Castro de Castrillón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°34′34″N 8°11′45″O / 43.576111111111, -8.1958333333333

Castro de Castrillón
ParroquiaMeirás
ConcelloValdoviño
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA15087002
Cronoloxía
Datas de ocupaciónDescoñecida
Data da descubertaDescoñecida
Períodos de escavaciónNon escavado
Estado actualParcialmente destruído.
Extensión estimada0,8 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O Castro de Castrillón é un castro galaico ou galaico-romano de mediana extensión. Está na parroquia de Meirás, no concello de Valdoviño, na provincia da Coruña. Está situado a 300 metros da estrada AC-116, de Ferrol a Cedeira.[1]

A escasos 400 metros sitúase o campo de mámoas de Canteiros ou Cimadevila, que marca o linde entre as parroquias de San Vicente de Meirás (Valdoviño) e Santa María a Maior do Val (Narón).

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

O castro mide de norte a sur 97 metros e de leste para oeste 83 metros, componse na actualidade dunha croa concéntrica que foi parcialmente deteriorada nos anos 90, e uns terrazos a xeito de antecastro de grandes dimensións en niveis inferiores. Así, o castro preséntase como un aterrazamento artificial de tres niveis. Un primeiro nivel cunha pendente natural moderada de 8 metros de altura, un segundo nivel formado dun terraplén de gran pendente e duns 5 metros de altura, e por fin unha croa elevada e concéntrica respecto ao perímetro dos niveis previos. Mantén unha localización estratéxica dentro do val que forma o río San Vicenzo ou San Vicente, e é na súa cara norte onde o castro presenta un maior artellamento defensivo.

Carece de estruturas domésticas visíbeis no seu interior, apenas os restos dun pequeno muro posterior de cachotería, e pequenos restos de murallas rectilíneas medio soterradas.

Durante décadas sufriu espolio tanto de pedra para material de construción, como de curiosos na procura de pezas de valor económico. Nel non se levou a cabo ningunha campaña arqueolóxica nin prospección legal. Nos anos 70 perdeu uns tres metros de altura por traballos feitos dentro da croa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. "Catálogo plan básico autonómico Castro de Castrillón Xunta de galicia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de marzo de 2018. Consultado o 18 de marzo de 2018.