Monte Pindo
Coordenadas: 42°53′19″N 09°06′47″W / 42.88861°N 9.11306°W
O Monte do Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.[1]
Existen numerosas lendas sobre este monte ao que os historiadores románticos denominaron como O Olimpo celta.
O Monte Pindo forma un espazo natural xunto coa praia de Carnota o espazo natural Carnota - Monte Pindo catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria e que se atopa incluído na Rede Natura 2000. O espazo ten unha superficie de 4.629 ha e abrangue aos concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.
Índice |
Historia e lenda [editar]
O Monte Pindo domina as terras do Fin do Mundo; o fogar das deidades galegas reflexa na súa rosa vestidura granítica luz e sombra sobre mar e xentes do Finisterrae. Moito corren os contos, lendas e historias sobre este lugar, que chegaron a provocar interese en persoeiros galegos dos máis variados eidos.
Os nosos antergos só souberon explicar a vizosa e curiosa xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos en bolos de granito, mediante historias de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, e lendas que encheron de ilusión e fachenda aos habitantes destas terras, que transmitiron de pais a fillos durante séculos contos de tesouros fabulosos, fermosas princesas, rutas secretas, serpes de sete cabezas, fadas encantadas, sacrificios e ritos de fecundidade -que ao parecer prevaleceron ata tempos moi recentes-... que deron forma á tradición que sitúa neste lugar o monte sacro dos celtas galegos. Obviando as lendas, o que si se atoparon son numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, útiles de bronce e o que parecen ser os restos dunha antiga ermida.
As lendas tampouco se esqueceron da veciña paraxe do río Xallas, pois dise que tras desta fervenza única en Europa por caer as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar (fervenza do Ézaro), existe unha porta máxica gardada por bruxas que levará embaixo do río ao mozo que se atreva a pasar, podendo daquela casar cunha bela princesa encantada e posuír unha enorme fortuna.
Do que si hai certeza é que no século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte, para protexer estas terras dos continuos ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Dise que fai cincuenta anos aínda se podían ver parte dos seus muros, desfeitos polos buscadores de tesouros.
Presuntamente, outros dous castelos atoparíanse neste entorno, aínda que non se conservan restos materiais determinantes nin documentación analizábel, mais unha inscrición en latín nunha pedra illada da testemuña de toda unha época: "Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo". Esta inscrición, aínda hoxe visíbel, fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediano de Trastámara.
Xeoloxía e natureza [editar]
O Monte Pindo é unha inmensa mole de granito rosa cuxo cumio (chamado A Moa) acada os 627 metros de altura. Atopa os seus complementos ideais na praia de Carnota, a máis longa de Galiza e cuxa aparencia muda constantemente, e na espectacularidade da fervenza do Xallas no Ézaro, único lugar de Europa onde un río cae en fervenza directamente sobre as augas do océano, espectáculo agora raramente observábel por mor do encoramento das augas do río Xallas en Dumbría.
A difícil accesibilidade do Monte Pindo gardou virxe durante séculos o maior tesouro ao que calquera lenda puidera terse referido: un conxunto natural único, un auténtico edén de especimes naturais raramente visíbeis en ningunha outra parte do mundo. A xoia desta coroa é o carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que distribúese por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[2] No Pindo atópanse varios exemplares desta especie, declarada en alto risco de extinción, e que coexistiu con outros carballos como os Quercus robur e Quercus pyrenaica, con piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium)... e con outras moitas especies de altísimo valor ecolóxico. Algunhas especies, coma o lirio de monte parecen ter desaparecido, por falla dunha figura de protección do ecosistema[3].
Accesos [editar]
Acceso desde O Pindo [editar]
Aínda que existen varias rotas alternativas, a máis salientábel é a subida tradicional, desde o que se coñece máis intensamente toda a mística do Monte Pindo. Comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea de O Pindo, situada no Concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de sendeiros moi ben sinalizados, poderemos poñernos no cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa no principio hai un panel explicativo do que nos agarda durante o ascenso. Comezámola subida, cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continuamos por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Estas pedras, á vez que subimos, vólvense máis grandes debuxando as máis variadas formas antropomorfas.
Cara á metade da subida, aparecen ante nós as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras amoreadas. A vexetación comeza a escasear e ás veces é posible ver manadas de cabalos bravos.
Ao chegar aos primeiros cumios o sendeiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste.
Ao chegar ao cumio tense unha panorámica da zona, co Cabo Fisterra, a ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas e grande parte do litoral galego aos pés, xunto cun conxunto de petróglifos.
Acceso desde Quilmas [editar]
Algo máis curto que o anterior, comézase a rota desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que leva dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.
Acceso desde O Fieiro [editar]
Este acceso, se ben non fai moito máis curta a subida ou baixada ao monte Pindo, si a fai bastante máis fácil ao supoñer menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o embalse do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión bastante ben sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (curiosa formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana, das máis espectaculares e coñecidas desta área. Outra das peculiaridades deste acceso é que a rota é totalmente diferente aos demais accesos mencionados polo momento, transcorrendo polo mesmo camiño unicamente durante os metros finais da ascensión.
Outras alternativas [editar]
- Acceso desde Caldebarcos.
- Acceso desde Arcos, Mazaricos.
Parque natural [editar]
No ano 2010 oficialízase unha iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, apadriñada polo colectivo ecoloxista ADEGA xunto cunha vintena de profesores universitarios, colectivos e investigadores. En respaldo a esta iniciativa constitúese en outubro de 2010 a Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Referencias literarias [editar]
- O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co Monte Pindo de Grecia; incluso parece haber nos seus outeiros un coro de musas. El mesmo recolle varias historias e lendas sobre el, como que a herba no Monte Pindo crece moito da noite á mañá; que existen nel infindas herbas medicinais, ou que aquí acudían as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia.
- Otero Pedrayo denominouno "grande testa xupiteriana".
- Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel.
- Xosé Barreiro Barral, grande estudoso deste macizo, afirma que na súa primeira visita a este lugar, aló polo ano 1932, atopou os restos dun antigo poboado e que era aquí onde se situaba unha das tres aras sextianas.
- César Antonio Molina dedicoulle ao Monte Pindo o seguinte poema:
- O PINDO
- O pasado sen teito está nese lugar.
- O temor non desterrado ó descoñecido.
- Procuramo-la bóveda nun frío mencer
- ou nun entardecer sanguiñolento,
- ata ser soamente sombras.
- E que é o tempo senón
- ese espazo escuro da luz
- onde se despenan
- estas rochas esculpidas polas tormentas,
- mentres nos chaman as ruínas dos séculos.
Galería de imaxes [editar]
-
Os montes do Pindo desde Portocubelo.
-
Vista de Carnota desde O Pindo.
-
Casas do Pindo coa Moa presidindo.
Notas [editar]
- ↑ "A cota máis elevada é o pico da Moa (627 metros)", Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, DVD.
- ↑ O Carballo Anano do Monte Pindo, incluído no catálogo de especies ameazadas
- ↑ http://www.magrama.gob.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/704_tcm7-149485.pdf
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- José Barreiro Barral (1986). Los Montes Del Pindo, Olimpo Celta y Desierto de Piedra. Deputación da Coruña. ISBN 978-84-86040-20-8.
- Varios (en liña). Enciclopedia Galega Universal Ir Indo, artigo "Pindo, monte do". Vigo: Ir Indo Edicións S.A..
- Arturo Romaní García et al. (en CD). Gran Enciclopedia Galega, artigo "PINDO, Montes do". Ed. Silverio Cañada.
Outros artigos [editar]
|
||||||||||||||||||||||||