Linguas célticas insulares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O céltico insular é unha das dúas grandes ramas das linguas célticas. Comprende as linguas celtas faladas nas Illas Británicas e tamén o bretón. Algúns considerarán que o bretón, que aínda se fala en Bretaña (norte de Francia), debería ser considerado unha lingua continental. Pero a súa orixe é insular, como se verá despois.

O céltico insular divídese en dous grupos: o irlandés ou goidélico e o británico ou britónico.

Irlandés ou goidélico[editar | editar a fonte]

"Goídel" en irlandés antigo significa habitante de Irlanda. Esta forma evolucionou ata os nosos días e é o termo "gael" o que se refire a este significado. Polo tanto, é correcto falar do goidélico ou gaélico para referirse a este grupo de linguas celtas insulares.

O céltico irlandés era a única lingua que se falaba en Irlanda no século V, momento en que se empezan a ter datos históricos destas illas. Os outros dous membros deste grupo, o gaélico escocés e o manx xurdiron debido á colonización irlandesa que tivo lugar por aquela época. Aínda que se sabe que houbo colonos irlandeses na zona da actual Gales, non se conservaron pegadas da súa lingua, agás algunhas inscricións.

Británico ou britónico[editar | editar a fonte]

"Brython" é a palabra galesa con que os habitantes de Gran Bretaña e Bretaña se referían a si mesmos. O britónico tamén se falou na illa de Man, aínda que o dialecto celta falado na actualidade é goidélico.

Os vestixios que se conservan remítennos a unha lingua de raíz posibelmente non indoeuropea que se falaba na zona de Escocia, o picto, que posteriormente foi substituída polo británico. Coa invasión dos irlandeses por un lado e dos ingleses por outro, que a partir do sur de Inglaterra chegaron ata Escocia, formáronse bolsas de falantes que crearon os seus propios dialectos. Así formáronse dúas áreas lingüísticas principais en Escocia: a zona xermánica (escotos, emparentados estreitamente cos ingleses) e a zona irlandesa (erse, termo que os escoceses utilizaron para referirse aos irlandeses ou gaélicos). Houbo un dialecto chamado cúmbrico localizado na fronteira occidental entre Inglaterra e Escocia probabelmente ata o século X, pero non se conservou case nada del.

O británico dominó como lingua na actual Gales, que é a lingua que se coñece hoxe como galés. Tamén se conservou unha forma dialectal do britónico na zona de Cornualles ata o século XVIII, o córnico. Foi desde esta rexión da que partiron numerosos grupos de emigrantes nos séculos V e VI conservando a súa cultura celta, a cal levaron ata o continente Europeo. Estableceron colonias ao noroeste de Francia, na Bretaña. Aínda que é probábel que aínda quedasen vestixios dalgunha lingua céltica continental nesa zona (o galo, por exemplo), sería moi arriscado dicir polas fontes das que se dispoñen e sobre todo pola época, que o galo puidese haber tido algunha influencia clara na lingua.

Linguas célticas modernas
Chwe Chenedl Geltaidd syml.png
Celtas
Britónico
(Celta P)
Goidélico
(Celta Q)
Flag of Brittany (Gwenn ha du).svg
Flag of Cornwall.svg
Flag of Wales 2.svg
Flag of Ireland.svg
Flag of the Isle of Mann.svg
Flag of Scotland.svg
Bretón · Córnico · Galés | Irlandés · Manx · Gaélico escocés
Ccross.png
Ver tamén: Lingüística · Celtas · Países celtas