Arsenal de Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

O Arsenal Militar de Ferrol é un estaleiro e base naval para o mar Cantábrico, construído no século XVIII, após a  designación da vila de Ferrol como capital do Departamento Marítimo do Norte de España en 1726[1], coa intención de desenvolver a política naval de Felipe V e o seu secretario o Marqués da Ensenada.

Elementos do conxunto[editar | editar a fonte]

Porta do Estaleiro de 1857.
Porta do Dique.
  • Alxibe: ergueito en cantería de granito en 1860 para fornecer as necesidades de auga xurdidas do desenvolvemento da tecnoloxía a vapor.
  • Axudantía maior e despensa: construída en 1853 ao que se lle engadiron obras posteriores. O seu obxectivo foi o de servir de residencia do xefe de seguridade militar e marítima do Arsenal. Foi ergueito sobre plano rectangular, con planta baixa e primeiro andar con balcóns e galerías acristaladas típicas da arquitectura galega da época.
  • Batería da Cortina: proxectada por Francisco Llobet entre 1755 e 1759, trátase dunha batería artilleira para defensa da fronte de mar do Arsenal. Nela, destacan os contrafortes, o adarve que se protexía co parapeto de merlóns e troneiras para emprazar os canóns e un polvorín. Destaca a perfección de sus perpiaños de cantería de granito, así como de sus garitas.
  • Campos de Áncoras
  • Corpo de Garda Punta do Martelo: predio proxectado por Francisco Llobet en 1758 sobre planta rectangular con fronte de soportais a base de alicerces cúbicos e arcos de medio punto. Foi rehabilitado no século XX.
  • Cuartel do Montón: rehabilitado en 1980.
  • Dique de abrigo: de 730 metros de lonxitude, pecha e protexe as dársenas do Arsenal. Foi deseñado por C. Álvarez, M. Marín, F. Llobet e J. Sánchez Bort e supervisado por Jorge Juan Santacilia.
  • Dique de San Xiao ou da Campá: para carenado en seco, conserva a súa función orixinal.
  • Gran Tinglado: proxectado en 1765 foi un predio orixinalmente destinado a talleres de obradoiros varios para as carenas dos buques, en 1912 foi parcialmente derrubado no tramo intermedio para a construción dun novo dique seco. Actualmente é sede de oficinas e proxectos de Navantia.
  • Foso e muralla: cimentado encol de caixóns de cachotaría, con cálculos matemáticos dos empuxes das augas sobre as súas murallas. No pasado rodeou todo o perímetro con auga, seguindo unha liña quebrada pegada á parte exterior do muro do Arsenal, con 10 metros de largo e 5 de profundidade.
  • Machina de Arborar
  • Pañol do Contramestre
  • Peiraos: datan do século XVIII. Teñen unha lonxitude aproximada de 950 metros no Arsenal do Parque e 1250 metros no Arsenal do Dique. Presentan ampliacións do século XX sen destrución da parte histórica. Foron construídos con dúas técnicas de cimentación distintas: unha con caixóns de cachotaría e outra con bancadas de cantería.
  • Porta do Dique: a súa fachada segue un modelo clásico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, cun deseño de portada de Giacomo Vignola ao que se lle sobrepuxo un ático con cartela e un grande escudo de armas de Carlos III de España entre outros elementos.
  • Porta do Estaleiro: de 1857.
  • Porta do Parque: parte do recinto amurallado que comunica Ferrol Vello co Arsenal. A última reforma data de 1858, de estilo neoclásico con perpiaños de granito, presenta un escudo de Armas Reais de Felipe V, sostido por dous leóns, procedente do antigo estaleiro e arsenal da Graña.[2] A ambos os lados da porta, no interior do arsenal, dispuxéronse soportais de granito para os corpos de garda.
  • Porto Chico e Canle de Entrada: para embarcacións auxiliares e menores.
  • Presidio de San Campio: de 1765, na actualidade serve como biblioteca e Museo Naval de Ferrol.
  • Residencia do Almirante: de 1765, deseñada por J. Sánchez Bort.
  • Residencia do Capitán de Garda de Arsenais: predio de escaso tamaño e planta cadrada, ergueito con dúas alturas en 1859 co estilo propio do século XIX.
  • Sala de Armas e almacéns porticados: unha das construcións máis representativas. Foi proxectada por J. Petit de la Croix, M. Marín, Jorge Juan e Francisco Llobet até 1760 e J. Sánchez Bort a partir de 1765. A súa función era a de almacén. O predio central é de planta rectangular con dous patios laterais e escaleiras ornamentais no seu centro. A fachada interior é de grandes dimensións, realzadas cun deseño clasicista, con tres portas con columnas, balcóns e frontóns, sendo a central de maior decoración. A cuberta, modificada no século XX, é de tipo mansarda. Cara a entrada do Arsenal, pódese ollar a súa fachada posterior, feita con muros de cantería de granito de sobrias liñas clásicas. Perante ela existe unha franxa axardinada ergueita encol dun antigo foso que foi cegado. Esta Sala de Armas dá, na parte interior do Arsenal, cara a unha gran praza que se cerra con dous brazos de 30 almacéns, todos iguais, presididos por un pórtico corrido e rematados en terraza, construídos na mesma época cá propia Sala de Armas.
  • Teneduría: data do século XVIII

Actualidade[editar | editar a fonte]

Todo este conxunto de arquitectura militar foi declarado Ben de Interese Cultural en 1994.[3]

Os estaleiros, fundados no reinado de Felipe V, foron durante moitos anos o motor de Ferrol e a súa comarca. Actualmente, é un sector en crise, pero continúa sendo un dos puntos con maior capacidade industrial (industria pesada) de toda Galicia.

Actualmente, atópanse os estaleiros da empresa pública Navantia, especializados na construción de grandes barcos de guerra, así como a reparación de buques de gran tamaño (petroleiros, gaseiros, transbordadores etc.).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "EL ARSENAL MILITAR Y SUS CONSTRUCCIONES" (PDF). Concello de Ferrol. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-26. 
  2. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2014-04-14). "GALICIA - ARQUITECTURA CIVIL - OUTROS PORTA DO DIQUE EN FERROL A CORUÑA". Turgalicia. Consultado o 2016-08-26. 
  3. "RELACIÓN DE BENS DE INTERESE CULTURAL EN GALICIA" (PDF). Xunta de Galicia. Consellaría de Cultura, Educación e Ordenanción Universitaria. Consultado o 2016-08-26. [Ligazón morta]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]