Igrexa de Santa María de Cambre

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Igrexa de Santa María de Cambre
Fachada da igrexa.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
LocalizaciónCambre
Coordenadas43°17′31″N 8°20′39″O / 43.2920228, -8.3442262Coordenadas: 43°17′31″N 8°20′39″O / 43.2920228, -8.3442262
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
ConstruciónSéculo IX - século XIII
EstiloRománico
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Santa María de Cambre é un templo de feitura románica de Cambre do século XII. Segue o estilo románico compostelán e é unha das igrexas a destacar no románico galego.[1]

Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño do 1931. A protección como Ben de Interese Cultural esténdese á delimitación da contorna por Decreto 29 do 29 de xaneiro do 1998.[2][3]

Situación[editar | editar a fonte]

Ábsidas románicas.

Esta antiga igrexa monástica sitúase na ribeira do río Mero, na parroquia de Santa María de Cambre no centro do concello de Cambre, na comarca das Mariñas dos Frades.

Historia[editar | editar a fonte]

Pertencía á xurisdición da arquidiocese compostelá. Na Alta Idade Media, nun lugar coñecido como Calambre, fundouse un mosteiro familiar por parte do cabaleiro Alvito e as súas irmás Vestriberga e Urraca. O seu primeiro abade foi Adulfo. O mosteiro foi doado ao de San Paio de Antealtares o 16 de agosto do ano 932[4][5], que o mantivo ao principio en réxime de abadía e que, posteriormente, o converteu en priorado.

No ano 1454 dependía coma encomenda de don Gómez Pérez das Mariñas I, mais no 1489 incorporouse, xunto co mosteiro de San Paio, ao de San Martiño Pinario, suxeito ás regras da congregación beneditina de San Bieito o Real de Valladolid. No 1589 foi incendiado polos ingleses e en 1809 polos franceses, polo que tivo que ser «en gran parte reconstruído, perdendo a igrexa case todo o seu antigo beiril»[6], segundo conta Ángel del Castillo. Coa Desamortización de Mendizábal completouse a extinción do antigo mosteiro.

Etapas[editar | editar a fonte]

A construción da igrexa pódese dividir en tres etapas principais.

Primeira etapa[editar | editar a fonte]

Vista da nave central cara á capela maior.

A mediados do século XII comeza a construción da fachada principal maila occidental e os tres primeiros tramos das naves lonxitudinais. A nave central é un chisco máis longa cás laterais, que se separa por grandes piares cadrados con semicolumnas pegadas aos lados. Os arcos formeiros mailos transversais, sobre os que se sostén a cuberta de madeira son de medio punto e arrancan de capiteis con decoración xeralmente vexetal.

Segunda etapa[editar | editar a fonte]

Arco oxival mais unha bóveda de aresta.

Neste período erixiuse a cabeceira protogótica. Presenta claras influencias da catedral de Santiago de Compostela na súa coroa con cinco capelas radiais, o que a emparenta, a pesar do seu tamaño, coas grandes igrexas de peregrinación. As capelas radiais ábrense á coroa por arcos oxivais, sustendados por semicolumnas pegadas aos muros, e cóbrense con bóvedas en forma de cosco sobre nervios.

Terceira etapa[editar | editar a fonte]

Corresponde ao século XIII, no cal se rematan a cabeceira, o cruceiro, o derradeiro tramo das naves e a portada. A coroa cóbrese cunha bóveda anular e a capela maior, composta dun tramo rectangular mais outro semicircular, cunha bóveda de canón rematada en cuarto de esfera. Unhas escaleiras de cosco na banda leste dos brazos menores do cruceiro dan acceso ao que probabelmente foron no seu día dúas torres pequenas que hoxe non sobresaen da cuberta.

Planta e sección transversal.[7]

Descrición[editar | editar a fonte]

A igrexa é o único que se conserva na actualidade do primitivo mosteiro, esta está orientada liturxicamente e a vivenda sacerdotal, situada ao sur, forma un «L» aberto a un patio rectangular, pechado polos seus lados norte e oeste cun alto muro de pedra. Foi construída a finais do século XII. Estrutúrase en planta de cruz latina (co brazo maior composto de tres naves con catro tramos), con deambulatorio. Da igrexa destaca o emprego dunha mestura de solucións románicas e góticas cunha forte influencia do taller da Catedral Compostelá.

Exterior[editar | editar a fonte]

Detalle do tímpano.
Outro detalle da parte superior do tímpano.

A parte mellor conservada do conxunto é a cabeceira que destaca pola elegancia, composta pola capela maior e cinco capelas nos absidiolos, que arrodean o gran tambor do deambulatorio, aínda que este perdeu os canzorros.[8] Nestes absidiolos consérvanse as cornixas e abovedamentos orixinais. As xanelas de arco de medio punto entre contrafortes prismáticos e con arquivoltas as da ábsida central, contribúen a acentuar o aspecto medieval do conxunto.

A fachada principal está dividida en tres vías que se corresponden coas naves. Na fachada salienta o uso non habitual no exterior de columnas pareadas. A portada enmárcase por contrafortes. No tímpano móstrase o Agnus Dei inserido nun clípeo en forma de vieira. Nas arquivoltas semicirculares atopamos diversa decoración zoomórfica e antropomórfica coa mensaxe de denunciar ao mal apoiadas en dous pares de columnas acodilladas. Na clave do tímpano Daniel é representado entre vixiantes leóns rampantes. Nos capiteis represéntase a pesada das almas do xuízo fronte ao demo e a loita de San Miguel contra o dragón da apocalipse. Na vía da dereita, incrustada nun contraforte, érguese a primitiva torre da fachada, hoxe esmoucada, cunha escaleira de cosco iluminada por pequenas troneiras que dá acceso ao coro alto, que é de madeira.

A ambos lados da portada sitúanse radialmente dous vans con arcos de medio punto adornados con cinco arcos de ferradura no seu intradorso feitos a imaxe dos da fachada das Pratarías compostelá.

Sobre a portada hai un tornachoivas soportado por canzorros con figuras de animais e antropomorfas. Por riba do tornachoivas áchase un rosetón composto por unha celosía de círculos ao redor dun maior e enmarcada por molduras coa interior decorada con arquiños de ferradura. Remata a vía central unha espadana con dous ocos para as campás e coroada por unha sinxela cruz de pedra.

Interior[editar | editar a fonte]

Pía bautismal.

Dividida en tres naves compostas de catro tramos separados por piares compostos cruciformes. O interior da igrexa salienta pola súa sobriedade, a pesar da súa variada e abondosa decoración, chegando a contarse ata noventa e catro capiteis con ata trinta motivos ornamentais diferentes. A morea de xanelas de arco de medio punto que se abren nas ábsidas e nas naves, amais do rosetón da portada, confiren unha equilibrada iluminación.

No interior conserva algunhas pezas de interese: un capitel coa data de 1194 gravada nel, a pía coñecida como Hidria de Xerusalén, ou unha Virxe co neno en pedra de finais do século XII.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Turismo de Galicia, Xunta de Galicia (eds.). "Igrexa de Santa María de Cambre". Consultado o 30/8/2018. 
  2. Cultura de Galicia, Xunta de Galicia (eds.). "Rexistro de Bens de Interese Cultural". 
  3. Axencia Estatal do Goberno de España, eds. (12 de maio de 1998). "Decreto 29/1998, de 22 de enero, por el que se declara la delimitación del entorno de protección de la iglesia de Santa María, en el municipio de Cambre, provincia de A Coruña". Boletín Oficial del Estado (113): 15829–15831. 
  4. Segundo unha escritura perdida, puido ser fundado no século IX por Afonso III.
  5. Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-89748-35-7. 
  6. Castillo López, Ángel del (1972). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. 
  7. Lampérez y Romea, Vicente. "Notas sobre algunos monumentos de la arquitectura cristiana española" en Boletín de la Sociedad Española de Excursiones nº 124, 1903, vol. 11, páxs. 131-135.
  8. Un mesmo tellado unifica actualmente deambulatorio e capela Maior, cuxo volumes seguramente estivesen inicialmente diferenciados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]