Basílica de San Martiño de Mondoñedo
Basílica de San Martiño de Mondoñedo | |
---|---|
Ábsida da antiga Catedral. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Basílica |
Advocación | San Martiño |
Localización | San Martiño de Mondoñedo (Foz) |
Coordenadas | 43°33′42″N 7°18′12″O / 43.5616666667, -7.30333333333 |
Catalogación | Ben de Interese Cultural (1931) |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Mondoñedo-Ferrol |
Arquitectura | |
Construción | século IX a XII |
Estilo | Románico |
Identificador | RI-51-0000716 |
[ editar datos en Wikidata ] |
- Non confundir coa Catedral de Mondoñedo.
A basílica de San Martiño de Mondoñedo é un templo de orixe prerrománica situado na Mariña Lucense, sé do bispado de Mondoñedo durante moitos anos, que se atopa en bo estado de conservación. Atópase na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, no norte da provincia de Lugo. Na actualidade, amais de estar aberta ó culto, alberga no seu interior un museo.[1]
Está considerada como a catedral máis antiga de España, xa que no século IX foi sé de dous bispados do Reino de Galicia, un trasladado desde Dumio, no distrito de Braga (Portugal), e outro trasladado desde Bretoña, na provincia de Lugo.[2]
O edificio actual é románico de finais do século XI e os recios contrafortes son obra do século XVIII.[1] Desde o ano 1931 está catalogada como BIC e no 2007 obtivo a categoría de basílica.[3][4]
Ó lado da basílica está a fonte da Zapata; segundo a lenda, neste lugar o bispo San Gonzalo tirou unha zapatilla e abrollou auga, auga que se considera que ten propiedades milagreiras.
Historia
[editar | editar a fonte]A historia desta sé comezou no século VI cando un grupo de cristiáns chegaron fuxindo dos anglosaxóns desde a provincia romana de Britania e establecéronse en Galicia. Fixaron a súa capital en Britonia e fundaron un bispado que chegou a ter grande influencia, participando regularmente nos Concilios de Toledo. O lugar deste bispado atopábase entre Meira e Mondoñedo, na provincia de Lugo,[2] e adóitase identificar[5] coa actual parroquia de Santa María de Bretoña, no concello da Pastoriza.
Máis tarde, no ano 866, o bispado de Dumio tivo que abandonar a súa sé por causa da conquista musulmá refuxiándose nun lugar chamado Mendunieto, o lugar actual da Basílica, e que co tempo derivaría ó nome de San Martiño de Mondoñedo.[2][6]
Pero entre o ano 966 e o 971 os viquingos destruíron Bretoña e o bispado tivo que trasladarse ó que despois sería San Martiño de Mondoñedo, lugar ofrecido polo rei Afonso III para fundar un mosteiro e como sé episcopal dobre (dumiense de Dumio e britoniense de Bretoña) e cuxo primeiro bispo foi Sabarico.[2][7] San Martiño foi capital até 1112 da terra dos bretoñeses. Investigacións recentes, baseadas en citas de diversas fontes, permiten supor que xa existía no lugar un vello mosteiro chamado Máximo.
Despois do bispo Sabarico tivo esta sé outros 14 bispos entre eles a Rosendo (que sería San Rosendo, fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova), durante os anos 923 a 942, e a Gonzalo Froilaz, a partir do 1071 até o 1112, bispo moi popular e tido por santo entre os fieis, que fora abade no mosteiro de Sahagún.[7][8] Na parte sur da basílica consérvase o seu sepulcro[9], e no museo parroquial, e o seu anel[10] pastoral de ouro, que ten unha pedra de cuarzo engarzada por catro cabeciñas de ave cuns brillantes nos ollos, cuxa inscrición di:[11]
|
|
Tamén se atopa no museo o seu báculo, unha vara de madeira de 1,45 m unido a unha voluta de cobre dourado de 10 cm que termina nunha cabeza de animal.[1][12] Conta a lenda que o bispo Gonzalo conseguiu cos seus rezos que fracasase unha incursión de piratas na ría de Foz.[13]
Posteriormente no ano 1112 a Raíña Urraca mandou trasladar a sé episcopal a Vilamaior do Val de Brea (ou Vilamaior de Brea), ou Valibria (ou Vallibria), e que co tempo cambiou o seu nome polo de Mondoñedo, en lembranza da antiga sé.[8][14]
Tras este traslado, en San Martiño foron substituídos, por bula do papa Hadrián IV, os primitivos monxes por cóengos regulares de San Agostiño que permaneceron até o 1534 en que o papa Clemente VII agregou este priorado á catedral de Mondoñedo, e ordenou que en San Martiño de Mondoñedo quedasen tantos clérigos como cóengos regulares de San Agostiño. Esta medida chegou desde Roma para evitar os abusos que os abades comendatarios viñan cometendo, xa que nos últimos anos o abade de San Martiño era tamén dignidade da catedral de León, elixindo esta cidade como residencia e descoidando por tanto as súas obrigacións no mosteiro, cuxos cóengos ó verse sen dirección viviron de maneira pouco ortodoxa.[15]
No ano 2007 esta igrexa, en bo estado de conservación e na que o culto relixioso está vivo, foi declarada basílica polo Vaticano. No 2008 durante unha campaña de restauración apareceron na bóveda sur da catedral un conxunto de pinturas murais datadas no século XII[16]. O profesor Manuel Castiñeiras atribúe a súa autoría a Bernardo, tesoureiro de Diego Xelmírez e iluminador do Tombo A de Compostela[17].
Descrición
[editar | editar a fonte]Este templo caracterízase por ser unha rara avis no seu contorno. Xunto coa igrexa de Urueña (Valladolid) e as galegas de Santo Antoniño de Toques e a de San Xoán de Vilanova, configuran un conxunto de templos que seguen o estilo románico lombardo-catalán, en contraposición ó estilo románico borgoñón ou francés que é o estilo propio do noroeste peninsular, coa catedral de Santiago á cabeza e o Camiño de Santiago como vía de introdución das súas formas.
Trataríase pois dun exemplo dunha experiencia artística sen continuidade e dificilmente clasificable no panorama arquitectónico románico galego.
Poucos edificios xuntan de xeito tan anárquico elementos e anacos prerrománicos, protorrománicos e románicos plenos como este, sendo o resultado material froito de tres etapas históricas coas súas correspondentes campañas construtivas co resultado dun crebacabezas estrutural e decorativo.
Ten elementos arquitectónicos dos séculos X, XI e XII. É de planta basilical con tres naves e as súas tres ábsidas semicirculares, onde poden apreciarse as bandas e os arquiños cegos de factura lombarda. O central está dividido por tres faixas verticais con xanelas en cada tramo adornadas cun axadrezado. Dispón dun cruceiro e ciborio cuxo tambor ten a orixinalidade de ser rectangular coas esquinas redondeadas. As naves están separadas por tres pares de piares, con columnas encostadas as que están máis próximos ó cruceiro. As naves laterais reciben a luz dos vans abucinados; a nave central cóbrese con teitume de madeira e lousado de dúas augas.
Posúe unha nave única de aparello prerrománico, coas naves cubertas de madeira, a alturas e coberturas graduais, e tres ábsidas semicirculares que se abren directamente sen arcos triunfais, como continuidade espacial das naves,[18] en consonancia coas novas formas litúrxicas[19] de medio punto sobre semicolumnas acaroadas, e están cubertas con bóvedas de canón rematadas en casca. Unha destacada lanterna ovalada cega apóiase sobre trompas entre os brazos do pronunciado cruceiro que se cobren con bóvedas de canón semicirculares, as primeiras do románico de Galicia.[20] A bóveda do brazo norte do cruceiro apóiase, no lado da nave, sobre unha imposta sogueada na que, enriba do seu arco, lese: «Gundisalvus episcopus Sancti Martini». A bóveda do brazo sur apóiase nunha imposta axadrezada.[20]
A fábrica da súa tripla cabeceira debeu pertencer á súa primeira fase construtiva, a románico-lombarda, posiblemente realizada por mestres cataláns, porén debe terse en conta que a decoración con arquiños nas cornixas (moi propias deste estilo) das ábsidas laterais non se seguiu a empregar na ábsida central. O resultado é unha igrexa con tres ábsidas semicirculares na cabeceira, abertas a un cruceiro que sobresae polo seu alzado, e tres naves das que a central é considerabelmente máis ancha cás laterais. Ao cubrirse estas con teitumes de madeira, na parte alta dos muros da central ábrense estreitas xanelas. As diferenzas entre o cruceiro e as naves evidencian os cambios no proxecto inicial.[20]
No edificio poden apreciarse as tres etapas construtivas:
- Primeira etapa, do século X, á que corresponde a cabeceira, o muro sur e parte do muro norte. No muro norte ábrense tres vans abucinados e unha porta con arco de ferradura reutilizada do templo primitivo (tapiada actualmente), mais outra porta que serve de entrada. No muro sur consérvanse ménsulas, onde se apoiaban as vigas do claustro do antigo mosteiro. Esta primeira etapa é a construción realizada polo bispo Rosendo, sobre unha moito máis antiga. Segundo Ramón Yzquierdo Perrín, traballouse aquí no comezo do bispado de don Gonzalo I, de nobre liñaxe e, probabelmente, elevado á mitra polo rei Afonso VI.[21][22]
- Segunda etapa, do século XI, época xa románica, á que corresponde a parte central, co arco triunfal e as absidiolas, máis o ciborio sobre tambor rectangular e ángulos redondeados, elemento moi orixinal que pode apreciarse perfectamente tanto no interior do templo como no exterior. Os capiteis desta zona, así como a placa labrada que se atopa sobre o altar a modo de retablo, corresponden a escultores de moi boa mestría. Representan temas historiados como a parábola do rico Epulón, a degolación de Xoán o Bautista, a historia de Lázaro, temas relativos ó pecado, o máis representativo é o da luxuria, e temas de caza, animais e vexetais que coroan pesados cimacios con palmas.[23] Durante esta etapa quizais se erixiron, tamén, as medias columnas que marcan o interior do muro norte da nave cuxa altura diminúe de oriente a occidente e que, finalmente ficaron inacabadas e sen función.
- Terceira etapa, do século XII, á que corresponden a ábsida central e a fachada oeste, encadrada entre a torre e o contraforte oposto. Tamén a este século corresponden os canzorros dos muros das naves.
Ademais, nas obras de restauración realizadas nesta basílica nos primeiros meses de 2008 puxéronse ó descuberto unhas pinturas murais, moi deterioradas, que foron catalogadas como os frescos románicos máis antigos de Galicia, datados no século XII. [24] Durante a Idade Media, estas pinturas foron cubertas por sucesivas capas de cal, práctica habitual no mantemento das igrexas da época.
No decorativo é no que este templo se relaciona coa arte románica contemporánea a ela, coa igrexa de Pedro de Teverga como un dos referentes máis directos con semellanzas que apuntan a un modelo común.
Sobre o exterior corre un friso de estilo visigodo tallado a bisel. O lintel con crismón e Agnus Dei así como os canzorros figurativos son obra románica do século XII. Uns representan músicos e acróbatas, e algún escenas sexuais explícitas.
Os grosos contrafortes que ten na actualidade son un engadido da restauración realizada no ano 1867.
Fachada do oeste
[editar | editar a fonte]Corresponde en construción ó século XII, aínda que ten algún elemento da obra anterior, como o rosetón tetrafoliado e cego que se atopa no vértice.[25]
Consta de cinco arquivoltas, tres de aresta que se apoian nos saíntes do muro e dous que se apoian sobre dous pares de columnas, as exteriores de pedra do lugar e as interiores de mármore, estas últimas posiblemente procedentes do antigo templo. Os capiteis das columnas son sinxelos, tres teñen adornos de follas lixeiramente nervadas e o outro cabezas de animais que parecen ser monos. Dous deles son moi antigos, remontándose ó século VI xa que poden ser pezas visigodas reutilizadas.[25]
O tímpano é moi interesante e de gran valor. Está formado por unha peza alintelada con forma pentagonal, que no centro ten un relevo cun crismón de seis brazos de tipo Navarro, e completa o semicírculo un conxunto de perpiaños. Sobre o crismón, no perpiaño central de maior tamaño, hai un Agnus Dei inscrito nun círculo tetralobulado, cuxa cruz se apoia na pata do cordeiro. É un tema moi repetido ó longo do románico rural galego.[25]
Na parte superior da fachada atópase unha pequena xanela, e ó seu lado está a torre campanario de dous corpos, dos séculos XV e XVIII, que na súa parte superior ten unha pequena cúpula.
Retablo da ábsida
[editar | editar a fonte]É un pequeno retablo feito en pedra con baixorrelevos que mide 1,40 m de ancho por 0,80 m de alto. A figura principal é Cristo en Maxestade, sentado nun trono chamado scamnum (escano ou banco) ou faldistorio, cun nimbo en forma de cruz e en actitude de bendicir, situado dentro dun círculo que sosteñen dous anxos de grandes ás, vestidos con alba e casula o da esquerda e con alba e capa larga o da dereita. No ángulo superior esquerdo hai outro círculo máis pequeno que rodea un Agnus Dei cunha cruz de tipo asturiano, é dicir unha cruz grega que se ensancha nos extremos; apóiase nun pau. Debaixo deste círculo hai unha aguia, motivo que se repite nalgún dos capiteis.
Debaixo destas figuras distribúense ó longo cinco personaxes: baixo o disco grande hai dous anxos vestidos con casula e alba, coa man esquerda sobre o peito e a dereita sinalando para outros dous personaxes que teñen ó seu lado e que están de perfil coa cabeza moi inclinada, o un con casula e o outro con capa. No centro desta escena hai outra figura de fronte, vestida con capa.
Os historiadores non se poñen de acordo en descifrar o sentido desta narración, aínda que a opinión máis xeneralizada é que se trate dunha cerimonia episcopal.
Outros edificios
[editar | editar a fonte]Fronte á portada do oeste atópase a casa do prior, que hoxe é unha casa particular. A casa reitoral está ó sur, nuns edificios que foron dos cóengos regulares. Aínda máis ó sur atópase o antigo hospital do mosteiro, utilizado hoxe por xente particular.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da basílica de San Martiño de Mondoñedo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Sistema Galego de Museos. "Museo Parroquial de San Martiño de Mondoñedo". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2014. Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Diocese de Mondoñedo-Ferrol. "Diócesis de Mondoñedo-Ferrol" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2014. Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ BOE. "Resolución de 25 de noviembre de 2011, de la Secretaría de Estado de Cambio Climático, por la que se formula declaración de impacto ambiental del proyecto Nueva carretera conexión San Ciprián-Barreiros, Lugo" (PDF) (en castelán). Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ Giga-Catholic Information. "Basílicas de España y Andorra" (en inglés). Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ BRETOÑA Sede del Obispado de Britonia (en castelán)
- ↑ Manuel Chamoso Lamas; Victoriano González, Bernardo Regal (1997). Ediciones Encuentro, ed. "Rutas románicas en Galicia/2" (en castelán). pp. 59–69. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Cando os árabes chegan, tras a súa veloz conquista, ó noroeste da Península, no século VIII, o bispo-abade de Dumio refúxiase en Mendunieto, lugar retirado da comarca britoniense.
- ↑ 7,0 7,1 Diocese de Mondoñedo-Ferrol. "Episcopologio mindoniense" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ 8,0 8,1 Concello de Foz. "Catedral de San Martiño". Consultado o 14 de outubro de 2014.
San Martiño foi sede episcopal dende o ano 870 ata o 1112. Chegaron a pasar por esta sede 15 bispos, entre eles San Rosendo e D. Gonzalo, último bispo da diocese, que non se debe confundir co San Gonzalo, Bispo Santo, da lenda das naves. Á morte do bispo Gonzalo, no ano 1112, a raíña Urraca traslada a sede a Vallibria ou Vilamaior de Brea, actual Mondoñedo.
- ↑ Imaxe do sartego de Gonzalo Froilaz
- ↑ "Anel do Bispo Gonzalo de Mondoñedo #galicia100 - 3D model by Consello da Cultura Galega (@consellodacultura)" (en inglés). Consultado o 2018-11-04.
- ↑ Manuel Chamoso Lamas; Victoriano González, Bernardo Regal (1997). Ediciones Encuentro, ed. "Rutas románicas en Galicia/2" (en castelán). p. 68. ISBN 84-7490-429-3. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Por certo, que a inscrición que leva, "NOLO ESSE DATUS NEQUE VENUNDATOS", faino un pouco sospeitoso.
- ↑ "Báculo do Bispo Gonzalo de Mondoñedo #galicia100 - 3D model by Consello da Cultura Galega (@consellodacultura)" (en inglés). Consultado o 2018-11-04.
- ↑ Concello de Foz. "Catedral de San Martiño". Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ Henrique Flórez (1764). "Tomo VIII de las iglesias britoniense, y dumiense, incluidas en la actual Mondoñedo.". España sacra. Theatro geographico histórico de la iglesia de España. (en castelán). p. 52. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Volveu outra vez a Dignidade a Vilamaior de Brea: pero nin tomou titulo por Vilamaior, nin por Valibria, se non que até hoxe conserva e só é coñecida a Cidade polo nome de Mondoñedo.
- ↑ Consérvase o Memorial do cabido catedralicio de Mondoñedo dirixido ó papa en que se expresan estes problemas e a petición de que os bens da igrexa de San Martiño pasen á diocese de Mondoñedo.
- ↑ "SAN MARTÍN DE MONDOÑEDO - A.Garcia Omedes". www.arquivoltas.com. Consultado o 2018-11-04.
- ↑ "«Los frescos de San Martiño son el hallazgo más importante de los últimos 30 años en Galicia»". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-06-24. Consultado o 2018-11-04.
- ↑ Soraluce Blond, José Ramón. Guía da Arquitectura Galega (1999). Guías Galaxia, Editorial Galaxia, páx. 27 a 30. ISBN 84-8288-186-8
- ↑ A liturxia tradicional ata ese momento, a mozárabe (caracterizada polas pechadas capelas absidais) pola comunitaria liturxia romana.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Yzquierdo Perrín, Ramón (2013). "Diego Gelmírez y los inicios del Románico en Galicia". O século de Xelmirez (PDF) (en castelán). Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-92923-53-3.
- ↑ Cal Pardo, Enrique. Episcopologio mindoniense.
- ↑ Flórez de Setién y Huidobro, Enrique. España Sagrada.
- ↑ Pita Andrade, José María (1969). "Observaciones sobre la decoración vegetal en el románico de Galicia". Abrente (1): 96–97.
- ↑ La Voz de Galicia. "Descobren os frescos románicos máis antigos de Galicia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2010. Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 "Catedral de San Martín de Mondoñedo" (en castelán). Consultado o 14 de outubro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Basílica de San Martiño de Mondoñedo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bango Torviso, Isidro; Yarza Luaces, Joaquín e outros. El Arte románico en Galicia y Portugal / A arte Românica em Portugal e Galiza, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2001, p. 14.
- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario Monumental y Artístico de Galicia (Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia) (2ª ed.). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 335–336. ISBN 84-85728-62-9.
- de Sá Bravo, Hipólito. Monasterios de Galicia, Everest, 1983, p. 44-50.
- Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña), ed. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid. p. 410. ISBN 84-934081-5-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo de San Martiño de MondoñedoArquivado 19 de outubro de 2014 en Wayback Machine.
- Igrexa Parroquial de San Martiño de Mondoñedo en Turgalicia
- Agudo, Mario. El Maestro de San Martiño de Mondoñedo Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Setembro de 2006.
- Claustro.com (en castelán).
- Información e fotos na web Arquivoltas (en castelán)