Unicornio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unicornios no escudo que preside o edificio da Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia, Padrón

O unicornio é unha criatura mitolóxica representada decote coma un cabalo branco, con patas de antílope, barba de chibo, e un único corno na súa fronte. Trátase dun animal fabuloso protagonista de numerosas historias e lendas. Así, na Idade Media estaba considerado coma un animal marabilloso capaz de derrotar ao elefante, símbolo de poderío. Ademais, dicíase que co seu único corno podían purificarse as augas contaminadas para volvelas potábeis[Cómpre referencia].

Antecedentes [editar]

As primeiras versións do mito do unicornio son de Ctesias, médico e historiador grego do século V a.C., e datan do ano 400 a.C., no tempo das súas expedicións á India. Ctesias describiuno coma un animal silvestre da India coa aparencia dun cabalo, pero co corpo albo, a cabeza púrpura e os ollos de cor azul intensa. O corno desta prodixiosa besta, segundo a descrición de Ctesias, era negro coa punta vermella e a base branca, e tiña propiedades medicinais que permitían sandar problemas estomacais, epilepsia ou envelenamentos.