Rodrigo Vélaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rodrigo Vélaz
Conde de Sarria
Rodrigo Vélaz de Sarria

Outros títulosTenencias en Lemos, Caldelas, Rábade e Larín.
Falecemento22 de xuño, 1144
PredecesorVela Ovéquiz
HerdeiroÁlvaro Rodríguez
Cónxuxe/sUrraca Álvarez, filla de Álvar Fáñez
Descendencia
  • ProxenitoresVela Ovéquiz
    Aldonza Muñoz, filla de Muño Fernández

    Rodrigo Vélaz, de Sarria, finado o 22 de xuño de 1144, foi un conde galego que ostentou Sarria ademais outras tenencias, segundo a case contemporánea Chronica Adefonsi Imperatoris. Durante a súa longa traxectoria pública foi a figura dominante na montaña oriental galega mentres que a Casa de Traba dominaba a súa costa occidental. Serviu ao mando de tres monarcas: Afonso VI, Urraca e Afonso VII, e foi leal a todos eles, xamais se levantou en rebeldía.[1]

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Era fillo do conde Vela Ovéquiz e de Aldonza Muñoz, filla do conde Muño Fernández e de Elvira.[1] Rodrigo casou con Urraca Álvarez, filla de Álvar Fáñez e de Maior Pérez, filla de Pedro Ansúrez. O matrimonio tiña tres fillas: Aldonza, Berenguela e Elvira e un fillo, Álvaro Rodríguez, que máis tarde foi conde como o seu pai. O 6 de agosto de 1130 Rodrigo e Urraca fixeron unha doazón á Catedral de Lugo, o seu primeiro acto rexistrado como marido e muller.[1]

    Tenencias[editar | editar a fonte]

    A Torre dos Batallóns en Sarria, os restos do bastión de Rodrigo.

    Rodrigo aparece por primeira vez como testemuña dunha carta do 31 de xullo de 1092, na que a súa nai doou o mosteiro de San Pedro de Teverga á catedral de Oviedo. A finais de maio de 1112, recibira o rango de conde. Pouco antes, ese mesmo mes, recibira a tenencia de Sarria (un feudo da coroa gobernado polo titular pero sen ser da súa propiedade).[1] O 1 de abril de 1115 tamén fora investido da tenencia de Monteforte de Lemos, e o 12 de setembro de 1118 foi citado como titular de Caldelas, aínda que esta é a única referencia a esta tenencia nas súas mans.[1] A comarca de Lemos e Sarria adoitaba ser gobernada por un conde, limitaba ao oeste co río Miño e ao sur co Sil.[2] En 1120 un tal Paio Garciaz consta como meiriño servindo á raíña e a Rodrigo en Sarria:

    eiusdem regine et comitis Roderici eo tempore maiorinus in Sarria[2]

    O 7 de setembro de 1127 Rodrigo tamén recibira o goberno de Rábade. O último rexistro do seu goberno alí data de abril de 1142, aínda que continuou gobernando Sarria e Lemos ata finais de setembro de 1143. Os documentos reais adoitan referirse a el como "de" ou "en Sarria", mentres que os documentos privados o citan como tenente. Existe un único documento privado de 1137 que fai referencia ao goberno de Rodrigo en Larín.[3] Non hai constancia de Rodrigo despois do 5 de outubro de 1143 e quizais se tivese demasiado enfermo ou demasiado débil para participar nos asuntos públicos. Daquela xa era bastante vello. A súa morte menciónase nun documento do 22 de xuño de 1144 como se ocorrese nese momento.

    in tempore morte comiti Roderico, et suo filio Alvaro Rodriguiz qui tenebat honore de Suprati[1]

    Relación coa Coroa[editar | editar a fonte]

    En xullo de 1114 Urraca dirixiuse a Santiago de Compostela para tentar apartar legalmente do poder ao bispo Diego Xelmírez. Ao fallar, intentou que o capturaran, plan que foi estragado por Pedro Froilaz de Traba. Despois, ela abriu negociacións con Diego, o que resultou no xuramento da raíña de respectar a súa persoa e a súa honra, un xuramento semellante foi extraído dos outros magnates galegos, entre eles Pedro Froilaz e Rodrigo Vélaz.[2] A lealdade de Rodrigo a Urraca durante a parte conflitiva do seu reinado queda demostrada polo feito de que confirmou dezaseis cartas reais entre 1112 e 1120, con moito a maior cantidade de calquera nobre galego.[2]

    Rodrigo recoñeceu a ascensión ao trono de Afonso VII en Zamora, cos outros magnates de Galicia, despois de que o novo rei tomara a capital de León.[4] O 18 de xullo de 1126 Afonso VII concedeu terras en Seixón a Pedro Ovéquiz e á súa muller María Fernández por intervención de Rodrigo, un bo indicador da súa influencia na corte.[1]

    Actividades militares[editar | editar a fonte]

    Castelo de Oreja, Rodrigo participou no seu asedio en 1139.

    No outono de 1137, Rodrigo foi un dos dous únicos nobres galegos que se uniron ao exército real que marchaba entón sobre Navarra. O outro era Fernando Pérez de Traba, que se incorporara ao exército a principios de outubro en Logroño. Rodrigo chegou máis tarde ese mes, só despois de que o exército chegara ao río Ebro.[1] En 1139 Rodrigo participou no asedio de Oreja.[5] En 1140 Rodrigo aliouse con Fernando Pérez de Traba, entón amante de Tareixa, condesa de Portugal, á que gobernaba de facto como consorte dela. Os dous foron derrotados na batalla de Cernesa, un lugar sen identificar na Limia,[1] polas forzas do fillo e herdeiro de Tareixa, Afonso Henriques, que se sentira incómodo co poder compartido da súa nai, e invadira Galicia, acampando preto da Limia.[4] O autor anónimo da Chronica Adefonsi imperatoris, quizais Arnaldo de Astorga, atribúe a derrota dos condes aos seus pecados. Rodrigo foi capturado durante a fuxida, pero dous dos seus escudeiros liberárono por "algunha estrataxema intelixente" e conseguiu unirse ao resto do exército para refuxiarse en Galicia. A crónica sinala que "antes disto, o monarca portugués viñera a Galicia varias veces, pero sempre fora expulsado por Fernando Pérez, Rodrigo Vélaz e outros dirixentes galegos. Moitas veces viuse obrigado a regresar a Portugal deshonrado".[4]

    Un poeta anónimo, escribindo pouco despois da conquista de Almería en 1147, admite o prestixio militar de Rodrigo, pero, aclara, que o do seu sogro foi maior:

    Aí chega Álvaro, o fillo do poderoso Rodrigo. É el quen levou a morte a moitos e gobernou Toledo. O pai é honrado a través do fillo, e o fillo é exaltado polas súas propias accións. Forte era Rodrigo, e non é indigno da gloria do seu fillo. Este último foi famoso a través do seu pai, pero é aínda máis distinguido a través do seu avó Álvaro. É el que é coñecido por todos e non menos importante polos seus inimigos. — Poema de Almería, vv. 204–209[4]

    Relación coa Igrexa[editar | editar a fonte]

    O antigo mosteiro de San Salvador de Lourenzá, raro caso de igrexa coa que Rodrigo mantiña boas relacións.

    O 27 de maio de 1112 a raíña Urraca doou unhas leiras que foran ilegalmente usurpadas por unha tal Ermesinda Núñez e outorgadas á Diocese de Mondoñedo a Rodrigo e ao mosteiro beneditino de Lourenzá. Despois, o 13 de xuño, Rodrigo fixo unha nova doazón a Lourenzá. O seu pai perdera un proceso presentado ante o rei contra a Diocese de Lugo en 1078 e Rodrigo parece que albergaba algunha mala vontade cara á sé. En 1113 dise que "acosou" á igrexa de Lugo por xurisdicións.[2] Segundo a Historia compostellana, Rodrigo visitou o Reino de Xerusalén ao redor de 1121.[1] Despois tivo unha disputa co bispo de Mondoñedo, Nuño Alfonso, sobre as súas respectivas xurisdicións. Resolveuse mediante un acordo o 20 de xuño de 1128. A resolución parece que lles foi obrigada por Afonso VII cando estaba a xulgar en Palencia.[1]

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Barton, Simon (1997). The Aristocracy in Twelfth-Century León and Castile. Cambridge University Press. ISBN 9780511585128. 
    2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 F. Reilly, Bernard (1982). The Kingdom of Leon-Castilla under Queen Urraca, 1109-1126. Princeton University Press. ISBN 978-0691053448. 
    3. F. Reilly, Bernard (1998). The Kingdom of Leon-Castilla Under King Alfonso VII, 1126-1157. University of Pennsylvania Press. ISBN 978-1-5128-0612-0. 
    4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Edward Lipskey, Glenn (1972). The Chronicle of Alfonso the Emperor: A Translation of the Chronica Adefonsi Imperatoris, with Study and Notes. Northwestern University. 
    5. Barton, Simon (2000). From Tyrants to Soldiers of Christ: the nobility of twelfth-century Léon-Castile and the struggle against Islam. Nottingham Medieval Studies. doi:10.1484/J.NMS.3.305.