Munia Froilaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Munia Froilaz
Monia Froylaz

Outros títulosFundadora do Mosteiro de Pedroso
Monxa no Mosteiro de Xuvia
Falecemento1147
SepulturaMosteiro de San Salvador de Pedroso
Cónxuxe/sPaio Méndez
Liñaxe / DinastíaFamilia Froilaz-Traba
ProxenitoresFroila Bermúdez
Dona Lucia
Irmáns

Escudo de Munia Froilaz
Signature of Munia Froilaz.png

Munia Froilaz (Monia Froylaz), foi unha nobre galega da Baixa Idade Media (finais do s. XI e comezos do XII), pertencente á familia Froilaz-Traba[1], filla de Froila Bermúdez de Trasancos e a súa segunda esposa Dona Lucía, e irmán, entre outros, do Conde de Galiza, Pedro Froilaz e do bispo de Mondoñedo Gonzalo Froilaz.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Igrexa de Pedroso

Herdeira dun importante patrimonio[2], Munia Froilaz casou co magnate territorial Paio Méndez, propietario da maior parte das facendas situadas entre Ortigueira e Valdoviño[3]. Deste matrimonio naceron dous fillos, o primeiro, de nome descoñecido, morreu afogado no mar da Xoiva, denominación que recibía naquela altura a ria de Ferrol. Para honrar a súa memoria Munia construíu, xunto ao seu marido, un mosteiro baixo a advocación de San Salvador na vila, herdada do seu avó Bermudo, chamada Vineola e que hoxe é o o lugar de Pedroso[4]. Paio Méndez non chegou a ver rematado o mosteiro pois faleceu arredor do ano 1110, xa ben avanzada a obra, testando a favor da súa esposa, que investiu o legado na finalización do cenobio[5].

A este Mosteiro de San Salvador de Pedroso, finalmente fundado no 30 de xuño de 1111, Munia Froilaz doou xunto aos seus irmáns (os bens dos Froilaz estaban mancomunados e requerían do común consentimento para a súa cesión[6]), extensas propiedades recollidas no acta fundacional do mosteiro. Este documento foi asinado tamén por algúns dos mais destacados señores, laicos e relixiosos, da época, como Diego Xelmírez bispo de Compostela[7].

Nos anos seguintes, o mosteiro recibiu abondosas doazóns do clan Froilaz[8] e no ano 1120 o rei de Galiza Afonso VII concedeulle un couto xurisdicional que el mesmo ampliou no ano 1128[9][10][11]. Os dous documentos de acoutamento van dirixidos polo monarca directamente a Munia Froilaz, testemuñando no documento o afecto que sentía por ela. É moi posíbel que esta tivese tido contacto co rei durante a súa infancia, pois esta transcorreu baixo a protección dos Traba e dentro dos seus dominios[12].

Nos anos posteriores á fundacióń do mosteiro, e antes do 1114[13], faleceu tamén a segunda filla de Munia e Paio, Mariña Páez. Munia legou entón todas as súas restantes propiedades ao mosteiro de San Martiño de Xuvia e ingresou nel como relixiosa, uníndose á súa irmá Visclávara[13]. Anos mais tarde, no momento no que foron suprimidos o mosteiros dúplices[14], pasou a residir en Piadela (Betanzos), nunha vila cedida polo bispo Xelmírez[13]. Faleceu entre novembro do ano 1147 e o 1148, sendo sepultada, conforme ao seu desexo, diante do altar maior do mosteiro de Pedroso[8][15].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Liñaxe Froilaz-Traba". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 09/11/2018. 
  2. CAL PARDO 1984 p. 15
  3. Pena Graña, Andrés (1993). Narón, un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 69. ISBN 84-87674-32-1. 
  4. Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos Froilaz nas terras do Eume" (PDF). Catedra: revista eumesa de estudios (13): 386. 
  5. Pena Graña, Andrés (1993). Narón, un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 72. ISBN 84-87674-32-1. 
  6. Pena Graña, Andrés (1993). Narón, un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 79. ISBN 84-87674-32-1. 
  7. "Acta Fundacional do Mosteiro de Pedroso" (PDF). www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-12-05. 
  8. 8,0 8,1 "Fundación do mosteiro de San Salvador do Pedroso". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-12-07. 
  9. "Couto do Pedroso". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-12-07. 
  10. "Acoutamento do Mosteiro de Pedroso por Afonso VII e a súa nai Urraca" (PDF). www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-12-07. 
  11. "Segundo acoutamento do mosteiro de Pedroso por Afonso VII" (PDF). www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-12-07. 
  12. Pena Graña, Andrés (1993). Narón, un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 95. ISBN 84-87674-32-1. 
  13. 13,0 13,1 13,2 CAL PARDO 1984 p. 21
  14. Xosé Antón García González. "Un mosteiro dúplice". Consultado o 2018-12-07. 
  15. López Sangil, Jose Luis (2007). "La nobleza altomedieval gallega. La familia Froilaz-Traba. Sus fundaciones monacales en Galicia en los siglos XI, XII y XIII" (PDF). Nalgures (4): 250. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]