Dumnonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dumnonia é o nome latinizado dun reino ou conxunto de sub-reinos britanos da Britania posromana que existiu entre o século IV e o século VIII d.C., na península hoxe coñecida como Cornualles. Incluía a área coñecida posteriormente como Devon, así como partes de Somerset e, posiblemente, Dorset. A súa fronteira oriental estaba suxeita a continuos cambios.

Cadbury Castle, Somerset

Interprétase xeralmente que incluía "Cornubia" ou Cornualles, aínda que o reino de Cornualles estaba poboado por unha subtribo, os cornovii, que aparentemente posuíron un alto grado de independencia que mantiveron mesmo despois de que outras zonas de Dumnonia caesen baixo control anglosaxón, entre os séculos VII e X d.C.[1]

Nome[editar | editar a fonte]

Tribos célticas do sur de Britania ó inicio do período romano
Reinos britónicos do suroeste de Britania no século V d.C.

O nome do reino procede dos Dumnonii, unha tribo celta britónica que habitaba xa o suroeste da illa cando os romanos chegaron a Britania, dacordo coa Geographia de Claudio Ptolomeo.[2] Variacións do nome Dumnonia inclúen “Domnonia” e “Damnonia”, sendo acuñado este último por San Gildas no século VI d.C., facendo un xogo de palabras coa expresión latina “damnum”, que significa condenación. Era un xeito un tanto xocoso de manifestar a negativa opinión que lle merecía o entón gobernante do reino, Constantino de Dumnonia.[3] O nome ten orixes etimolóxicas na raíz protocéltica “*dumno-“, que significa tanto “fondo” como “mundo”. Outras tribos con nomes similares existiron en Escocia (Damnonii) e Irlanda (Fir Domnann).[3] Posteriormente, a área empezou a ser coñecida polos anglos do veciño Wessex como o reino de Gales Occidental, e chamaron ós seus habitantes “Defnas” (xente de Dumnonia). En galés antigo, e de xeito similar, en britónico suroccidental, a expresión utilizada era “Dyfneint”, que sobreviviu no nome do condado de Devon (galés moderno: “Dyfnant”, córnico: “Dewnans”).

Como consecuencia da emigración dende Britania suroccidental ó norte da península de Armórica, un reino irmán, chamado Domnonia (bretón: “Dumnonea”, francés: “Domnonée”) foi establecido na costa norte do que máis tarde se coñecería como Bretaña. Esta emigración produciuse nos séculos V d.C. e VI d.C. e suxeriuse que os Dumnonii viron a fin do Imperio Romano como unha oportunidade de establecer dominios noutros territorios.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pearce, Susan M. (1978), The Kingdom of Dumnonia: Studies in History and Tradition in South-Western Britain A.D. 350-1150 Padstow: Lodenek Press.
  2. "Geographia, Book 2, Chapter 2: Albion island of Britannia". http://penelope.uchicago.edu/Thayer/E/Gazetteer/Periods/Roman/_Texts/Ptolemy/2/2*.html. Consultado o 26 de abril de 2008.
  3. 3,0 3,1 John T. Koch, Celtic Culture: a historical encyclopaedia, 2006
  4. Yorke, Barbara, Wessex in the early Middle Ages, 1995