Samaín
- Non se debe confundir con Día de Tódolos Santos.
A antiga festividade céltica do samaín (pronunciado /ˈsˠaunʲ/ da lingua irlandesa antiga samain) foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ó 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo e alén, dándolle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.
Índice |
[editar] Orixes e evolución
Os celtas celebraban co Samaín o paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el do ano vello, e o comezo do inverno e, con el, do ano novo. Igualmente, o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar. [1].
Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ó 1º de novembro, a festa do paso dun ano a outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Pero outras fontes dan unha explicación contraria. A chegada das ánimas nesta noite representaba un potencial perigo [5] do que se defendían colocando sobre os muros ou nos vaos das paredes as caveiras dos seus inimigos, para que as ánimas que puidesen vir non se achegase ós castros nin ás casas. Dentro desas caveiras colocaban unha candea de sebo acesa.
Disque, nestas mesmas datas, prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse as lareiras de todas as casas. Estas fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da noite e facilitarlles asi que atopasen os seus fogares e os seus parentes.
Afírmase que polo samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país no século XIX e comezos do XX. De ser así, a tradición tería continuidade nas festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do samaín na cultura estadounidense, semellante a un entroido, na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas. Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis popular.
[editar] O Samaín en Galicia
A partir da década de 1990, comezou a celebrarse en Galicia o samaín, mantendo a denominación celta nas súas variantes samain, samaín ou samhain, do gaélico irlandés nas súas versións moderna (Samhain) ou antiga (samain). Hoxe en día é común atopala referenciada en diversas expresións culturais (p.ex. cancións) e festivas (festas escolares ou sociais) relacionadas con esa data, tendo desprazado de maneira importante ao termo Halloween. A escrita máis común na actualidade é samaín, aínda que o acento e mais a acentuación aguda non forman parte da palabra orixinal irlandesa nin se corresponden cunha adaptación fonética.
A pronuncia que máis se estendeu en galego non é a da lingua de orixe, senón /sama'in/. Se se opta pola pronuncia en irlandés moderno sería /ˈsˠaunʲ/ (adaptado á escrita galega sería aproximadamente xaun), e se optamos polo irlandés antigo, /ˈsaṽɨnʲ/ (en escrita galega, aproximadamente xauen ou xauin).
[editar] Recuperación
O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade do samaín. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. López Loureiro realizou un estudo no que recolle testemuñas e referencias documentais desta tradición e creou unha unidade didáctica que utilizou nos colexios de Cedeira e, pouco despois, de Santiago.
Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid. Respecto a Galicia, vieiros.com afirma que "atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes". [6]
Comprobou que se mantiña vivo en Cáceres, na zona de fala galega, así como nas áreas galegofalantes de León e Zamora.
Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a pervivencia do samaín en Galicia, e escribe que "aquí era fai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas ... e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela".
Estas cabazas iluminadas colocábanse sobre os balados ou nas encrucilladas, para asustar os camiñantes.
[editar] Impostura
Outros autores, como Méndez Ferrín [2] defenden, polo contrario, que se trata dunha falsa tradición, inexistente en Galicia ata esta recuperación, un "costume imposto polo imperialismo norteamericano", que se quere presentar como tradición céltica galega como froito dunha corrente ideolóxica celtista.
Outras opinións contrarias destacan o feito de que a celebración do samaín non foi recollida por ningures, e a realidade é que nas publicacións dos diferentes etnógrafos, como Risco, González Reboredo ou Mariño Ferro, non aparece mención algunha ó samaín. Na web Galiciaencantada [7], a única referencia ó samaín é a cita do libro publicado por López Loureiro. Porén, o propio López Loureiro dicía que "Non me chama tanto a atención o feito de que hoxe os nenos xa estean a celebrar o Samaín en todo o país, como que se recupere, incluso, ata o nome, do que xa só había referencias escritas en textos moi contados, como aquel no que don Ramón Otero Pedrayo falaba das fadas e dos defuntos que no tempo do Samaín, en Irlanda, bebían nas fontes do esquecemento" [3].
O termo samaín tampouco foi recollido por ningún dos lexicógrafos que conforman o Diccionario de diccionarios, que agrupa 25 dicionarios e vocabularios galegos, editados ou non, creados entre 1787 e 1992.
Sexa como for, o samaín xa non está presente só en Cedeira. Ano tras ano outras localidades galegas únense a esta celebración que hoxe se pode ver en Cambados,[4] Ferrol, Lugo, Narón, Palmeira, Ourense,[5] nas Rías Baixas, Santiago de Compostela, Vigo, etc.[6]
O samaín formou parte da candidatura á declaracion da UNESCO do patrimonio inmaterial galego-portugués na candidatura multinacional "As tradicións orais galego-portuguesas" [8] [9].
[editar] Notas
- ↑ Costume semellante, que está documentada en moitos sitios de Galicia na Noiteboa ou, menos, na Noitevella, foi a de deixar tamén na mesa doces ou castañas ou deixar a mesa sen recoller para que comesen as ánimas, facer colares con castañas novas, colocar landras no patín da casa, por veces facendo debuxos de cruces ou serpes. Outro costume galego do Nadal foi botar na lareira o tizón de Nadal ou lume novo, que debía manterse ardendo durante todo o Nadal, coa particularidade de que na comarca de Tui este ritual se realizaba na noite do día de defuntos, co obxectivo de que as almas dos devanceiros poidesen quentarse.
- ↑ X.L. MÉNDEZ FERRÍN: "Tempo de Santos", en Faro de Vigo, 2.11.2007 [1]
- ↑ Pero non localiza a cita.
- ↑ [2]]
- ↑ [3]
- ↑ [4]
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Rafael López Loureiro (2003), Samaín: A Festa das Caliveras, Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-492-X.
- Xabier Prado, Hortensia Bautista, Isabel Fernández (07/11/2005) Presencia de elementos culturales europeos en la cultura tradicional gallego-portuguesa. Consultado o 26/10/2010.
- Fran Morell: "O Samaín e a Santa Compaña", 28.03.2005 [10].
- Xoán Xosé Pérez Labaca: Anacos de cousas celtas. Alén Miño, Ponteareas 2008.
[editar] Ligazóns externas
- Reportaxe sobre o Samaín en vieiros da escola
- A tradición en Galicia
- Adaptación do nome: Samaín ou Xahun?
- Artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín onde defende que o Samaín é un costume imposto polo imperialismo estadounidense
- Posible relación do Samaín co Magosto
- Defuntos, o noso Samaín
- "El Samaín tradicional recupera terreno en toda Galicia frente al Halloween", La Voz de Galicia, 30.10.2002
- Galería de fotografías de La Voz de Galicia. 2010