Real español

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Real de a oito de Filipe V.
Reverso dunha moeda de 20 reais de vellón de Isabel II.

Coñécense polo nome de real a dúas unidades monetarias distintas acuñadas, o real de prata e o real de bellón, que circularon, ás veces de forma paralela, tanto en España como nos seus dominios coloniais.

A primeira moeda acuñada con esa denominación data do século XIV no reino de Castela.

O real de prata[editar | editar a fonte]

Real de prata colonial español acuñado na casa da moeda de Potosí, Alto Perú (actual Bolivia) en 1768.

O real de prata español era unha moeda de prata de 3,35 gramos que empezou a circular no reino de Castela no século XIV e foi a base do sistema monetario español até mediados do século XIX.

Existían o real, medio real, cuarto e sexto de real de prata de once diñeiros e catro grans de lei e talla de sesenta e seis pezas de un real por un marco desde Pedro I. Os reis Henrique II, Xoán I, Henrique III, Xoán II e Henrique IV acuñaron os seus á mesma lei e talla.

A partir do ano 1497 tiña un valor de 34 marabedís. Neste mesmo ao, a Pragmática de Medina del Campo emitida polos reis Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón establecía en detalle o peso e a cantidade de prata que debía ter o real acuñado, ademais de ordenar a presenza da sigla do ensaiador respectivo en cada moeda, así como a sigla da ceca onde fora acuñado. O seu cambio na época de Filipe II era de 1 real de prata por 34 marabedís e, á súa vez, 1 escudo de ouro por 16 reais de prata.

Os múltiplos eran as moedas de 2 reais, 4 reais e a coñecida e famosa peza de 8 reais ou «real de a 8».[1] Estas moedas eran producidas en gran cantidade durante os séculos XVI, XVII e XVIII, no só nas cecas da mesma España senón tamén nas súas colonias americanas, como nas cecas de México, activa desde 1535, Lima, activa desde 1568, Potosí, activa desde 1574, Bogotá, activa desde 1627, Popayán, activa desde 1758 e Santiago de Chile, activa desde 1749.

A fama dos reais españois[editar | editar a fonte]

O real de a 8 máis coñecido é o Columnario de prata, en cuxas columnas de Hércules se inspiraron para crear o símbolo do dólar, $.
Billete de 55 dólares estadounidenses (españois) de 1779.

Tal abundancia de cecas en diversos lugares e a adecuada lei de prata dos seus produtos propiciou que o real español fose unha moeda frecuente nos mercados mundiais no período entre 1600 e 1800, até o punto que o real era utilizado comunmente como diñeiro circulante en Europa, toda América e no extremo oriente, converténdose na primeira divisa de uso mundial. Os reais de prata españois (as pezas de a oito) eran de uso común nas colonias inglesas de Norteamérica. Gran parte delas serían fabricadas na mina de Potosí (outras, procedían da pirataría). Os de Potosí, ademais, terían un perfil algo elevado, xa que a mina de prata deste lugar supostamente foi a máis grande da historia, tanto que Potosí chegou a ser durante un tempo a cidade máis grande de toda América, e a súa fama era mundial naquela época.

Incluso o real de a oito foi o modelo do dólar estadounidense, xa que este real circulaba amplamente nos Estados Unidos durante a Guerra da independencia norteamericana, e foi a primeira moeda de curso legal neste país até que unha lei de 1857 desautorizou o seu uso. (E moitas das moedas actuais, tales como o dólar canadense, o iuán chinés, así como moedas de Hispanoamérica e de Filipinas están baseadas no real de a 8).

Mesmo hai quen di[quen?] que a orixe do símbolo $ é o resultado da evolución da abreviatura novohispana e española Ps, que abreviaba pesos, piastras, ou de pezas de a oito. Esta teoría, derivada do estudo de manuscritos dos séculos XVIII e XIX, explica que o s pasou gradualmente a escribirse sobre o P, desenvolvendo un equivalente próximo a $. O símbolo foi amplamente usado antes da adopción do USD en 1785.[2]

Outra teoría mantén que o símbolo derivou, ou se inspirou, na marca de ceca da casa da moeda colonial española da cidade de Potosí, composta das letras PTSI superpostas unhas en riba das outras, formando un símbolo moi similar ao orixinal símbolo do dólar (o dunha barra vertical: $).

Mostras representativas[editar | editar a fonte]

O real de bellón[editar | editar a fonte]

No século XIX, o rei Xosé I mandou cuñar durante o seu reinado dous sistemas monetarios paralelos baseados no real como unidade monetaria, pero con dous valores diferentes: o real español tradicional e o «real de bellón» (nome da aliaxe de cobre e prata en que estaba acuñado), cunha equivalencia de 2,5 reais de bellón por cada real tradicional.

1 real de prata = 2,5 reais de bellón

O último monarca que acuñou o real español tradicional foi Fernando VII. Isabel II tan só acuñou moedas con facial expresado en reais de bellón. Desde entón, un real equivalía a 25 céntimos de peseta, nova unidade monetaria oficial. Até a final da peseta (coa chegada do euro), ás moedas de 50 céntimos a xente denominábaas «de dous reais».[3]

Xosé I Bonaparte[editar | editar a fonte]

80 reais de ouro de Xosé I (1812).

Coa denominación expresada en reais de bellón, Xosé I Bonaparte acuñou pezas de 8 marabedís en bronce, de 1, 2, 4, 10 e 20 reais en prata, e 80 e 320 reais en ouro.

Fernando VII[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de Fernando VII emitíronse moedas de 1, 2, 4 e 8 marabedís en cobre, de 4, 10 e 20 reais en prata e de 80, 160 e 320 reais en ouro. Hai que sinalar que a moeda de 10 reais de bellón era un reselado de moedas francesas que o rei trouxo a España despois do seu exilio en Francia.

Isabel II[editar | editar a fonte]

Moeda de 10 escudos (80 reais de ouro) de Isabel II (1868).

Antes da primeira reforma monetaria decimal, durante o reinado de Isabel II acuñáronse moedas de 1, 2, 4 e 8 marabedís en cobre, de 1, 2, 4, 10 e 20 reais en prata e de 80 reais en ouro.

Posteriormente, desde 1850, adoptouse o sistema decimal que dividía o real de bellón en 10 décimas ou en 100 céntimos de real, aínda que as moedas anteriores ao novo sistema nunca perderon o seu valor adquisitivo e, por tanto, seguían normalmente en circulación. Foron acuñadas moedas de ½, 1 e 2 décimas, así como de ½ de real, en cobre, de 5, 10 e 25 céntimos de real tamén en cobre e de 20, 40 e 100 reais en ouro.

Todas estas moedas emitidas baixo a denominación «de bellón» foron acuñadas por casas da moeda radicadas na península. En Galicia, cuñáronse pezas de cobre con valor de medio real ou cinco décimas, na casa da moeda de Xuvia, con data de 1850[4][5]. As pezas de ouro acuñáronse maioritariamente nas casas da moeda de Madrid e Sevilla.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén denomonado peso fuerte, peso duro ou dólar español.
  2. Florian Cajori (1929-1993): A History of Mathematical Notations (Vol. 2). New York: Dover, 15-29.
  3. En realidade, cando comezou o euro, o 1 de xaneiro do 2002, xa non circulaban moedas de dous reais, e as de unha peseta eran de aluminio, e diminutas.
  4. Pita Fernández, Ricardo Luís. A Real Casa da Moeda de Xubia. Breve historia e catálogo das súas cuñacións. Santiago de Compostela, Andavira Edicións. 1996. [ISBN: 84-89641-37-4]
  5. Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática Galega. A Moeda en Galicia e Galicia na Moeda. Santiago de Compostela, 1999. [ISBN: 84-605-9958-2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Real español

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Krause, Chester L. e Clifford Mishler (2004): Standard Catalog of World Coins: 1801–1900. Colin R. Bruce II (senior editor) (4th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87349-798-8.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]