Biosbardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os biosbardos son unha figura mitolóxica existente en Galicia coa que se adoita gastar bromas aos non iniciados na caza. Adoita falarse deles como paxaros ou mozos de gran beleza que ninguén sabe describir e que quen consegue cazalos ten despois moita sorte na vida, a condición de que non llos ensine a ninguén.

Lenda[editar | editar a fonte]

A situación dáse cando un grupo convida a alguén a cazar "biosbardos" de noite, debido a que os non iniciados non coñecen o tema e normalmente aceptan. Dise que hai que ir a un camiño estreito e afastado, onde non se escoite canto de galo nin de galiña, nin voces humanas, e armados cun saco grande de boca ancha. A cuestión é que non existen e os compañeiros aproveitan a escuridade da noite para facerlle algunha inocentada á vítima. Seres semellantes aos biosbardos son os Gambusinos ou Gamburrinos doutras zonas da península. O Dahue, Dahut e Daru de Poitou é un animal de forma indefinida, extremadamente raro, de pel valiosísima, que só se pode capturar nas noites frías de inverno agardando toda a noite á intemperie a que veña, nunha broma idéntica á descrita para os biosbardos. Parece ser que na Illa de Man existe un ser semellante chamado algo así como phymodee[Cómpre referencia].

O seguinte encantamento fai que os biosbardos se metan no saco:

Son Leonardo
Ti es biosbardo
Biosbardo, vente ó saco,
que eu te agardo, e son Leonardo

Outra:

Biosbardo,
ven ó fardo,
que alpabarda
por ti agarda.

Outros nomes[editar | editar a fonte]

Nalgunhas zonas de Galicia tamén son coñecidos como cachafellos, cazbellos, cazarellos, cocerellos, cozorellos, gazafellos, cozochas, cozochos (en Bogo, A Pontenova) cotofellos ou cotovelos[1] e varía así mesmo a súa localización, xa que poden atoparse tanto no río coma no monte. Normalmente é máis sinxelo atopalos nas noites de xeada.

Cachafellos[editar | editar a fonte]

Cachafello vente ó cesto,
que alpabarda por ti agarda.

Cozorellos[editar | editar a fonte]

Na zona de Sarria é un peixe moi belido, que abunda nas fontes e ríos e salta de noite. Para pescalos hai que ir, xa escurecido, cun saco aberto e dicirlles:

Cozorellos ó saco,
a tres e a catro.

Gazafellos[editar | editar a fonte]

Gazafello,
ven ó rello.
pibardos ou pigarzos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cuba, Miranda e Reigosa (1999:52).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Galicia Encantada. Páxina que recolle moito material de todo o país clasificado en varias categorías: temas, lugar de recollida, etc.