Guillerme IX de Aquitania
Guillerme de Poitiers (en occitano: Guilhem de Peiteus), coñecido tamén coma Guillerme IX de Aquitania, Guillerme IX o Trobador (en occitano: Guilhèm IX lo Trobador) ou aínda coma Guillerme o Trobador (en francés: Guillaume le Troubadour), nado o 22 de outubro de 1071 e finado o 10 de febreiro de 1126, foi un nobre occitano, noveno duque de Aquitania, sétimo conde de Poitiers e primeiro dos trobadores en lingua occitana do que se ten noticia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en 1071, fillo de Guillerme VIII de Aquitania e da súa terceira esposa, Audéarde de Borgoña, filla do duque Roberto I de Borgoña. Cando faleceu o seu pai en 1086, herdou uns dominios máis extensos que os do propio rei de Francia, de quen era nominalmente vasalo. Nos anos 1101 e 1102, participou tardiamente na Primeira Cruzada trala caída de Xerusalén. Sostivo varias guerras contra os condes de Tolosa. Foi excomungado en dúas ocasións, unha delas por abandonar a súa esposa lexítima e arrebatarlle á forza a muller ao seu vasalo o vizconde de Châtellerault. Entre 1120 e 1123 combateu xunto a Afonso I o Batallador, o seu concuñado, para tentar arrebatar ós musulmáns o reino de Valencia. O vínculo de Guillerme o Trobador e Afonso o Batallador é dobre. Dunha parte, Inés de Aquitania (irmá de Guillerme o Trobador) casou con Pedro I de Aragón, o cal faleceu sen descendencia masculina, herdando os seus reinos o seu irmán Afonso o Batallador. Doutra, porque á morte do Batallador, que faleceu sen descendencia, herdou os seus reinos o seu irmán Ramiro II o Monxe, o cal casou con Inés de Poitou, filla de Guillerme o Trobador. Por iso é polo que o Trobador resultou cuñado de Pedro I de Aragón e concuñado dos seus irmáns, Afonso o Batallador e Ramiro o Monxe.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Do seu matrimonio con Filipa de Tolosa tivo os seguintes fillos:
- Inés de Poitou († 1159), esposa de Aimar de Thouars e de Ramiro II de Aragón;
- Guillerme X de Aquitania (1099 - 1137), derradeiro duque de Aquitania;
- Raimundo de Poitiers (ca. 1115- 1149), polo seu matrimonio con Constanza, Príncipe consorte de Antioquía.
Obra literaria
[editar | editar a fonte]Guillerme de Aquitania é o primeiro poeta de nome coñecido nas literaturas románicas. Consérvanse 11 poemas seus, nos que a temática amorosa é tratada ás veces con gran crueza: autodenominábase «trichador de dòmnas», alardeaba das súas proezas sexuais e moitos dos seus poemas están adicados á súa amante, Maubergeonne, á que chama a Perigosa. Noutra composición, pide ós seus cabaleiros que o axuden a escoller cabalo:
Cabaleiros, aconselládeme nesta dúbida:
-nunca escoller me foi tan difícil-:
Non sei se quedar coa (dama) Agnes ou coa (dama) Arsen)Cavalier, datz mi cosselh d'un pessamen:
-Anc mays no fuy issaratz de cauzimen- :
Res non sai ab qual me tengua, de n'Agnes o de n'Arsen.
Noutros poemas, amosa unha sensibilidade moi diferente:[1]
Coa dozura da primavera
ferven os bosques e os paxaros cantan
cada un no seu latín
segundo o ritmo do novo canto:
así convén que cada un se alegre
no que máis desexa.Ab la doussor del temps novel
folhon li bosc e li auzel
chanton chascus en lor lati
segon lo vers del novel chan:
adonc esta ben qu'om s'aizi
d'aisso dont om a plus talan.)
Acolleu na súa corte ó bardo galés Blédri ap Davidor, quen introduciu nas literaturas románicas a lenda celta de Tristán e Iseu.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guillerme IX de Aquitania |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Biographies des troubadours ed. J. Boutière, A.-H. Schutz (París: Nizet, 1964) pp. 7–8, 585-587.
- Bond, Gerald A., ed., transl. intro. The Poetry of William VII, Count of Poitier, IX Duke of Aquitaine, (Garland Publishing Co.:Nova York) 1982
- Duisit, Brice. Las Cansos del Coms de Peitieus (CD), Alpha 505, 2003
- Harvey, Ruth E. The wives of the 'first troubadour', Duke William IX of Aquitaine (Journal of Medieval History), 1993
- Meade, Marion. Eleanor of Aquitaine, 1991
- Merwin, W.S. Sir Gawain and the Green Knight, 2002. pp xv-xvi. Nova York: Alfred A. Knopf. ISBN 0-375-41476-2.
- Owen, D.D.R. Eleanor of Aquitaine: Queen and Legend
- Parsons, John Carmi. Eleanor of Aquitaine: Lord and Lady, 2002
- Pasero, Nicolò, ed.: Guglielmo IX d'Aquitania, Poesie. 1973
- Verdon, J. La chronique de Saint Maixent, 1979.
- Waddell, Helen. The Wandering Scholars: the Life and Art of the Lyric Poets of the Latin Middle Ages, 1955