Santuario de Santo André de Teixido

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santo André de Teixido
Santuario de Santo André de Teixido
Datos xerais
PaísEspaña
TipoCapela
AdvocaciónSanto André Apóstolo
LocalizaciónTeixido (Cedeira)
Coordenadas43°42′18″N 7°57′24″O / 43.705, -7.9568Coordenadas: 43°42′18″N 7°57′24″O / 43.705, -7.9568
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseMondoñedo-Ferrol
Arquitectura
ConstruciónSéculo XII
EstiloGótico de tipoloxía mariñeira
S. André de Teixido en Galicia
S. André de Teixido
S. André de Teixido
Localización de Santo André de Teixido.
editar datos en Wikidata ]

O santuario de Santo André de Teixido é unha capela situada na parroquia de Teixido, no leste do concello de Cedeira, e preto de cabo Ortegal. É un famoso lugar de peregrinación, ao que, segundo o dito popular "vai de morto quen non foi de vivo". A romaría principal ten lugar o 8 de setembro, aínda que ao longo do ano se celebran outras menos concorridas, como a do 30 de novembro, máis litúrxica. Cargado de forte significación antropolóxica; dende o punto de vista artístico, o máis notable é o retablo barroco.[1]

Considérase que a peregrinación a este lugar vén xa dende a Idade de Ferro, porén o primeiro rexistro do que hai constancia é do ano 1391. Tamén foi citada polo Padre Sarmiento no seu libro Viaxe a Galicia (1754-1755), despois de visitalo. Ó longo de todos estes séculos varias tradicións forxáronse ó redor deste culto, e forman parte xa da súa lenda.

Lenda do santuario[editar | editar a fonte]

Hai unha lenda de clara orixe popular que explica as orixes do santuario. A lenda parte sempre da chegada do apóstolo Santo André ou dos seus restos a este punto de xeografía galega. Neste punto a lenda sepárase en dúas versións, na primeira, Santo André queixase ao Noso Señor do afastado e montesío do sitio que vai facer que ningún romeiro se achegue ata tan lonxe,[2] ao que Cristo responde: Quédate eiquí, San Andrés,/que de mortos ou de vivos/todos te virán ver. Noutra versión, Santo André compárase co seu compañeiro de apostolado, Santiago, que ten templo grande, camiño de sona e miles de romeiros, mentres que el apenas ten fieis que lle recen. Tamén neste caso o Señor promete compensarlle o suposto aldraxe asegurándolle que han de ir de mortos os que non foron de vivos.

Peregrinación[editar | editar a fonte]

Indicativo do camiño de Santo André

Os romeiros tiñan o costume de botar unha pedra nos amilladoiros situados a ambos os dous lados do camiño (cóntanse ata 20 amilladoiros entre o lugar de Veriño de Abaixo e Teixido). As pedras do amilladoiro di a lenda que "falarán" no Xuízo Final para dicir quen cumpriu coa promesa de ir a Santo André.

A peregrinación a Teixido considérase que se deu xa a partir da Idade de Ferro, cando a cultura castrexa.[3] Porén, o primeiro rexistro da existencia de peregrinación dáse no ano 1391, no testamento dunha señora de Viveiro, que di "Iten mando yr por min en romaria a Santo Andre de Teixido, porque llo tenno prometudo, et que le ponnan enno seu altar hua candea commo he hua muller de meu estado".[4][5]

Na zona do Concello de Cotobade chámaselle Camiño de Santo André á Vía Láctea e dise que remata enriba da capela do santuario.[6]

No santuario do San Andrés non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra.
Ramón Otero Pedrayo: Pelerinaxes I (1929)

O templo[editar | editar a fonte]

Historia[editar | editar a fonte]

A capela atópase situada na serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar, a escasos quilómetros de cabo Ortegal. O santuario foi estudado por primeira vez de forma científica por Federico Maciñeira e Pardo de Lama, historiador ortigueirés, no libro "San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones", publicado en 1921[7] e reeditada de forma facsimilar en dúas ocasiones. A segunda obra fundamental no estudo do santuario é "El Santuario de San Andrés de Teixido"[8], editada en 1972 por Rafael Usero, actual cronista oficial de Cedeira. En ambos traballos dase conta de que o culto ou interese polo lugar é anterior á chegada do cristianismo á zona.

O Padre Sarmiento visitou esta igrexa o sábado 14 de xuño de 1755 e referiuse a ela como pequena, vella e indigna, na que, agás o retablo, non existía adorno algún.[9]

[...] A beira non ten areal algún, todo é penedos. Xunto á ermida vai un regato, e preto hai unha fonte de mala auga.
A igrexa é pequena, vella, indigna, e excepto o retabliño novo, sen adorno ningún. [...] É infinito o concurso de Romeiros que ven aquí por agosto. E é vergonza o pouco que se utilizan as esmolas en favor da Igrexa.
Martín Sarmiento [9][a]
Retablo barroco.

O templo ten a súa orixe nun mosteiro do que se ten constancia da súa existencia desde o século XII, baixo a protección dos condes de Trava. En 1196 entregárono a orde de San Xoán de Xerusalén, que tiñan a súa base en Portomarín. Tempo máis tarde o templo pasou a mans dos Andrade de San Sadurniño, familia da que se conservan os seus escudos na fábrica, xunto coa cruz dos cabaleiros de Xerusalén e a lenda "D SAN IVAN".[10]

Esta dupla dependencia do santuario configurouse como unha fonte de conflitos para o control das ganancias romeiras, como o longo litixio polos décimos entre os Andrade e o priorado de Portomarín. Contraditoriamente esta inestabilidade coincidiu cunha bonanza económica do santuario materializada na construción do retablo barroco en 1624,[11] chegando á reedificación do presbiterio no 1665 e a nave en 1785.

Descrición[editar | editar a fonte]

Atendendo a súa estrutura trátase dun templo gótico de tipoloxía mariñeira.[11] O elemento que conserva máis antigo é o arco triunfal, de tipo apuntado.

As partes máis antigas corresponden á época dos Andrade: a ábsida que era inicialmente abovedada e a porta lateral composta por un arco conopial de tipo isabelino, propio do gótico tardío, e que debeu de servir de porta principal do templo desde o século XV ao XVIII.

Este deseño foi complementado coa construción da nova fachada e a torre campanario, rematada no 1781 grazas ao aumento dos beneficios produto da auxe romeira da época.[11]

No ano 1970 descubríronse pinturas murais coa representación do martirio de Santo André.

Lendas e tradicións[editar | editar a fonte]

A alma do morto levada por familiares[editar | editar a fonte]

Sanandresiños.

O que se ofreceu a Santo André e non foi de vivo, debe ir de morto, e para iso un xeito de cumprir coa romaría é coa axuda dos seus familiares vivos (normalmente dous) acompañando á alma do morto.[12] Antes de comezar a peregrinación, os parentes van o cemiterio onde se encontra a tumba do defunto, para convidar ao espírito do morto a facer a viaxe con eles.

O pan de Santo André[editar | editar a fonte]

Co miolo do pan fanse "sanandresiños", figuras representativas da romaría. Inicialmente había 3 figuras: un home, unha muller e unha pomba. Hoxe en día son 5 as figuras representadas e son:

  • A man: protección para o amor, as boas compañías e a amizade.
  • O peixe: protección para o traballo e o sustento.
  • A barca: protección para as viaxes, a casa e os negocios.
  • O santo: protección para a saúde física e mental e a boa convivencia.
  • O pensamento: protección para os estudos, as probas e o sentidiño. Eficaz contra a envexa e o mal de ollo.
Fonte dos tres canos

A fonte dos tres canos[editar | editar a fonte]

Á fonte dos tres canos, ou "fonte do santo", consultábanlle sobre se Santo André concedería ou non o que se lle pedía. Para iso, botábase un faragullo de pan. Se flotaba, era porque o santo atendería a súplica. Se asolagaba, non había esperanza. Segundo outra versión, se o faragullo de pan flotaba, o interesado volvería de novo a Santo André.

A herba de namorar[editar | editar a fonte]

A herba de namorar (Armeria pubigera) dáse nos arredores de Teixido, e dise boa para resolver os problemas de amores. É tradición volver da romaxe a San Andrés cun ramo da herba de namorar, que se colga nas ventás das casas como testemuña pública de ter feito a romaxe, como lembra Maciñeira[13]. A herba ten uns talos leñosos que se conservan secos durante moti tempo.

O ramo[editar | editar a fonte]

Unha das tradicións consiste en volver da romaría co ramo de Santo André. O ramo consiste nunha vara de abeleira, e atadas nela, varias poliñas de teixo. Ao ramo tamén se lle pon algo de "herba de namorar".

Cantigueiro ó Santo André[editar | editar a fonte]

  • A San Andrés de Teixido/ fun coa cesta na cabeza,/ fun por mar e vin por terra/ o santiño mo agradeza.
  • Fun ó santo San Andrés/ alá no cabo do mundo;/ sólo por te ver, meu santo,/ tres días hai que non durmo.
  • Fun ó santo San Andrés,/ fun alá e hei volver,/ quedoume a ñima mantilla/ no seu altar por coller.
  • Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada.
  • Indo para San Andrés/ seica me veu un agoiro,/ non puiden levar a pedra/ ó primeiro amilladoiro.
  • Meu divino San Andrés/ este ano alá non vou,/ pola falta de diñeiro/ moita xente se quedou.
  • Meu divino San Andrés,/ tellas do voso tellado,/ elas de lonxe parecen/ ouro fino amartelado.
  • Meu señor San Andresiño/ que está na alta ribeira,/ véñolle pedir, meu santo,/ a salvación verdadeira.
  • Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada.
  • O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar.
  • O San Andrés de Teixido/ está dereito na porta/ mirando para os romeiros/ como lle baixan a costa.
  • Pasei a ponte do Porco,/ paseille a man polo lombo,/ meu divino San Andrés/ o voso camiño é longo.[b]
  • Meu Señor San Andresiño/ póñano-lo vento en popa/ que sómo-los de Cariño/ traémo-la vela rota.[14]
  • O Divino San Andrés/ ten a sardiña no cinto/ que lla deu un mariñeiro/ que andaba no mar perdido.[15]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tradución ao galego do orixinal: [...] La orilla no tiene arenal alguno, todo es peñascos. Por junto la hermita va un arroyo, y cerca ay una fuente de mala agua. La iglesia es pequeña, vieja, indigna, y excepto el retablito nuevo, sin adorno alguno. [...] Es infinito el concurso de Romeros que viene aquí por agosto. Y es vergüenza lo poco que se utilizan las limosnas en favor de la Iglesia.
  2. Fai referencia á ponte do Porco, en Miño, sobre o río Lambre, que mandara construír Fernán Peres de Andrade o Boo e no que había a figura dun xabaril.
Referencias
  1. Cegarra, Basilio (1999). Guía e rutas da arte. A Coruña. Guías Galaxia. Vigo: Editorial Galaxia. p. 21. ISBN 84-8288-326-7. 
  2. Fraguas 1988.
  3. Armada Pita, Xosé Lois: "Cultos ancestrais e peregrinacións a Teixido", en Aulas no Camiño. Rutas Atlánticas (J. Leira ed.), Universidade da Coruña, 1997.
  4. La diócesis en imágenes (en castelán)
  5. Cal Pardo, Enrique (1991). "De Viveiro en la Edad Media". Estudios Mindonienses 7: 11–226. ISSN 0213-4357. 
  6. Alonso Romero, F.: Santos e barcos de pedra, Ed. Xerais, Vigo, 1991, p. 123.
  7. Maciñeira e Pardo de Lama, Federico (1921). San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. A Coruña. 
  8. Usero, Rafel (1972). El Santuario de San Andrés de Teixido. Santiago de Compostela. 
  9. 9,0 9,1 Álamo, Mateo del e Pérez de Urbel, Justo (transcrición): Viaje a Galicia de Fr. M. Sarmiento (1754-1755), p. 55-56, Sánchez Cantón e Pita Andrade (ed.), Santiago de Compostela, Cuadernos de Estudios Gallegos, IEGPS, 1950.
  10. Soraluce Blond 1999, p. 124.
  11. 11,0 11,1 11,2 Soraluce Blond 1999, p. 125.
  12. Fraguas Fraguas 1998, p. 338.
  13. Maciñeira e Pardo de Lama, Federico (1921). San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. A Coruña. 
  14. González Pérez 1998, p. 289.
  15. Fraguas 1988, p. 43.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fraguas Fraguas, Antonio (1998). "Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar". Antropoloxía mariñeira…. pp. 335–348. 
  • Fuentes Alende, Xosé (1998). "Os exvotos de tema mariñeiro en Galicia". Antropoloxía mariñeira…. pp. 315–334. 
  • González Pérez, Clodio (1998). "Devocións mariñeiras: Do Corpo Santo á Virxe do Carme". Antropoloxía mariñeira…. pp. 283–313. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]