Nabo
O nabo, Brassica rapa L., é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme, e tamén para o consumo das súas follas. As variedades de raíz tenra utilízanse para o consumo humano, mentres que as maiores se destinan a forraxe para o gando.
Os nabos son moi populares en Europa, en particular nas rexións máis frías, xa que se poden almacenar durante varios meses despois da colleita, e tamén no Río da Prata. Tamén poden crecer en forma silvestre.
Índice |
Características [editar]
A variedade máis común comercializada como hortaliza en Europa e Norteamérica é principalmente a de pel e carne branca, a excepción dos 1-3 cm superiores que, ao sobresaír da terra e recibir a luz do sol, son de cor púrpura, avermellada ou verdosa.
Esta parte superior desenvólvese a partir do tecido do caule, pero permanece soldada á raíz, que é practicamente esférica, de ao redor de 5-15 cm de diámetro e carente de radículas laterais. A raíz principal (que se encontra por debaixo da raíz engrosada) é delgada e duns 10 cm de lonxitude.
As follas son de dúas clases: as vexetativas son as nabizas, e as do rebento floral, os grelos. Medran directamente sobre a parte superior sen a penas colo. Son tamén comestíbeis, e moi populares en Galicia e outras zonas do noroeste da península Ibérica (Asturias, o Bierzo, norte de Portugal) e deben consumirse moi frescas.
Os nabos chegan a pesar máis de 1 kg. Porén, pódense *colleitar cando son máis pequenos. O tamaño dos máis pequenos é función da variedade e do tempo que se deixou crecer.
A maior parte son variedades especiais, que só están dispoñíbeis cando se recolleitan, e non se conservan durante moito tempo. Adoitan consumirse (follas incluídas) crus, en ensaladas, como os ravos e, dependendo da variedade, teñen a carne amarela, alaranxada ou avermellada.
Orixe [editar]
O nabo cultivábase xa na Antiga Grecia e durante o Imperio romano. Aínda que se descoñece o lugar exacto onde se cultivou por primeira vez, barállanse Afganistán, Paquistán e a rexión do Mediterráneo como principais candidatos.
Antigamente era un alimento básico na cociña europea; porén foi substituído despois da introdución da pataca, importada de Sudamérica polos españois no século XVI.
Hoxe en día volve a ser un apreciado ingrediente en gornicións de asados ou en puré.
Sinonimia galega [editar]
Ademais de nabo, a raíz engrosada desta planta coñécese en Galicia tamén como nabo galego, nabo forraxeiro, cabeza de nabo, carola e grela. As follas, como quedou dito, nabizas e grelos.
Os nabos na cultura popular galega [editar]
-
-
- Do nabo sal a nabiza,
- Da nabiza sal o grelo,
- son tres persoas distintas
- e un solo Dios verdadeiro.
-
Refraneiro
- Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento [1]
- Caldo de nabos, non o tires, que dun día pra outro sirve.
- Cando pasan nabos, mercalos.
- Nabo, nabiza e grelo, trinidade do galego.
- Nabos e coles, comer de señores.
- Nabos e fidalgos, raros.
- Os nabos e os peixes no tempo da xiada crecen.
- Polo tempo de tódolos Santos mira os nabos; se fosen bos, di que son malos.
- Quen queira nabos, vaia arrincalos.
- Se o mes de agosto vén craro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.
- Se queres ter bos nabos, en San Xoan tes que sementalos.
Cantigueiro
- Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño. [2]
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Bibliografía [editar]
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.