Partido Republicano Radical
Partido Republicano Radical | |
---|---|
Acrónimo | PRR |
Tipo | partido político español |
Ideoloxía | Republicanismo, Radicalismo, Anticlericalismo, liberalismo social e Populismo |
Data de fundación | 6 de xaneiro de 1908 |
Data de disolución | 1936 |
Fundador(es) | Alejandro Lerroux |
Presidente/a | Alejandro Lerroux (-) |
Sede | Madrid |
País | España |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Partido Republicano Radical ou PRR, máis coñecido simplemente como Partido Radical, foi un partido político español fundado por Alejandro Lerroux en 1908 en Santander, ao escindirse da histórica Unión Republicana de Nicolás Salmerón.
Historia
[editar | editar a fonte]A súa base ideolóxica foi moi cambiante, oscilando as súas formulacións entre o radicalismo anticlerical e violento, participando moi activamente nos feitos da Semana Tráxica de Barcelona (1909), o republicanismo moderado e o conservadorismo e a colaboración coa dereita monárquica e confesional, durante a Segunda República. O partido sufriu diversas escisións ao longo da súa existencia. En 1929, o sector máis progresista, liderado por Marcelino Domingo, separouse do PRR para fundar o Partido Republicano Radical Socialista, que acabaría en gran parte confluíndo na Izquierda Republicana de Manuel Azaña. En abril de 1934, xa co Partido Radical dentro do goberno republicano, Diego Martínez Barrio saíu do partido cos cadros máis moderados para fundar o Partido Radical Demócrata, en desacordo coa liña dereitista da maioría radical.
No derradeiro alento do reinado de Afonso XIII, o Partido Radical foi un dos asinantes principais do Pacto de San Sebastián, e como tal participou no Comité Provisorio que comandou o derrocamento da Monarquía e do Goberno Provisorio que substituíu o Goberno da Monarquía trala proclamación da II República, o 14 de abril de 1931. Durante o primeiro bienio republicano, no que ocupou 89 asentos nas Cortes Constituíntes, o Partido Radical distinguiuse por combater desde o centro-dereita as políticas de esquerdas dos gobernos de Azaña. Tralas eleccións de 1933, que deron maioría ás dereitas no Parlamento e nas que obtivo 104 escanos, o Partido Radical liderou o goberno da República, primeiro en solitario (un gabinete monocolor apoiado pola CEDA), e despois en coalición coa Confederación Española de Derechas Autónomas de José María Gil Robles. Ao longo do seu mandato, tivo que facer fronte á Folga xeral revolucionaria de 1934. Tras controlar a situación no resto do país, o Goberno radical detivo a Lluís Companys, suspendeu a Generalitat e mandou a Lexión a combater a insurrección obreira en Asturias, que foi duramente reprimida polos xenerais Franco e Goded. Os gobernos radicais sucedéronse, progresivamente debilitados por numerosos escándalos de corrupción (entre eles, o do Estraperlo) en que se viron envolvidos os seus líderes, e cada vez máis impotentes para estabilizar unha situación social cada vez máis crispada e enrarecida, ata as eleccións de 1936, en que o triunfo da coalición das esquerdas deu paso ao Goberno da Fronte Popular. Como o resto de partidos políticos activos durante a República salvo o chamado Movemento Nacional (FET y de las JONS), o Partido Radical Republicano foi ilegalizado trala vitoria do bando nacional na guerra civil.
O Partido Republicano Radical en Galicia
[editar | editar a fonte]O Partido Republicano Radical foi un dos primeiros partidos republicanos presentes en Galicia, tiña unha importante militancia nas cidades de Pontevedra, dirixido por Emiliano Iglesias, e da Coruña, dirixido por Gerardo Abad Conde, tamén a fins da ditadura de Primo de Rivera conseguiu unha certa base agraria grazas a entrada dun xa dereitizado Basilio Álvarez no partido.
Participou na formación da Federación Republicana Gallega, o PRR representaba en Galicia os intereses da burguesía e ata a proclamación da II República carecía dunha estrutura galega propia e logo conforma un Comité Rexional. Tras a saída da FRG o 6 de maio de 1931[1], o PRR comezou unha campaña de rivalidade coa ORGA e presentouse en solitario para as eleccións a Cortes Constituíntes, agás na provincia de Pontevedra na que Emiliano Iglesias concorreu na coalición republicano-socialista. O PRR conseguiu 11 escanos converténdose na segunda forza política de Galicia. Nas Cortes os seus deputados galegos desenvolveron unha política antiautonomista e conservadora. Con arredor de 2000 militantes controlaba a maioría dos centros e casinos republicanos[2]. Despois das eleccións de 1933 con 15 escanos converteuse na principal forza política de Galicia, converténdose un baluarte das políticas máis conservadoras e antiautonomistas no seo do republicanismo. En 1934 con Diego Martínez Barrio marcharon do partido boa parte dos militantes galegos que crearon a organización galega da Unión Republicana.
Contou cos periódicos El Radical da Coruña, El Radical de Ourense, Galicia Radical de Pontevedra, La Opinión de Ortigueira, El Radical del Eo de Ribadeo e El Radical de Ferrol.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo (1930-1976). Colección: Xerais universitaria. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 9788475073200.
- Millares Cantero, Agustín (1999). "Los federales y Lerroux (1906-1924)". Vegueta: Anuario de la Facultad de Geografía e Historia (ULPGC) (4): 187–210. ISSN 1133-598X.
- Sixirei Paredes, Carlos (1987). Alfredo Somoza : encadramento histórico dunha figura esquecida do galeguismo. Serie: Documentos, 37. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-344-1.
- Townson, Nigel (2002). La República que no pudo ser. La política de centro en España (1931-1936). Madrid: Taurus. ISBN 84-306-0487-1.