Munio Páez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Munio Páez
Conde de Monterroso
Munio Páez

NacementoFloruit 1105
Falecemento1149 ?
Cónxuxe/sLupa Pérez de Traba, filla de Pedro Froilaz de Traba
Descendencia
  • ProxenitoresPaio Gómez, neto de Gómez Díaz de Carrión
    Elvira Muñoz

    Munio Páez ou Muño Páez (floruit 1105 e morto quizais en 1149[1]) foi o conde de Monterroso, membro do clan Banu Gómez, durante os reinados de Afonso VI, Urraca e Afonso VII.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    En decembro de 1108 ostentaba o título de comes (conde), o máis alto do reino. Era fillo do conde Paio Gómez, neto de Gómez Díaz de Carrión e Tareixa Páez. A súa nai era Elvira Muñoz, media irmá do conde Rodrigo Muñoz, e filla de Munio Rodríguez e Ilduara Velázquez.[2] Os devanceiros de Elvira fundaran o mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón. O 17 de setembro de 1111, Munio participou na coroación do aínda mozo Afonso VII en oposición á súa nai, Urraca, en Santiago de Compostela. No banquete posterior á coroación Munio actuou como regalis offertorius, o oficial encargado da comida.[3] Entre maio de 1112 e novembro de 1116 Munio gobernou a tenencia galega de Monterroso, comarca ao sur de Lugo, ao oeste do río Miño e ao longo do Camiño de Santiago.[4] No verán de 1114 fixo as paces coa raíña Urraca, o que cadra coa descrición que ofrece a Historia compostellana de que intentou seguir un rumbo moderado.[4] Aínda estaba ao lado de Urraca en 1116. Na primavera de 1120 a raíña Urraca encarcerou a Muño, probablemente por desertar ao seu fillo, e privouno de todas as súas terras, pero ao ano seguinte foi restaurado e apoiaba á raíña contra arcebispo galego Diego Xelmírez. Munio estaba entre aqueles nobres obrigados en 1114 a prestar xuramento para "honrar" a Diego como parte da reconciliación do arcebispo coa raíña.[4] Nalgún momento de 1121 Munio construíu un castelo "adulterino" (ilegal, ilexítimo) no río Iso preto de Compostela. A Historia compostellana chámao "guarida de ladróns e bandidos", pero Diego conseguiu arrasala ao pouco de construírse.[2] Munio non tardou en interceder en nome de Diego co seu cuñado Vermudo Pérez de Traba, cuxo castelo en Faro reclamaba Diego.[2]

    Afonso VII sucedeu á súa nai en 1126. Durante todo o seu reinado, Munio mantívose unha figura esencialmente galega. Non acudiu nin unha vez á corte entre 1127 e 1134, aínda que asistiu en 1135 e probablemente estivo presente na coroación imperial de Afonso en maio. Ingresou na corte nas súas xiras por Galicia en 1137 e 1141, e unha vez máis, probablemente pouco antes da súa morte, en 1142, cando a corte estaba en Burgos.[2] Especúlase que algunha enfermidade física puido ter un papel para manter a Munio en Galicia.

    Munio foi tamén patrón da igrexa galega, facendo doazóns á Catedral de Lugo (1123), á Catedral de Santiago e ao clero regular de Sar (1141).[2] Aínda que non aparece mencionado na Historia compostellana entre os que homenaxearon a Afonso VII na súa sucesión en 1126, sábese por fontes documentais que estivo en Zamora o 13 de abril cando Afonso estaba alí para recibir a homenaxe da aristocracia galega.[2]

    Munio casou con Lupa Pérez, filla de Pedro Froilaz de Traba e Urraca Froilaz. Casaron o 30 de outubro de 1130. En decembro de 1147, posiblemente despois da morte de Muño, Lupa, chamándose Deo devota (devota a Deus), fixo unha doazón aos monxes cistercienses do mosteiro de Santa María de Monfero coa condición de que dixesen unha misa pola súa alma e a do seu marido anualmente o 30 de setembro, o día despois do día de San Miguel.[2] Anteriormente patrocinara Monfero en xullo de 1137 e volvera a volver en agosto de 1150. En abril dese mesmo ano mercara un terreo en San Cristovo de Dormeá, onde, o 1 de outubro de 1152, fundou un mosteiro. Cando o novo mosteiro recibiu un privilexio real de Fernando II o 8 de novembro de 1157, Lupa aínda vivía. Os fillos de Munio foron Aldonza, Elvira, Fernando, Pedro e Teresa.[2]

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. Campelo, R. P. Fr. José (1950). Historia Compostellana, hechos de D. Diego Gelmírez. Santiago de Compostela: PORTO, S. L. 
    2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Barton, Simon (1997). The Aristocracy in Twelfth-Century León and Castile (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780511585128. 
    3. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela. Oxford University Press. ISBN 9780198225812. 
    4. 4,0 4,1 4,2 F. Reilly, Bernard (1982). The Kingdom of Leon-Castilla under Queen Urraca, 1109-1126. Princeton University Press. ISBN 978-0691053448.