Os Bolechas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vehículos dos Bolechas.

Os Bolechas é o nome dunha serie infantil que narra as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000.

Naceron no ano 2000 da man do ilustrador e debuxante galego Pepe Carreiro e ao longo destes anos asentáronse no eido editorial galego con máis de 550 títulos publicados e preto de millón e medio de exemplares distribuídos[1]. No ano 2012 traspasaron as fronteiras literarias para chegaren a varios ámbitos culturais e de lecer relacionados coa infancia e coa lingua galega.

Personaxes[editar | editar a fonte]

As aventuras dos Bolechas están protagonizadas por seis irmáns e mais o seu can.

  • Carlos Bolechas: é o irmán máis vello (uns 7 anos), é o responsábel e o que, por idade, ten que facerlles fronte ás situacións máis comprometidas.
  • Loli Bolechas: xunto con Pili, a súa irmá xemelga, é a segunda en idade (uns 6 anos).
  • Pili Bolechas: é semellante á súa irmá xemelga.
  • Braulio Bolechas: é o terceiro en idade (5 anos).
  • Sonia Bolechas: é a cuarta en idade (3 anos).
  • Tatá Bolechas: é o máis pequeno da familia (9 meses).
  • Chispa: é un can de raza husky siberiana.

Historia[editar | editar a fonte]

Edicións A Nosa Terra foi a editorial encargada da edición da serie ata a súa desaparición no ano 2010. A serie publícase tamén en portugués, onde son coñecidos como Os Bochechas[2]. Entre o 2010 e o 2011 publicáronse algúns títulos autoeditados por Pepe Carreiro. No ano 2011, Pepe Carreiro anunciou a continuidade da colección[3].

Edicións Bolanda foi a encargada de retomar o proxecto nesta nova andaina, na que se ampliaron as propostas arredor dos Bolechas, coa creación dunha serie de televisión, unha liña de xoiaría infantil, música ou diversos espectáculos, entre os que destacan as xiras de Nadal ofrecidas en 2012 e 2013[4][5].

Para os seus desprazamentos pola xeografía galega, Os Bolechas usaban un peculiar coche: un R4. En 2014 a familia incorporou un novo vehículo que estreou na Cabalgata dos Reis Magos de Santiago de Compostela[6]: un autobús de dúas plantas destinado a realizar actividades para o público infantil.

Malia a apertura a novos campos, Os Bolechas seguen tendo a súa base nos contos para nenos. Por iso institucións, asociacións e entidades usan a esta familia para dar a coñecer as máis variadas iniciativas, desde guías de determinados lugares ou espazos galegos ata bos hábitos; así, unha das últimas publicacións. Os Bolechas educan a Pepiño Chispa[7] forma parte dunha campaña da Consellería de Sanidade, o Foro Interalimentario e a Unión de Consumidores de Galicia para promover un estilo de vida saudable entre os máis pequenos.

A estas sumáronse nos últimos tempos Os Bolechas van ao Caan ou Sultán non ten microchip, destinados a concienciar dos coidados que require unha mascota, neste caso un can; Os Bolechas e a saúde, para fomentar hábitos de vida saudables ou a campaña sobre seguridade viaria[8] realizada para a Dirección Xeral de Tráfico, que incluíu diversos ámbitos de actuación, desde talleres na sede da DGT en Madrid con motivo da Semana Mundial da Seguridade Viaria na Infancia ata a elaboración de cinco guías, Los Bolechas van en autobús, Los Bolechas van en coche, Los Bolechas van a la escuela, Los Bolechas van por la calle e Los Bolechas van en bicicleta, así como un caderno de actividades relacionadas coa seguridade viaria. A eles sumáronse cinco audiovisuais sobre o mesmo tema que os técnicos da DGT utilizan nas súas sesións cos pequenos de todo o estado [9].

Formación[editar | editar a fonte]

Outro dos seus produtos é a Biblioteca Básica Os Bolechas, composta por 18 tomos pedagóxicos e unha vaca-maleta (a muuulecha). A Biblioteca inclúe recursos sonoros accesibles desde dispositivos móbiles e ordenadores persoais; trátase da tecnoloxía "O libro fala", cuxa función é acompañar a lectura con recursos sonoros didácticos. Ademais, todos os libros incorporan pictogramas de fácil lectura, que resumen a información, melloran a atención e a motivación e axudan á comprensión dos nenos con dificultades de acceso á lectura[10].

Neste eido da formación tamén se inclúe o curso de inglés Os Bolechas one2three, o primeiro curso de galego-inglés para escolares de infantil e primaria que lles permite achegarse ó inglés directamente desde o galego. Elaborado por un equipo multidisciplinar de filólogos, lingüistas e pedagogos e avalado pola Universidade de Santiago de Compostela[11].

Campañas educativas[editar | editar a fonte]

Os Bolechas teñen colaborado en múltiples iniciativas formativas e de divulgación de valores, así como en campañas institucionais. Entre elas están:

  • Guías para coñecer Galicia, utilizadas por concellos, mancomunidades ou diversas entidades que queren divulgar entre a infancia aspectos do seu labor.[Cómpre referencia]
  • Os Bolechas van ao Parlamento, trátase dunha proposta que inclúe múltiples formatos (editorial, vídeo, dixital…) para achegar á infancia esta institución[12].
  • Seguridade Viaria, para a Dirección Xeral de Tráfico. Os Bolechas foron elixidos para realizar a campaña de educación viaria da DGT a nivel estatal destinada aos máis pequenos. O obxectivo da mesma é velar pola seguridade das nenas e nenos nas diferentes formas de desprazamento, apostando por unha mobilidade saudable, sostible e segura.
  • Igualdade de xénero, para diversas entidades, institucións e organizacións que traballan neste ámbito. O obxectivo é traballar a igualdade de xénero xunto con conceptos como a tolerancia, o respecto, a empatía, a autoestima e a autoconfianza.
  • As miñas primeiras Letras Galegas, para a Real Academia Galega, trátase dunha colección na que, ademais de afondar no coñecemento e uso da lingua propia de Galicia, faise un primeiro achegamento ás autoras e autores máis relevantes da nosa literatura, aqueles aos que a RAG lles ten dedicado o Día das Letras Galegas[13].
  • Camiño de Santiago, creado para a entidade de Turismo de Galicia, usada para dar a coñecer aos máis pequenos o Camiño de Santiago.[Cómpre referencia]
  • Fomento de hábitos saudables, para a Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario, enmarcado no Plan galego de prevención da obesidade infantil, desenvolvido pola Xunta, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario.[Cómpre referencia]
  • Consumo de vexetais, para a Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), campaña para fomentar o consumo de froitas e verduras entre os máis novos[14].
  • Acollemento familiar, para a Cruz Vermella e a Consellería de Traballo e Benestar, campaña para explicar o acollemento en familia allea que leva a cabo Cruz Vermella en Galicia[15].
  • Primeiros auxilios, para o 061, campaña para ensinarlles aos máis pequenos tanto o labor que desenvolve o 061 como consellos básicos de seguridade e de actuación ante unha emerxencia[16].
  • Doazón de sangue, para o Centro de Transfusión de Galicia, iniciativa para explicarlles aos máis novos a importancia de doar sangue, promovendo desde a infancia un comportamento solidario e transcendental para salvar vidas[17].
  • Fomento do voluntariado, para a Dirección Xeral de Xuventude, co fin de dar a coñecer as posibilidades de voluntariado e a importancia de implicarmos en tarefas sociais que tratan de facer un mundo mellor entre todos.[Cómpre referencia]
  • Os Bolechas van á AGASP, para a Academia Galega de Seguridade Pública, guía para dar a coñecer o funcionamento da Academia e das distintas seccións, así como o labor que se realiza neste centro de aprendizaxe e as funcións que corresponden a cada membro de emerxencias e das forzas de seguridade no seu labor diario.[Cómpre referencia]
  • Os Bolechas coidan a auga, para a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, sobre a importancia deste recurso para a vida no planeta e, especificamente, na nosa contorna.[Cómpre referencia]
  • Coidado animal, para a Deputación de Pontevedra e CAAN, campaña contra o abandono de animais e a favor da tenencia responsable.[Cómpre referencia]

Televisión[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2012 deron o salto á televisión. A tvG2 emitiu un especial de entroido de media hora cos Bolechas en forma de monicreques[18]. En setembro dese mesmo ano deu comezo a primeira tempada da serie, que se emite diariamente na tvG2 dentro do programa Xabarín Club[19]. Na canle pública galega estase a emitir xa a quinta temporada. E en 2014 a serie salta fóra das fronteiras galegas, onde se emite en diversas televisións autonómicas de oito comunidades autónomas, entre elas Asturias, onde a serie se emite en asturiano. En xaneiro de 2015 empezaba a emisión para todo Portugal a través da televisión pública do país, a RTP[20], e para os países lusófonos de África a través de RTP-África. Desde entón emítese ininterrompidamente no espazo Zig Zag da canle portuguesa.

Emisións[editar | editar a fonte]

País/Comunidade Canle Título Lingua Estrea
Galicia Galiza tvG2 Os Bolechas Galego Febreiro 2012
Asturias Asturias TPA Los Bolechas Asturiano Setembro 2014
Euskadi Teledonosti Los Bolechas Castelán Setembro 2014
Estremadura Estremadura Canal Extremadura Los Bolechas Castelán Outubro 2014
A Rioxa A Rioxa Televisión Rioja Los Bolechas Castelán Outubro 2014
Castela-A Mancha Castela-A Mancha Castilla-La Mancha TV Los Bolechas Castelán Outubro 2014
Comunidade Valenciana Comunidade Valenciana Levante TV/Información TV Los Bolechas Castelán Novembro 2014
Castela e León Castela e León CYLTV Los Bolechas Castelán Novembro 2014
Portugal Portugal RTP Os Bochechas Portugués Xaneiro 2015

Novos proxectos[editar | editar a fonte]

Paralelamente ven a luz outras iniciativas, como unha liña de xoias,[21] elaborada pola firma de ourivaría compostelá Fink-orfebres e que conta co selo de garantía de Galicia Calidade, ou os libros-disco Os Bolechas fan unha banda[22], no que participan dez grupos e intérpretes galegos que representan diferentes estilos e que compuxeron un tema específico para este disco. A finais de 2016 publicaron un disco en directo titulado Chis Pum, creado xunto do grupo Monoulious DOP.

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

Premios Mestre Mateo[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Receptor Resultado
2012 Mellor serie de televisión Ediciones Bolanda e TVG Nomeado

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Os Bolechas serán protagonistas de la feria Mundonenos". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 09/11/2017. 
  2. "Editados en Portugal 20 títulos de la serie gallega "Os Bolechas"". Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2015. Consultado o 30 de xaneiro de 2014. 
  3. Pepe Carreiro anuncia a continuidade de Os Bolechas
  4. "Os Bolechas dinamizarán el idioma gallego esta Navidad". El País (en castelán). 
  5. "Os Bolechas, o éxito do Nadal". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2014. Consultado o 29 de xaneiro de 2014. 
  6. "Últimos arranxos para as cabalgatas dos Reis". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2014. Consultado o 10 de febreiro de 2014. 
  7. Un libro, un concurso y juegos para educar a los más pequeños
  8. Los Bolechas Arquivado 13 de xullo de 2017 en Wayback Machine. (en castelán)
  9. "Los Bolechas protagonizan la nueva campaña de seguridad infantil de la DGT". abc (en castelán). Consultado o 2017-11-13. 
  10. "Biblioteca Básica". 
  11. Gallego, Grupo El Correo. "TVG estrea mañá "Os Bolechas one2three" para aprender inglés" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 2017-11-13. 
  12. Os Bolechas van ao Parlamento de Galicia
  13. "Os Bolechas presentan 'As miñas primeiras Letras Galegas' | CRTVG". www.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2017. Consultado o 2017-11-13. 
  14. xunta.gal. "Medio Rural destinou máis de 300.000 euros en axudas para a distribución de froitas frescas". Consultado o 13/11/2017. 
  15. CRTVG (ed.). "Un conto dos Bolechas explica o acollemento familiar". www.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2017. Consultado o 2017-11-13. 
  16. Press, Europa (2016-10-18). "Os Bolechas enseñan primeros auxilios a los escolares gallegos". europapress.es (en castelán). Consultado o 2017-11-13. 
  17. "Os Bolechas enseñan a los niños gallegos la importancia de donar sangre". Faro de Vigo. Consultado o 2017-11-13. 
  18. "Os Bolechas estréanse na televisión dentro do programa “Xabarín Club”, da tvG2". Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2012. Consultado o 19 de abril de 2012. 
  19. "Arranca a nova programación da TVG, cos programas e series máis apreciados polos espectadores e a estrea de novas propostas". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2013. Consultado o 14 de marzo de 2013. 
  20. Os Bolechas en RTP
  21. "Os irmáns Bolechas e Chispa xa teñen as súas propias xoias". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 29 de xaneiro de 2014. 
  22. "Os Bolechas, de la pantalla a la educación musical de los niños". Consultado o 2017-11-09. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]