Saltar ao contido

Estatuto dos dezaseis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Comisión dos 16»)
Manuel Reimóndez Portela, presidente da comisión do Estatuto dos dezaseis.

O coñecido como Estatuto dos dezaseis foi un texto redactado en 1979 por unha comisión integrada por representantes de diferentes partidos por iniciativa da Xunta preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez que pretendía dar forma xurídica a prol de Galicia ao dereito á autonomía das nacionalidades e rexións consagrado no artigo 2 da Constitución española de 1978.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Tras as primeiras eleccións democráticas despois do franquismo, os deputados galegos elixidos constituíron a Asemblea de parlamentarios galegos e aprobaron un texto que se negociaría co Goberno do Estado e que daría lugar ao Decreto-Lei de 16 de marzo de 1978 polo que se establecía o réxime preautonómico de Galicia.

En xullo de 1978, constituíuse a Xunta de Galicia preautonómica segundo o determinado nese Decreto-lei. Antonio Rosón Pérez, presidente da mesma, realizou unha convocatoria pública a asociacións culturais, profesionais, sociais e económicas para que fixesen as súas achegas ao proceso estatutario que se abría. Así mesmo, encargábase a unha Comisión pluripartidaria aberta a todas as forzas políticas galegas que redactara un texto estatutario sobre a base do material recibido [1].

A Comisión, composta por dezaseis membros, estaba integrada por representantes de UCD, AP, PSOE, Partido Obreiro Galego, un reconstituído Partido Galeguista, o Partido do Traballo de Galicia e o PC. A UPG, a través da Asemblea Nacional-Popular Galega, e o PSG, fundado por Xosé Manuel Beiras, defendían unhas Bases constitucionais para un estado federado galego como base dun pacto federal constituínte que non recoñecía o proceso de transición dende o franquismo. Ao non ser aceptadas estas pretensións, estes grupos non se sumaron ao proxecto, como tampouco o faría o Movemento Comunista de Galicia nin a Liga Comunista Revolucionaria. O único líder nacionalista de esquerda integrado na Comisión sería Camilo Nogueira Román, a través do POG (matriz de Esquerda Galega). Pola súa banda, Manuel Fraga Iribarne, pese as súas reservas co Título VIII da Constitución, impulsaba a plena integración da AP de Galicia nos traballos da Comisión.

A Comisión estaría presidida por Manuel Reimóndez Portela[2] e comezaría os traballos o 10 de xaneiro de 1979 para rematalos o 7 de abril coa unanimidade de todas as forzas participantes.

Polo PSOE

[editar | editar a fonte]

O texto aproveitaba ao máximo o teito de autogoberno permitido pola Constitución de 1978, conceptuaba a Galicia como nacionalidade histórica e encamiñábaa pola vía rápida prevista na disposición transitoria 2ª da Constitución para as nacionalidades que no pasado plebiscitasen o seu Estatuto de autonomía, como por exemplo Galicia no 1936. Incluía a expresión "poder galego", que abranguía o Parlamento, o Goberno e o seu Presidente e o poder xudicial.

O Goberno chamaríase Xunta de Galicia recollendo a denominación histórica da Xunta do Reino de Galicia do Antigo Réxime e a Xunta Suprema do Reino de Galicia de principios do XIX.

A lingua galega e a castelá serían oficiais, coa orde aos poderes públicos de potenciar o galego e darlle ao que se consideraba lingua propia de Galicia un estatuto de obrigatoriedade.

Dende o punto de vista territorial, baleirábase de poder ás deputacións e recoñecíanse as peculiaridades territoriais a través das comarcas e as parroquias. Un Tribunal Superior de Xustiza sería a derradeira instancia en Dereito civil de Galicia e nos litixios contencioso-administrativos que aplicasen normativa galega. Fixábase un número de deputados entre 100 e 125 e recollíase a posibilidade dun referendo lexislativo. As competencias de Galicia non tiñan máis límite que a Constitución e, de ser o caso, a lexislación básica do Estado. Podíanse exercer sen agardar a delimitacións previas e xenéricas interpostas polas Cortes Xerais. Prevíase a existencia dun Banco Público Galego.

Tramitación

[editar | editar a fonte]

O relatorio e a asemblea de deputados aceptaron ese texto con modificacións menores e elevárono ás Cortes Xerais[4]. Será aquí cando un pacto entre PSOE e UCD, impulsado polo Ministro da Presidencia de Adolfo Suárez, Pérez Llorca, daría como resultado alteracións á baixa no informe do relatorio de 1979 e na minuta da Comisión Constitucional do Congreso. Tras os estatutos do País Vasco e Cataluña, pretendíase o que se denominou unha "racionalización" do estado autonómico no que Galicia, como comunidade histórica acollida á vía rápida, marcaría unha pauta á baixa para as demais rexións que arelasen un réxime autonómico pola vía ordinaria[5]. Isto articulábase principalmente a través da introdución dunha disposición transitoria terceira mediante a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais das materias compartidas e a supresión da iniciativa do Parlamento galego en todas as competencias non exclusivas.

A situación provocou a rebelión de significados parlamentarios e políticos de UCD como o propio Rosón, xa dimitido como Presidente da Xunta preautonómica, José Luis Meilán Gil líder do integrado Partido Galego Independente, Euloxio Gómez Franqueira futuro fundador de Coalición Galega, ou Pablo González Mariñas, próximo candidato por este partido. Manuel Fraga, pola súa parte, abandonaba o relatorio en sinal de rexeitamento declarando que, de aprobarse neses termos, o Estatuto de Galicia "sería un estatuto de segunda división" e que iso ocorría "porque en Galicia no hay metralletas[6]. O PG desvinculábanse do proceso. O POG pechouse nos concellos o 28 de xuño[7]. Na rúa houbo as mobilizacións populares máis numerosas ata o momento acaecidas en Galicia en contra do que se denominou "Estatuto da aldraxe".

Isto provocou que as forzas estatais apurasen un pacto de urxencia denominado "Pacto do Hostal" asinado o 29 de setembro. Nas conversas participaran, entre outros, Manuel Iglesias Corral, José Luis Meilán Gil e Antonio Rosón Pérez, de UCD; Anxo Guerreiro e Emilio Pérez Touriño do PCE; Xosé Luís Barreiro Rivas[8] e Luís Ortiz Álvarez de AP; Ceferino Díaz e Francisco González Amadiós, polo PSOE; Avelino Pousa Antelo, Xaime Isla Couto, Alfonso Zulueta de Haz e Luís Sobrado do PG. Neste pacto chegouse a un novo texto que suprimiu a transitoria terceira [9] e outras fórmulas que se introduciran no artigo 30 e no 27.20 para recortar as competencias de Galicia. As modificacións foron remitidas ao Presidente do Congreso para que fosen incorporadas aos traballos da Comisión Constitucional [10].

Aínda que corrixido, o texto referendado polo pobo galego o 21 de decembro xa non era o do Estatuto dos dezaseis.

  1. Vilas Nogueiras & Máiz Suárez & Caamaño Domínguez & Rivera Otero (1994), pax. 42
  2. Reimóndez Portela (1979)
  3. Vilas Nogueiras & Máiz Suárez & Caamaño Domínguez & Rivera Otero (1994), pax. 43 e ss.
  4. Rodríguez Arana & Meilán Gil (1988), pax. 21 e ss
  5. Maiz Suárez, Ramón, O Estatuto de Galicia: un ejemplo de autonomía degradada, en Argumentos nº 30, Madrid, 1980
  6. Meilán Gil (2002), pax. 131
  7. Toro (1991), pax. 238
  8. Cora (1991), pax. 50
  9. Sarmiento Méndez (2003), pax. 9
  10. Meilán Gil (1980), pax. 113 e ss.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Cora, Xosé de (1991). Barreiro contra Barreiro. Seire: Crónica. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 9788475075204. 
  • Meilán Gil, José Luis (1980). O Estatuto de Galicia, por fin unha terra nosa (en castelán). Madrid: Latina. ISBN 978-8485287147. 
  • Meilán Gil, José Luis (2002). La construcción del Estado de las Autonomías, un testimonio personal. Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-52-4. 
  • Reimóndez Portela, Manoel (1979). O Estatuto dos 16. Vigo: Galaxia. ISBN 978-8471543325. 
  • Rodríguez Arana, Jaime; Meilán Gil, José Luis (1988). O Dereito Estatutario Galego. Santigo de Compostela: Parlamento de Galicia. ISBN 84-505-7277-0. 
  • Sarmiento Méndez, Xosé Antón (2003). O Estatuto de Galicia, 20 anos de parlamento e xustiza constitucionais. Colección: Obras De Referencia - Manuais - Ciencias Sociais. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-8483029756. 
  • Toro, Suso de (1991). Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista. Vigo: Edicións Xerais. ISBN 84-7507-601-7. 
  • Vilas Nogueiras, Xosé; Máiz Suárez, Ramón; Caamaño Domínguez, Francisco; Rivera Otero, X.M. (1994). O Sistema Político Galego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]