ISBN 84-8476-244-0.

[editar] Ligazóns externas

  • Información sobre o Monte Aloia na páxina da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

[editar] Lexislación

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas