Lobishome

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Graffiti dun lobishome en Pontevedra.

Un lobishome ou home lobo é un home que se cre convertido en lobo e se comporta como tal. Os lobishomes son os protagonistas de moitas lendas populares galegas e de fóra. Tamén se denomina co termo culto licántropo.

Características[editar | editar a fonte]

A palabra vén do latín "hominem lupum" (home lobo). Esta figura mítica podería estar relacionada coa enfermidade mental chamada kynanthropos ou lykanthropos nosos, estudada xa polo médico do tempo de Adriano, Marcelo de Side.

Na crenza popular as metamorfoses obedecen a diferentes motivos: á maldición do pai, a ter nado o 24 de Nadal, noite do nacimento de Cristo ou a ser o sétimo fillo home (noutras versións, o noveno). Tamén existe a tradición que sinala que un matrimonio que teña sete fillas, e ningún home, ten a obriga de entregar a súa filla, que se converterá en peeira dos lobos; tamén pode caer a fada por envexa, bruxería ou meigallo que lle fagan a un, ou por unha soberbia que botase el mesmo.

O lobishome de noite cámbiase en lobo de distintos xeitos. Os primeiros síntomas da doenza preséntanse en forma de fonda tristura. A seguir, nun día determinado, xeralmente un venres ás doce da noite, foxe da casa e prodúcese a transformación. Fai entón toda clase de ruindades e crimes, especialmente con seres humanos. Namentres anda de lobo, non hai pau, nin pedra, nin arma branca, nin bala que o poida ferir. Pódese crebar a mala fada de varios xeitos: facéndolle sangue; quitándolle a pel de lobo que leva e, principalmente, queimándolla; sorprendéndoo e descubríndoo cando se emborca na poeira.

O máis corrente é que o lobishome soamente ande convertido en lobo por tempadas, ou polas noites, ou durante certos días, e a fada pódelle durar máis ou menos anos.

Do lobishome correron por Europa centos de historias e casos que deron lugar a causas por bruxería e a escritos de moitas sortes. Na literatura clásica aparece, como máis citado, o caso do rei Lycaon de Arcadia, convertido en lobo por Zeus, por terlle dedicado sacrificios humanos, ou por Hera, en vinganza dos amores de Zeus con Calisto, filla daquel rei. O caso de Rómulo e Remo aseméllase ao dos nosos peeiros dos lobos. Onde foi máis corrente a crenza é nos pobos xermánicos. Unha historia típica é a do cabaleiro que vai de caza, persegue a unha loba e chega a lle cortar unha das patas de diante; de volta ao seu castelo, atopa a súa muller cun brazo cortado e botando sangue.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia a tradición sinala que se un matrimonio ten sete ou nove fillos homes sen que nacese femia ningunha polo medio, o último queda marcado polo estigma da fada, converténdose en lobishome, foxe para o bosque por un período de sete anos (aínda que segundo as zonas pode variar entre seis e nove anos), e nese tempo non pode ser ferido nin capturado. Con todo, na tradición galega tamén existe o neno que nace xa cos síntomas do lobishome e que padece ciclicamente os síntomas.

Un dos casos máis coñecidos de lobishome foi Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

O lobo da xente, Novela de Vicente Risco.